8ª Chanfaina Lab (17). Estrea: venres 26 de abril do 2024
Dirección e montaxe: Xoán Rodríguez Caridad
Guión: María Magdalena Rodríguez Caridad e Xoán Rodríguez Caridad
Fotografía: Iago Lourido, Bieito Beceiro, Joam Cortizas e Xoán Rodríguez Caridad
Maquillaxe: Aroa Calvo
Reparto: Soraya Yáñez, Ana Breixo Gundín, Aroa Calvo, Antonio Comba, Joam Cortizas, Xoán Rodríguez Caridad
Música: Xoán Rodríguez Caridad e David Fesliyan
Sinopse: "Un detective privado aparece en San Sadurniño seguindo un caso pero -impacto dramático- non é un detective calquera, é Xangal Detective Paranormal e o caso que seguía era unha pista falsa pero -impacto dramático- ofrécenlle seguir outro caso que pode ser *Normal*, mais a súa economía está moi mal, polo que non vai negarse a aceptalo. Resolverá o caso do asasinato? -fundido a negro dramático-"
Duración: 7:38’’
Gravado en Bar DZINE, Cemiterio de San Sadurniño, Casa rural Outeiro , Librería Brétema dentro do programa da 8ª Chanfainalab
Xoán Rodríguez Caridad (Cedeira, 1998)
Curioso polo mundo que o rodea. Decidiu estudar arquitectura e disposto a axudar aos compañeiros abriu súa propia canle de Youtube para facer o que non facían os profes da uni (explicar a materia). Coas novas habilidades de edición de vídeo ben aprendidas, podía facer o que quixera e sempre quixo como cantar parodias ou un programa de cociña. Tamén dirixir películas ou ser monologuista. E recentemente e como sempre quixo ser ilustrador e músico asociouse cun amigo gótico para crear a canle Contos de Santalla que foi nominado ao mellor vídeo en Youtubeir@s e finalista nos premios Xuventude Crea.
Xoán achegouse a San Sadurniño con sobrada experiencia creativa na rede e deseguida conectou con outros cineastas aos que axudou nas súas pezas coma "Velos na Tebra" de Iago Lourido. A Xoán rondáballe polo maxín construír unha historia co seu persoaxe "Xangal, detective paranormal": "Non sabería dicir de onde saíu o nome de Xangal. Por sorte, a miña irmá axudoume co esquema do guión mentres almorzabamos, penso que os mellores procesos creativos prodúcense nunha cafetería. Despois de refinar o guión só ficaba gravalo. Como non coñecía ben as rutinas do Chanfainalab non solicitei con antelación actores, así que tiven que improvisar con outros mozos chanfaineiros, o que fixo mais divertida a produción. Das actuacións é de dicir que a máis se resinte é a miña, dirixir e actuar fíxoseme difícil e por iso estou un pouco teso e mirando a cámara. Tamén debín gravar máis tomas para a montaxe, dar máis aire ao guión e acentuar algún diálogos neses espazos. Ademais faltaron os tiktoks promocionando o negocio de detective, pero non atopei referencias que me gustaran. Respecto á música, na miña cabeza pensaba nun riff de guitarra de rock pero iso está moi usado e non casa co noso momento actual. Na miña escola de arquitectura ensínannos que debemos captar o espírito do momento na nosa obra. E o momento actual pedía Phonk. Así que a partir do sampleo dun KassKass , o cal xa tiña ese roio detective, xurdiu o tema. Gustaríame ter contactado con músicos de Sansa pero non sabería como explicarlles que era o que quería e seguramente retrasaría a produción, así que decidinme por facela eu mesmo".
"Xangal, detective paranormal" é unha parodia do cinema negro con toques propios dun creador de contido que se manexa moi ben nos xéneros propios da rede. O propio Xoán non sabe onde encadralo máis aló do clásico Philip Marlowe: "Supoño que thriller rural galego quédalle ben, pero noto o termo un pouco grillado, falta o toque de humor que ten a peza. Sería máis ben unha de detectives disparatados como Rogger Rabbit. Polo que percibín na proxección funcionou ben, alegreime moito de que a xente se divertira. Aínda que penso que, ao mellor, a montaxe poderíase ter feito doutra maneira para que transmitira máis a intención pero faltáronme gravar planos recurso cos que xogar. Aínda así quedou moito mellor do que me imaxinaba, inclusive saíron cousas da manga como os banners que foron improvisados e o uso de cor diferenciando as escenas. Ao final puiden crear unha estética determinada. Agora só queda tentalo mover para que o vexa o máximo número de persoas e pensar nas seguintes partes." Prepárense logo para botar unhas risas co eficacísimo e aloucado detective que aterrou por Sansa durante a Chanfainalab. Diso precisamente se trata, de pasar un moi bo rato da man deste novísimo e resolutivo cineasta cedeirés.
Fotografías de César Galdo.
"Xangal, detective paranormal"
Xoán Rodríguez Caridad na sesión preparatoria da 8ª Chanfainalab
Xoán Rodríguez Caridad de conversa con Manolo Gómez e Cristina González
Xoán Rodríguez Caridad na plantacion da árbore conmemorativa da 8ª chanfainalab
Xoán Rodríguez Caridad plantando o sanguiño conmemorativo da 8ª chanfainalab
Xoán Rodríguez Caridad na foto da plantación
Xoán Rodríguez Caridad na foto oficial da 8ª Chanfainalab
Xoán Rodríguez Caridad e a súa cámara
Preparando un plano con Soraya Yáñez
Soraya Yáñez, actriz de Xangal
Xoán Rodríguez Caridad en acción
Xoán Rodríguez Caridad na "Eira de cineastas"
Xoán R. Caridad no cinemobil de José Gil
Xoán Rodríguez Caridad presentando a Xangal
Público da gala da 8ª Chanfainalab na Casa da Cultura
Xoán Rodríguez Caridad coa súa Lola Chanfaineira
Xoán Rodríguez Caridad cos cineastas da 8ª Chanfainalab
Xoán Rodríguez presenta "Xangal, detective paranormal"