9ª Chanfaina Lab (14). Estrea: venres 18 de abril do 2025
Guión, cámara, dirección e montaxe: Anxo Pena
Duración: 3' 40"
Reparto: Maruja
Voz en off: Isabel María Picos
Sinopse: “Videopoema sobre a soidade e a vellez das mulleres no rural. Cando a soidade abruma, o coñecemento acouga. Cando son vella e, aínda por riba, soa”
Gravado en Igrexafeita dentro do programa da 9ª Chanfainalab
Anxo Pena Picos (Igrexafeita 2008) é un neno do rural, amante da súa lingua, criado a mans de mulleres e aprendendo delas e que sempre viviu na parroquia de Igrexafeita. O seus hobbies son escribir poemas, debuxar e todo o que teña que ver coa creación, mais sempre vencellada a vida na contorna rural. Actualmente estuda Bacharelato de artes. É a primeira vez que participa na Chanfainalab.
Este mozo inquedo e tímido de 15 anos deu varias voltas e reviravoltas para se convencer de participar por vez primeira na Chanfainalab. Aínda tivo tempo para participar na gravación de "Maldito espírito" de Carlos Martinez-Peñalver.
Ao fin, animárono a súa nai, Isabel María Picos, Ana Lamas e a propia protagonista da peza, Maruja: "Se teño que identificar a orixe desta curta, só hai un termo que a define: procrastinación. Pensei nela dende setembro, dándolle voltas e máis voltas a unha idea que sorprendese e conmovese. Pero, pospoñendo semana tras semana, un día rematei na casa da miña veciña, ensineille a cámara e pregunteille se podería probala con ela. Tras sacar unha foto das súa mans, vin nelas centos de historias, pero todas morrían en silencio. Maruja converteuse así na protagonista, porque representa perfectamente a vellez e a soidade na miña vila, Igrexafeita. Toda a miña vida crieime rodeado de mulleres rurais, a maioría viúvas, e co paso do tempo fun vendo como quedaban soas. Outra inspiración para min á hora de crear calquera expresión artística son os autores galegos e a súa obra. No caso de "Vella e Soa", inspireime en Rosalía de Castro e na súa Negra Sombra, esa sombra que a acompañou ao longo da súa vida".
"Vella e Soa" é un sorprendente videopoema que demostra unha solvencia e madurez insólitas para un rapaz de 15 anos, cun relato da vida no rural dende unha perspectiva feminina e cun punto de vista pouco convencional: "Esta primeira experiencia da Chanfainalab foi moi importante para min. Probablemente non sexa unha das mellores curtas que vexades, nin a mellor filmada, nin a que teña mellor son, pero nela, aínda que a imaxe estea borrosa pola miña falta de experiencia na montaxe, veredes con claridade a alguén da vosa contorna que ten nas súa mans a soidade e a vellez. A soidade é un dos sons que acompaña a curta, pero hai outro: a insistencia, o non entender todo á primeira. Na maioría das curtas do Chanfainalab vense mulleres do rural con posibilidades de seguir aprendendo, que van a clases de memoria, que frecuentan actividades culturais, e que, aínda con idade avanzada, percorren o mundo, grazas a súa saúde e a súa cercana relación ca familia (netos, fillos…). Pero esta non é unha desas historias. Isto é unha biografía, un reflexo para moitas, unha oda ás mulleres que, en vez de seguir para adiante, vense a retroceder pola soidade, facéndoas vellas. Coidemos dos nosos maiores e escoitémolos".
Asombra a sensibilidade, empatía e a tenrura dun rapaz tan talentoso. Dende a organización da Chanfainalab invitámolo, dende xa, a procurar novas historias para a vindeira edición. Sen dúbida, esta peza é a semente dun futuro cineasta. Orgullosas da túa participación, Anxo.
Fotografías César Galdo.
"Vella e soa"
Anxo Pena na "Eira de cineastas" (na esquerda)
Anxo Pena entre o público da "Eira de Cineastas"
Anxo Pena cineasta de Igrexafeita
Imaxe de "Soa e vella"
Anxo na gravación de "Maldito espírito" de Carlos Mártinez Peñalver.
Anxo presentando "Soa e vella"
Anxo cos chanfaineiros Xoel, Iago, Fran e Bieito
Anxo Pena entre o público da Gala da 9ª Chanfainalab
Anxo Pena cos cineastas chanfaineiros da 9ª Chanfainalab