San Sadurniño, 2026
10ª Chanfaina Lab (12). Estrea: 1 de maio do 2026
Directora: Ángela Arnosa
Duración: 4'36"
Sinopse: Inés e Pablo quedan atrapados nun ascensor xusto despois de que el lle confese que atropelou a alguén e se deu á fuga. Sen saída física e cun tempo morto que xoga na súa contra, a conversa deriva nun pulso cada vez máis incómodo onde a verdade, a culpa e os límites do amor saen á superficie.
Equipo artístico: Kevin Lorenzo, Ángela Arnosa, Brianda García
Equipo técnico: Guión e montaxe/ Antonio Fraga - Cámara e iluminación/Bieito Beceiro - Cámara e iluminación/Brais Varela.
Gravado na parroquia de San Sadurniño dentro do programa da 10ª Chanfainalab
Máis información sobre esta peza en: Chanfainalab
ÁNGELA ARNOSA (Naraío-San Sadurniño, 1996) é graduada en Química pola Universidade da Coruña. Esta científica de San Sadurniño defendeu con éxito no 2025 a súa tese de doutoramento no Nanomag, un grupo de investigación da USC especializado en nanopartículas magnéticas. O seu entusiasmo pola ciencia e a comunicación levárona a desenvolver un interese pola divulgación científica, que xa lle valeu varios premios e recoñecementos. Así mesmo, Ángela foi desde sempre unha activa espectadora de obras do audiovisual galego. Hai uns anos deu un paso para poñerse diante da cámara con pequenos papeis en curtas e series web, así como en filmes producidos no marco do Chanfaina lab como "Sibila" de Carla Andrade ou "Breixo" de Kevin Lorenzo e Javier Seoane. Todas esas inquedanzas culturais e artísticas foron o detonante de que Ángela se puxera do outro lado da cámara e debutar, ao fin, como cineasta con voz propia. Así, na edición de 2018 presentou a súa primeira curta “Síntese”, á que seguiron “Un ninguén máis”(2019), "Porte Expres" (2023), “Erosión” (2024) e "Punto de ignición" (2025). Tamén é membro activo do equipo de cociña da Chanfaina Lab, xestionando a produción de numerosas pezas.
Como cada ano, quixen centrarme en afondar nunha das áreas do proceso de creación dunha curtametraxe. Neste caso, o foco estivo no guión, e “Un segundo” nace precisamente como resultado do meu primeiro exercicio de escritura de ficción.
O punto de partida foi construír unha historia breve, de non máis de cinco minutos, que contase cun par de xiros e mantivese unha tensión constante. Para iso, limitei deliberadamente os elementos a dúas personaxes e case un único espazo. Esta decisión permitiume poñer o peso da peza nos diálogos e no conflito, facendo que o guión fose o verdadeiro motor da curta. A idea foi transformándose a medida que avanzaba a escritura, atopando o seu ton nunha situación cotiá que, nun instante, deriva nun dilema moral.
A gravación supuxo o paso do papel á imaxe. Unha vez rematado o proceso de escritura, asumín tamén o reto de situarme diante da cámara xunto a Kevin Lorenzo. Unha tarefa nada sinxela, como descubrín, a de actuar e dirixir nunha mesma peza.
A rodaxe foi posible grazas á implicación de todo o equipo, especialmente tendo en conta as limitacións do espazo ao tratarse dun ascensor, reducido e pouco flexible a nivel técnico. A coordinación permitiunos resolver a rodaxe nunha soa tarde.
No relativo á posta en escena, optei por unha aproximación contida e realista, usando a proximidade da cámara e son propio da escena, prescindindo banda sonora.
“Un segundo” é a consecuencia dunha primeira incursión no mundo da escritura de guións de ficción e tamén da liberdade para explorar e indagar que ofrece o Chanfaina Lab.
Temas: Chanfaina'Lab, conflitos, creador@s, muller, San Sadurniño (parroquia), vídeos
Autor/a: Ángela Arnosa