Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018 Chanfaina Lab seleccionada no banco de boas prácticas da xestión cultural Chanfaina Lab, XI Premio José Sellier

xentes

Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.

Pelayo Casal Novo, alcalde no 36

Marques de Figueroa, San Sadurniño, 1936

Alcalde de San Sadurniño (1912-1914) e 1936-1937.
Naceu en 1867 en Ferreira, fillo dos labregos Vicente Casal e María Novo. Sendo aínda adolescente emigrou a Cuba, onde rexentará unha sombreirería moi popular na Habana . Retornou cunha pequena fortuna e arredor de 1907 fai casa na Avda do Marqués de Figueroa. No seu baixo abre un comercio de tecidos que a xente chamará a tenda de “Don Pelayo”. Casou con Carmen Alende Álvarez, coa que terá dous fillos: José Casal Alende e María Casal Alende. A prosperidade económica e o seu talante conservador serán motivos para ser elixido alcalde de 1912 a 1914 e varias veces concelleiro na década de 1920, sempre no ronsel do partido conservador ou da Unión Patriótica baixo a Ditadura de Primo de Rivera. En 1936 figuraba como o maior contribuínte "por urbana" da parroquia de San Sadurniño.

Cando Maximino Lobo Navascués, tenente da Garda Civil de Ortigueira interveña o Concello o 26 de xullo de 1936, cesará a Vicente Castro Naveiras, -o alcalde republicano- e nomea novo rexedor a Pelayo Casal, respectable industrial “de toda la vida” e veterano conservador que xa ten 69 anos. É o primeiro alcalde de San Sadurniño que repite mandato. Tamén o resto dos concelleiros foron seleccionados pola autoridade militar entre os homes mais adiñeirados e conservadores do concello: Segundo Yáñez Fernández, -maior contribuínte por industrial de San Sadurniño-, como 1º tenente de alcalde; Antonio Castrillón Rodríguez -maior contribuínte de Lamas-, 2ª tenente de alcalde; Ángel Luaces Castro, -maior contribuínte de Ferreira-, 3º tenente de alcalde; Manuel Yáñez Fernández, -maior contribuínte de Lamas-, síndico ; José María García Tuimil, maior contribuínte de Ferreira por industrial; Manuel Castro Lamas,contribuínte de Igrexafeita; Evaristo Gil Fontanes, maior contribuínte por industrial en Bardaos; José Naveiras Barro, Igrexafeita; José Vivero Soto, Monte; Manuel Montero García; Jose Carregado Lorenzo -morre o 3/9/1936-, substituído por Antonio Carregado Lorenzo, Naraío; Manuel Sisto Sedes, Bardaos. Todos xuran nese día “cumplir las disposiciones emanadas del poder público para el bien de la patria y de la República”. O primeiro pleno da primeira corporación franquista será o 28 de xullo de 1936.

Pelayo Casal será o “Delegado Civil” do Concello, auxiliado polos subdelegados civís das sete parroquias, quens terán que aplicar as "directrices" do poder militar durante o fatídico verán de 1936. En realidade deberán obedecer as ordes do Delegado militar, o tenente da Garda Civil de Ortigueira ou do Delegado de Orden público en Ferrol, o tamén comandante da Garda Civil Victoriano Suances Suances.
Entre as obrigas de Pelayo Casal durante o ano que exerza o cargo, estarán todas as derivadas da Guerra Civil que está a devastar España daquela: a organización burocrática do recrutamento forzoso dos mozos –morrerán mais de corenta na guerra-; as requisas de materiais e produtos de todo tipo para enviar á fronte bélica; a escrita dun elevado número de informes de "boa conduta" -o talante moderado de Pelayo Casal salvou algunhas vidas-; a depuración de mestres e funcionarios do concello, como o secretario municipal Juan Rilo o 17 de decembro de 1936.Tamén comezaron as actividades dun grupo local de milicianos e falanxistas que a primeiros de setembro está plenamente operativo: "En este ayuntamiento hay una milicia armada compuesta por los individuos que se expresan y bajo ordenes del Comandante del Puesto de la Guardia Civil, el cual les habilita armamento y municiones disponiendo de 11 mosquetones y 50 cartuchos cada uno, encontrándose en regular grado de instrucción".
O goberno municipal ademais, deberá acatar as "directivas" do Goberno franquista de Burgos, como a limpeza da "propaganda izquierdista, judeo-masónica o antirreligiosa" das rúas e prazas de San Sadurniño, as celebracións das vitorias do exército de Franco ou de "fiestas patrióticas" como o 2 de maio reconvertida en "Fiesta del Arbol"; a realización de actos de desagravio coa reinstauración do Crucifixo nas escolas (19 e 20 de agosto), o regreso da bandeira monárquica en setembro, ou a imposición de novos símbolos como a adquisición de telas para as bandeiras bicolores da "Nueva España" en decembro de 1936. Xa en febreiro de 1937 colócase unha “fotografía do Generalísimo con su marco para el salón de sesións”.. Como detalle anecdótico, o Concello merca varios exemplares do libro “Defensa contra los ataques aéreos” (10 ptas) para repartir entre varios veciños.
Pouco mais se fixo durante o seu escaso tempo -menos dun ano- coa vara da alcaldía. O orzamento que xestionou Pelayo Casal era o presupostado pola destituída corporación republicana: 49.295 ptas; o de 1937 aínda será inferior: 46 969 ptas. Todos os esforzos van encamiñados a proporcionar recursos para a fronte bélica. Poderán arranxar a ponte de Anido para garantir as comunicacións con As Somozas e o amaño da báscula de gando do campo da Feira e... pouco mais.
Porén, Pelayo Casal Novo presenta a dimisión o 1 de xullo de 1937 “por motivos de salud y edad avanzada”. O 19 de xullo de 1937 toma posesión como novo alcalde Segundo Yáñez Fernández. Nesta mesma sesión, a corporación municipal expresa "el agradecemento por su gestión en los difíciles momentos en que le correspondió actuar”
Pelayo Casal morre o 17 de xuño de 1944, aos 77 anos de idade, na súa casa de Marqués de Figueroa
Na ilustración, sinatura de Pelayo Casal. Agradeceríamos moito unha fotografía deste alcalde.

  • Pelayo Casal Novo, alcalde no 36

  • Casa de Pelayo Casal en Marqués de Figueroa

  • Decreto de Pelayo Novo Casal a primeiros de agosto de 1936

  • Telegrama de requisas de tecidos e la

  • Certificado de boa conducta a Senén López Loureiro

  • Grupo de milicianos e falangistas de San Sadurniño

  • Limpeza de fachadas

  • Recristianización das Escolas públicas no 36

  • Festa do arbol en 1937

  • Victoriano Suances en San Sadurniño (Pueblo gallego 9/9/1936)

  • Anuncios colocados polas parroquias de San Sadurniño

  • Subdelegados civís das parroquias de San Sadurniño en 1936

load

Comentarios

Máis imaxes

Temas: Alcaldes de San Sadurniño, conflitos, emigración, guerra, San Sadurniño (Concello), xente, Ferreira

Compartir en: