Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.
A Esperanza, Santa Mariña do Monte, 2016
3ª Chanfaina Lab (7). Estrea venres 31 de marzo do 2017.
Directora: Beatriz del Monte
Reparto: Irene Beceiro, Amparo Calvo, Manolita González e Balbina Cibreiro.
Sinopse: "Nais e fillas. Catro xeracións dunha mesma familia. Toman café, charlan e rin, pero tralas risas agochan silencios gardados durante anos, porque aínda lles queda moito por se dicir..."
Duración: 11' 38''
Gravada nos días 3 e 4 de setembro do 2016 na parroquia de Santa Mariña do Monte dentro do programa da 3ª Chanfainalab.
Beatriz del Monte é unha experimentada directora e guionista de cine e televisión formada na Escola de Imaxe e Son de Coruña. Socia fundadora en 1999, xunto con Antón Reixa e Xosé Moráis, da produtora de cine e televisión Filmanova , onde ademais de dirixir algunhas das súas producións, traballa no departamento de Desenvolvemento e Deseño de produción. Nese tempo ten dirixido series de ficción como “Mareas vivas”, “Galicia Exprés”, “Os Atlánticos” ou “4º sen ascensor”. Tamén foi realizadora do primeiro “reality” galego: “A Casa de 1906” e asistiu á dirección da película “O lapis do carpinteiro”. Abandona Filmanova no 2005 para continuar de xeito independente a súa carreira como directora, orientándose cara a creación audiovisual máis experimental e independiente con proxectos como “Home”, “Agosto” ou “22 cicatrices”.
Dende o ano 2012 xestiona "El Ambigú. Taller de Imágenes y Sonidos", un espazo adicado á creación, formación e difusión de contidos audiovisuais, onde tenta revitalizar a cultura na cidade de Coruña mediante unha cobizosa e variada programación que inclúen algúns filmes producidos na Chanfainalab. E cando lle sobra tempo, segue a realizar pequenas pezas de creación libre onde amosa o seu mundo interior ateigado de humanidade, beleza e sensibilidade poética.
A historia detrás desta peza xurdiu por azar. Beatriz achegouse á Chanfainalab coa idea de gravar unha curtametraxe de ficción sobre as relacións entre unha nai e a súa filla: "Tiña na cabeza unha pequena situación narrativa como punto de partida, mais ao coñecer ás protagonistas de catro xeracións dunha mesma familia, decidín cambiala por unha peza que abordara a maternidade e as relacións entre nais e fillas no devalar do tempo. Mais tampouco quería facer un documental tradicional con entrevistas estereotipadas a unhas e outras, senón que pensei en partir dunha situación artificial, na que as protagonistas se mirasen e pensasen na súa relación ao longo do tempo compartido e ver qué xurdía. Unha situación artificial da que puideran agromar sentimentos moi reais. Eran vidas e anos enteiros de convivencia que agochaban silencios e cousas que non foran verbalizadas endexamais. O propósito era que que agromaran os sentimentos e se producira unha catarse entre elas. E penso que se conseguiu. Estou moi contenta do resultado".
"Pois iso, que te quero" é unha viaxe respectuosa a través das emocións de catro xeracións de mulleres, que se enfrontan a través dos anos, para que se digan o que nunca se dixeron, mais que tamén se queren incondicionalmente: "O que pretendo é chegar ao corazón, porque toda a peza destila unha verdade que emociona e interroga ao calquera espectador sobre os seus propios sentimentos polos seres queridos do seu entorno". Aquí o espazo físico narrativo non conta, porque o único relevante é a humanidade omnipresente a través de primeirísimos planos, desas mulleres auténticas que falan, senten e se interrogan diante da cámara sobre os silencios agochados e a emoción dos ronseis do tempo compartido. Esta é unha historia moi local, que se desenvolve a través das engurras de mulleres que viven na parroquia de Santa Mariña do Monte, mais ao tempo é unha historia universal que pode ser comprendida perfectamente en Australia, China ou Arxentina. Unha aposta orixinal e diferente na procura da poesía que late baixo do real e a verdade que, sen dúbida, vai emocionar e deixar un pouso no corazón e a cabeza de quen a mire. Tamén é un marabilloso recordo eterno para a familia que aceptou poñerse baixo da sensibilidade e alento poético de Beatriz del Monte.
Fotografías de Cesar Galdo
“Pois iso, que te quero” ou como espir a alma diante dunha cámara sen decatarse
Temas: Chanfaina'Lab, familias, muller, Santa Mariña do Monte, vídeos, visitantes, xente
Autor/a: Beatriz del Monte