Olladas das xentes que visitaron San Sadurniño e deixaron testemuñas en forma de textos, imaxes, pinturas ou filmes: visitantes senlleiros,
San Sadurniño, Naraio, 2026
10ª Chanfaina Lab (9). Estrea: 24 de abril do 2026
Directoras: Rocío Campoy Lage e Gala Rodríguez Esteves
Duración: 07' 07"
Sinopse: Un grupo de amigos sube ao curro do Forgoselo, Kevin queda atrapado na noite e debe enfrontarse a si mesmo. A búsqueda do equilibrio entre o salvaxe e o humano lévao a coñecer diferentes entidades espirituais, guías no seu despertar.
Equipo técnico-artístico: Rocío Campoy Lage e Gala Rodríguez Esteves
Gravado nas parroquias de San Sadurniño e Naraio dentro do programa da 10ª Chanfainalab
Máis información sobre esta peza en: Chanfainalab
GALA RODRÍGUEZ (Ourense, 2002) é graduada na Facultade de Comunicación Audiovisual de Pontevedra. Artista audiovisual interesada no cinema de maneira técnica e teórica, nos eidos do cinema experimental, documental e ás veces narrativo. Observar como acto de compaixón, escoitar como acto de comprensión e contar como acto de amor, en contra do esquecemento. O seu proceso de creación quere transmitir unha ollada subxectiva do mundo e do ser a partir do íntimo, a tenrura e o amor. No portfolio inclúe as pezas nas que participou ademais do seu percorrido. Distintas obras nas que se observa a evolución temática e técnica durante o grao e que responden a cuestións tales como a identidade ou o sentido de pertenza á comunidade.
ROCÍO CAMPOY (Vigo, 2002) é graduada na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, onde traballou en diferentes formatos e estilos da videocreación. No seu portfolio recóllense as pezas producidas para distintas disciplinas. Concibe a arte como ferramenta para afrontar o insoportable. O seu carácter performativo e transformador axuda a articular e superar procesos de dor e sufrimento emocional.
Vacas nocturnas no Forgoselo é unha curtametraxe que naceu a través da propia experiencia do Chanfaina Lab. Inicialmente nós entramos en San Sadurniño coa única idea de crear e imaxinar dende o sensorial, o táctil e o experiencial. Só tiñamos en mente a idea de recolectar o máximo material posible para poder seguir disfrutando da experimentación na montaxe. A medida descubriamos máis da contorna empezou a agromar a idea do tempo parado, o ritmo vital da terra na que estábamos e como conectabamos con ela a través da música, as paisaxes e sobre todo da xente. Queriamos representar a experiencia de atopar un oasis na terra. E de aí xurdiu un xogo entre día e noite, o humano e o salvaxe e sobre todo entre Ro e Gala, quenes nos descubrimos de novo como creadoras.
O proceso de gravación foi das mellores experiencias do Chanfaina, descubrir lugares novos e sobre todo reimaxinalos para poder entendelos e entendernos. Viaxes diurnas comezaron a trazar patróns nas nosas gravacións, a auga, o sol, a herba, os animais... Os elementos naturais empezaron a crear un marco conceptual que chocou transversalmente coa gravacións da viaxe nocturnas ao curro do Forgoselo onde elementos como os coches, a velocidade, os muíños de vento convulsionaban ante a idea de calma. Xenerando unha dualidade propia da búsqueda do ritmo interno no que nos atopabamos. Como casi toda a obra foi procesual non atopamos moitos problemas durante a rodaxe xa que todas as cousas que chegaban a nós representaban dunha maneira ou de outra unha sorte. Inclusive o último día que foi o máis "planeado" xa que quixemos recoller as testemuñas sobre o que foi e é ser de San Sadurniño para as persoas que alí vivían. Durante os nosos días en San Sadurniño, fumos conscientes do parecido que nos resultaba con Twin Peaks, unha aldea onde todos se coñecen, unha fábrica madeireira, os paisaxes con ríos, cascadas... Inevitablemente David Lynch foi un dos nosos referentes tanto visualmente como na montaxe, incluso na música. Sendo un dos referentes máis claros en ambas as dúas creadoras.
Posteriormente, na montaxe, comezamos unha especie de correspondencia de vídeos-puzzle que desenvolvían diferentes ideas e ritmos que acabaron chegando a esta rocambolesca historia na que Kevin Lorenzo é o protagonista dunha viaxe espiritual na búsqueda da calma. Os animais colleron o protagonismo convertíndose de algunha maneira en entidades espirituais que mostraron as distintas facetas da exploración do camiño que debuxa ao andar.
O espazo sonoro foi traballado en clave de abstracción do espazo retratado, dende as capas mais fieis á realidade, ata sumar capas mais oníricas que nos manteñen nunha bruma crepuscular. As voces das persoas que acompañaron o proceso de creación da peza, interrelacionáronse deixando florecer o sentir de esta experiencia.
Finalmente, ámbalas dúas conformamos a banda sonora como unha ferramenta máis da montaxe. Neste caso os referentes directos foron Kanding Ray e Angelo Badalamenti, cuxas obras marcaron o ritmo da peza.
Todo isto foi posible xa que Chanfaina Lab ofreceunos unha forma e unha motivación para crear dende a mesma idea de crear, sen dúbidas e sen condicións. Un espazo cheo de persoas totalmente implicadas e sensibles que respectaron todas as ideas e as apoiaron ata o final.
Temas: animais, Chanfaina'Lab, Forgoselo, lecer, naturezas, Naraío, visitantes, vídeos
Autor/a: Gala Rodríguez/Rocío Campoy