Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018 Chanfaina Lab seleccionada no banco de boas prácticas da xestión cultural Chanfaina Lab, XI Premio José Sellier

extramuros

Olladas das xentes que visitaron San Sadurniño e deixaron testemuñas en forma de textos, imaxes, pinturas ou filmes: visitantes senlleiros,

"Dedos do demo, ollos de cabalo"

O Forgoselo e Naraio, 2024

8ª Chanfaina Lab (16). Estrea: venres 19 de abril do 2024
Dirección, cámara e montaxe: Nela Fraga
Coa colaboración de Saúl Rivas e o apoio emocional de Leo.
Sinopse: "Os “dedos do Demo” (Clathrus archeri) é un fungo raro orixinario dos nosos antípodas que chegou a Europa durante a I Guerra Mundial, nas botas dos soldados australianos. O seu aspecto inquietante valeulle o nome e o seu cheiro nauseabundo -a carne en descomposición-, agoira a súa presenza. Deste primeiro achado parte unha breve ascensión da liña que une a Fonte de San Roque de Eirixado, a Fervenza de Naraío e o Vértice Xeodésico de Racamonde. Un trazado fondo desta terra, do que agroman enerxías que non son neutras. Avanzar polo telúrico San Sadurniño enfrontando un espello ao visible, devolvéndolle á luz e á sombra aquilo que proxectan, semella, máis que un camiño, un rego de arado inmaterial. Espreitar así é abrir a Terra e deixar ao descuberto o Mal e o Ben que contén, e, deste xeito, reflexionar sobre a súa natureza e o noso papel nela, poñendo de manifesto que a súa simple observación pode ensinarnos a tomar partido"
Duración: 7:18’’
Gravado na Fonte de San Roque de Eirixado e sendeiro do Río Castro, Fervenza de Naraío
e Serra do Forgoselo dentro do programa da 8ª Chanfainalab.



Nela Fraga. (Ourense, 1988).
Viviu sempre namorada do cine sen saber se se trataba dun amor correspondido. Moitos anos de lecturas filolóxicas, comunicación e xestións culturais despois, logo de axudar a outras creadoras e creadores a cumprir os seus soños, pasou á acción. Primeiro en tímidas aproximacións, cos videoclips para as cancións do artista Secho ‘As sensacións’ e ‘Recuperar’ . Agora entrégase xa a un idilio co cine máis libre e salvaxe, como os cabalos do Forgoselo, que caeu nas súas mans en forma de tomavistas de Super 8. No pasado marzo estreou en San Sadurniño "Dedos do demo, ollos de cabalo" e, seguidamente, a súa ópera prima ‘EXPOSED’ na Filmoteca de Galicia. Afirma que “xa non hai volta atrás” e predica: “Longa vida á ‘Chanfaina’, unicornio de cenorias que cabalga cada ano xerando espazos para soñar creacións que hoxe semellan imposíbeis”.

Nela Fraga decidiu participar na Chanfainalab como unha cineasta exploradora, na procura de tesouros nun territorio descoñecido. O seu soporte de gravación ía a ser o cinema, pero os cartuchos de Super 8 de Kodak levaban consigo unha falla de fábrica no arrastre da película. Cando filmas, non podes saber se a película está correndo no tomavistas ou non: son os cartuchos de Schrödinger. Porén, coñecendo ese condicionante, Nela veuse arriba: “En realidade, a peza parte da sinxela aspiración de chegar aos cabalos do Forgoselo, cun tomavistas na man e un espello na outra, sen expectativas máis altas. Dese punto de partida lúdico e falto de control como a vida mesma, entran en xogo o citado factor e outros inherentes á alquimia do celuloide. Comezo a rodaxe sen poder saber o que está saíndo e o que non. Por exemplo, non quixeron saír o Castelo de Naraío, nin longas tomas con cabaliños azuis do demo na Fervenza de Naraío. Si quixeron saír : os dedos do demo, as augas da Fonte de San Roque (a quen axudamos no seu labor sacro levándolle o can que lle faltaba) e os cabalos do Forgoselo. Estes últimos, ata onde quixeron, pois a filmación rematou así: coa manda toda de cabalos salvaxes formando ante min, aceptándome logo de dúas horas entre eles, achegándose a un palmo de distancia nun momento máxico no que a película decidiu acabarse. Quedei alí sentada, co corazón disparado, sen poder moverme para cambiar de cartucho e sen saber se aquel momento de intimidade co salvaxe e puro, quedara retratado. Para rematar estes agasallos da alquimia: o revelado artesanal, realizado coa axuda de Tono Mejuto e Ángel Rueda trouxo consigo fantasías coloridas que reflectiron o misticismo dese momento".

"Dedos do demo, ollos de cabalo "é unha peza que zumega experimentación e vida por todos os poros do encadre e convive armónicamente co resto das pezas da presente edición. O importante dela non é o contido, senón o xeito aleatorio, caprichoso e vitalista no proceso de se construír: "O resultado final, unha vez revelado, pon de manifesto que as imaxes tiveron vontade de seu. Esa forza que guiou a miña man a través do espello decidiu que se ve e que non se ve. Dela xurdiron esas solarizacións que fan a película saltar do positivo ao negativo e viceversa, como as dúas caras dunha mesma realidade: a mística e a terreal; polarizando a luz e a sombra, como o Mal confronta o Ben, simbolizado neses “dedos do demo” en contraste coa bondade máxima do reino animal: aquela que se concentra nos ollos dun cabalo. Tendo vida propia estas imaxes, só restou o labor de darlles voz a través dun traballo de posprodución de son que reflectise esta revelación tan espiritual da que só fun un medio". En definitiva, unha peza singular e luminosa, case máxica, unha festa para os ollos que prestixia o catálogo da Chanfainalab. Nela Fraga expresa a perfección o significado da "ledicia de filmar".
Fotografías de César Galdo.

  • "Dedos do demo, ollos de cabalo"

  • Nela e Saúl na foto da plantación da árbore conmemorativa da 8ª Chanfainalab

  • Nela, Saul e Leo inspirándose diante da deusa Navia.

  • Nela e Saúl na fotografía oficial da 8ª Chanfainalab no alto do Forgoselo

  • Nela na "Eira de cineastas"

  • Nela, presentándose na "Eira de cineastas"

  • Nela no Forgoselo

  • Nela Fraga na procura dos cabalos do Forgoselo

  • Nela, ben acompañada no Forgoselo

  • Será un unicornio?

  • Na procura de máis cabalos

  • Nela en plena filmación

  • Nela en plena filmación 2

  • Mimetizada na paisaxe

  • Público na gala da estrea das pezas da 8ª Chanfaina Lab

  • Nela presentando a súa peza

  • Nela Fraga e a súa Lola Chanfaineira

  • Nela Fraga e cineastas da 8ª Chanfainalab

  • Cartel de "Dedos do demo, ollos de cabalo"

  • Nela Fraga presenta "Dedos do demo, ollos de cabalo"

load

Comentarios

Máis imaxes

Temas: animais, cinema, fontes, Forgoselo, gandeiría, Naraío, naturezas, visitantes, vídeos, Chanfaina'Lab

Autor/a: Nela Fraga

Compartir en: