Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018 Chanfaina Lab seleccionada no banco de boas prácticas da xestión cultural Chanfaina Lab, XI Premio José Sellier

documentos

Ademais das imaxes, tamén a prensa e os documentos históricos fálannos de San Sadurniño no decurso do tempo: Podes velos en orde cronolóxico aquí , ou consultar algúns datos estatísticos

A vida difícil de labregos e labregas no San Sadurniño de 1750

San Sadurniño, 1750

A mediados do século XVIII, baixo o reinado do rei ilustrado Fernando VI, o Secretario de estado e ministro de Facenda, Zenón de Somodevilla, Marqués da Ensenada, promoveu a realización dun inventario e censo completo da riqueza de España. O proceso consistía en interrogatorios -en base a corenta preguntas- sobre os habitantes, propiedades territoriais, edificios, gandos, cultivos, oficios e rendas en máis de 15.000 cidades, pobos e aldeas da Coroa de Castela. Tratábase xa que logo, de coñecer de primeira man o estado da economía do país. Pasou á historia como Catastro de Ensenada e foi a primeira tentativa realizada en España para inventariar o seu potencial socioeconómico, tendo como obxectivo a implementación dun "imposto único do catastro" aos máis ricos, aínda que non chegará a aplicarse pola oposición da Igrexa e a Nobreza a pagar ningún tipo de imposto. En realidade é algo similar ao que acontece nos nosos días: os poderosos son cada vez máis ricos e non están polo labor dunha distribución máis xusta da riqueza. De calquera xeito, hoxe o Catastro de Ensenada é coma unha viaxe no tempo que nos permite coñecer de primeira man cómo e de qué vivía a poboación española a mediados do século XVIII.
No caso de San Sadurniño, as pescudas tiveron lugar entre maio e xuño de 1752 e os resultados ofrécenos un retrato real das duras condicións de vida dos habitantes do concello. Podes consultar e baixar os documentos orixinais na rede. Aquí tes un resumo estatístico.

O primeiro dato interesante é coñecer o número de veciños/as que tiña o territorio do actual San Sadurniño: 753 veciños, que, multiplicado por cinco (número aproximado de habitantes por familia), ofrécenos unha cifra de arredor de 3.765 habitantes que vivían en 712 humildes casas, case todas terreas, espalladas polas sete parroquias. Polo que podemos deducir, o 99% deles adicados a agricultura, como acontecía na Galicia do Antigo Réxime. Nas sete parroquias non hai mesóns, nin comercios, nin panaderías, carnicerías ou tendas de ningún tipo, agás os mercados dos primeiros domingos de mes no campo da feira de San Sadurniño, que era o momento no que labregos e labregas intercambiaban os seus produtos e socializaban as súas vidas. Hai tres tabernas: en Ferreira, Lamas e Igrexafeita- , atendidas por tres taberneiros dos que coñecemos os nomes: Xoan de Rivas, Pedro Romeu e Domingo Naveiras. Tampouco hai artesáns a tempo completo; certo é que contabilizan dez ferreiros, nove xastres, oito carpinteiros (un deles Juan Pardo de Lamas), dous zapateiros e catro canteiros, mais todos eles eran basicamente labregos, e dedicábanse aos oficios a tempo parcial, debido a escasa demanda dos seus servizos. Dase conta da existencia de 24 clérigos.

Non hai servizos sanitarios, agás un cirurxián en Ferreira (para as moas e traumatismos) e un Hospital para pobres con tres camas mal atendidas polo Marqués de San Sadurniño quen daquela, xa non vivía no Pazo. Tampouco existen escolas, agás as clases que se imparten no mosteiro para aprender a ler e escribir. Practicamente a meirande parte dos habitantes do concello son analfabetos. E no caso de seren necesarios, un par de escribáns en San Sadurniño e Ferreira ou un xuíz-notario en Naraío, atenden as necesidades de escrita e lectura, aínda que segundo se asegura "teñen poucos preitos nesa xurisdición".

A paisaxe tiña pouco que ver ca actual, pois abundan os soutos de castiñeiros e devesas de carballos, nomeadamente en Naraío, Ferreira, Bardaos e Igrexafeita. Mais de 3.000 ferrados de soutos de castiñeiros limpos e rozados e practicamente o 50% do territorio é monte. Danse ben algunhas froiteiras como nogueiras, manciñeiras, pereiras, cerdeiras, figueiras, limoeiros, salgueiros e pola zona de Lamas algún álamos e loureiros. Chama a atención a ausencia de froiteiras e soutos de castiñeiros en Monte e as escasas froiteiras en Igrexafeita e Bardaos. Asemade resulta curiosa a existencia de varias “Devesas do Rey” en Castro Cobelo (San Sadurniño); no Rio Limpio (Naraio), en Riboira (Ferreira); e Carazo (Igrexafeita). Os veciños tiñan a obriga de limpalas e telas coidadas para cando o Intendente da Mariña do Ferrol considerase necesaria a súa madeira para a industria naval dos puxantes Asteleiros Reais da Mariña Española.
Sorprende o elevado número de muíños, 88; son espazos fundamentais para transformar o traballo labrego nun produto de primeira necesidade, a fariña (cocíase nas casas); dous batáns para mazar lá en Pielas (Naraío) e un martinete para o ferro en Igrexafeita e Ferreira; Tamén sorprenden as 724 colmeas do concello, orientadas á produción de cera (produto de primeira necesidade para iluminar as noites) e mel (o azucre dese tempo).

O grupo social maioritario eran os labregos e as labregas que traballaban arreo no campo. Nomeadamente cultívanse cereais (mais de 11.000 ferrados): centeo, trigo, millo-mainzo e algo de cebada. As patacas aínda non "chegaran de América". Asemade algunhas legumes como fabas, hortalizas, coles galegas e un pouco de liño en Bardaos e Lamas. Os labregos conviven con animais como vacas, bois, puchos, ovellas, carneiros e años, eguas , poldros, mulas, porcos, cabras e cabritos. Chama a atención que non apareza ningún xornaleiro que traballe por conta allea. Todo o esforzo dos labregos e labregas, destripando terróns e atendendo aos animais, estaba orientado a pagar as rendas aos seus amos e Señores: José Jacinto Quindós, Marqués de San Sadurniño (San Sadurniño, Monte e 1/3 de Ferreira e Lamas); Rosa María de Castro y Centurión, Condesa de Lemos (Naraío, Bardaos ,1/3 de Ferreira , ½ de Lamas e ½ Igrexafeita) e unha cativa xurisdición de Antonio Pedro Nolasco de Lanzós y Taboada, o poderoso Conde de Maceda (1/3 de Ferreira e ½ Igrexafeita). Os señores ademais posúen o señorío xurisdicional e pleno poder no seu territorio, fiscalizado por funcionarios propios -escribáns e administradores- que xestionan e cobran os impostos dos "seus" labregos e así os Señores non terán que pisar San Sadurniño para percibir as súas rendas.
Asemade cada familia labrega ten que pagarlle o décimo da colleita ao cura da parroquia, o imposto para o arcediago de Trasancos ou bispado de Mondoñedo, arranxar e limpar os camiños e pontes do señorío, abonar a luctuosa, e manter rozadas e limpas as devesas do rei etc. Iso si, todos vivían nas súas paupérrimas casas pois só se acredita a existencia de sete persoas que viven de esmolas (6 en Ferreira e 1 en Igrexafeita).
Como podemos ver, un horizonte vital moi limitado, pechado e pobre; mais sobre todo, sen futuro algún. A vida cotiá debeu ser moi dura e monótona para aqueles homes e mulleres que practicamente non se movían do lugar de nacemento durante toda a súa vida. Non é de estrañar que os ilustrados daquel tempo, como o Padre Feijoo, denunciasen abertamente as difíciles condicións de vida dos labregos e labregas e que son perfectamente aplicábeis no San Sadurniño de 1750:
“Pero ¿hay hoy gente más infeliz que los pobres labradores? ¿Qué especie de calamidad hay que aquéllos no padezcan?. En estas tierras no hay gente más hambrienta ni más desabrigada que los labradores. Cuatro trapos cubren sus carnes; o mejor, diré que por las muchas roturas que tienen las descubren. La habitación está igualmente rota que el vestido, de modo que el viento y la lluvia se entran por ella como por su casa. Su alimento es un poco de pan negro, acompañado o de algún lacticinio o alguna legumbre vil, pero todo en tan escasa cantidad que hay quienes apenas una vez en la vida se levantan saciados de la mesa. Agregado a estas miserias un continuo rudísimo trabajo corporal, desde que raya el alba hasta que viene la noche, contemple cualquiera si no es vida más penosa la de los míseros labradores que la de los delincuentes, que la justicia pone en las galeras. Con igual propiedad podemos hoy lamentar la suerte de los hombres que para romper la tierra usan de los bueyes, pues apenas gozan más que ellos de los frutos de la tierra que cultivan. Ellos siembran, ellos aran, ellos siegan, ellos trillan, y después de hechas todas las labores les viene otra fatiga nueva, y la más sensible de todas, que es conducir los frutos, o el valor de ellos, a las casas de los poderosos"

Ao longo do século XVIII, as rendas pagadas co suor e sangue de labregos e labregas á Igrexa e á Nobreza foron utilizadas na reforma e mellora de edificios, capelas e igrexas nas sete parroquias: a nova e luxosa residencia dos Marqueses de San Sadurniño en Ferrol (Rúa San Francisco 6-12); ampliación e mellora do Mosteiro do Rosario (1755); a construción da Capela de Belén (1707), a ampliación e reforma de igrexas parroquiais como a de Santa Mariña (1750) ou San Paio de Ferreira (1797). Son anos onde, ademais, prodúcese unha renovación integral dos retablos das igrexas parroquiais: o gran retablo "dominico" do Altar Maior do Mosteiro do Rosario (1º terzo século), San Xiao de Lamas (1708,1755), San Paio de Ferreira (1746,1785), Santa María de Bardaos (1741), Santa María de Igrexafeita (1751, 1758), Santa María de Naraio (1750, 1759), Capela San Cristovo de Ferreira (1785) ou da Capela da Portela entre outras. Asemade, os párrocos encargan ou mercan moitas das imaxes de "santos" que aínda presiden hoxe igrexas e capelas de San Sadurniño, ademais de copóns, cruces procesionais, navetas e numerosos obxectos de culto litúrxico, todo elo mercado ao longo do século XVIII, como acredita Josefina Sánchez na súa tese de doutoramento "El arte religioso en el Arciprestazgo de Jubia" e Margarita Sánchez en "Historia de San Sadurniño ata a metade do século XVIII" .
Ilustración, primeira folla do Catastro de Ensenada correspondente a Naraío.

  • A vida difícil de labregos e labregas no San Sadurniño de 1750

  • Datos do Catastro de Ensenada sobre San Sadurniño (1752)

load

Documentos:

"El arte religioso en el Arciprestazgo de Jubia". Josefina Sánchez Cons (1)
"El arte religioso en el Arciprestazgo de Jubia". Josefina Sánchez Cons (2)
Datos sobre San Sadurniño do Castastro de Ensenada 1752
Condes de Maceda

Comentarios

Máis imaxes

Temas: Bardaos, bares e tabernas, estatísticas, feiras, Ferreira, labregos e labregas, muiño, Naraío, oficios, San Sadurniño (Concello), San Sadurniño (parroquia), Santa Mariña do Monte, traballos, Igrexafeita, Lamas

Autor/a: Manuel González Álvarez

Vídeos:
"Bardaos 1752"

Compartir en: