Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018 Chanfaina Lab seleccionada no banco de boas prácticas da xestión cultural Chanfaina Lab, XI Premio José Sellier

xentes

Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.

Tomás Rico Martínez, alcalde

Casal, San Sadurniño, 1885

Alcalde de San Sadurniño (1885-1894)
Tomas Rico Martínez naceu en San Sadurniño en 1839, no seo dunha familia de labregos e caseiros do Marqués; o seu pai era Domingo Rico e a nai María Martínez que en 1862 pagaban 210 reais ao ano por unha propiedade na "Era del Palacio". Como o seu pai, Tomás traballou como colono do Marqués e atendía o correo de San Sadurniño na antiga Casa de Postas na que vivía. Nomeado xuiz municipal en 1879. Casou con Manuela Vigo e terán 10 fillos: Manuel, Vicenta, José, Clotilde, Carolina, Víctor, María, Emilio, Valeriana e Francisco Rico Vigo. É o avó de Manolo Rico López. Tomás Rico plantará os primeiros eucaliptos de San Sadurniño, dos que aínda se conserva un deles.
Toma posesión como alcalde o 1 de xullo de 1885 aos 46 anos substituíndo a Juan Casal. Mais tiña experiencia na xestión municipal, pois fora concelleiro en 1875-77 e xuíz municipal no 1877-1878. Como caseiro do Marqués, Tomás Rico continuaba coa tradición do século XIX de alcaldías ben relacionadas cos intereses dos Señores de San Sadurniño. Os seus compañeiros de corporación serán Manuel Piñón Sardina (1º Tenente alcalde); José Castro Yáñez (2º Tenente alcalde); José M. Rey Fernández; Ignacio López (síndico); Vicente Castro y Castro; José Couce Díaz (Monte), Antonio Martínez Beceiro; José Ribera Lage; Manuel Blanco; Benito García; Antonio Meizoso e Vicente Pena Paz; A meirande parte deles formaron parte da equipa do goberno de Tomás Rico durante os 10 anos de mandato; en 1887 entra na corporación José Campos Fernández; en 1891 Marcelino Pena Fernández (Ferreira); Juan López Pouso; Vicente Martínez Barro (Igrexafeita); Manuel Salgado Soto (Igrexafeita); Manuel Castrillón Vellón; Manuel Romero Romero; Juan Carregado Torrente e Domingo Fernández Fernández.
Os primeiros meses do ano transcorren incertos pola enfermidade e posterior morte do Rei Alfonso XII en novembro de 1885. A amizade de Natividad Quindós, Marquesa de San Sadurniño, coa viúva Raíña rexente María Cristina, será o punto de partida dunha imparábel ascensión social e mesmo terá consecuencias na vida cotián de San Sadurniño a comezos do século XX. Aos seis meses da morte do Rei, Navividad Quindós casa en Madrid nuhna fastuosa cerimonia en xullo de 1886.
O alcalde Tomás Rico segue os consellos do Secretario municipal e Administrador do Marqués Antonio López Torrens -tamén xuíz municipal-. Ambos pretenden resolver o déficit crónico que arrastra a corporación municipal dende mediados do XIX. Para elo establecen un plan anual de orzamentos municipais que equilibre os gastos e os ingresos mediante arbitrios especiais e así deixar atrás a histórica débeda do Concello coa Administración. En San Sadurniño non hai grandes “propietarios”, pois moitas terras e casais pertencen dende a Idade Media ao Marqués, quen -residente en Madrid- ven a pasar parte do verán no remudado caserón familiar. A emigración está a ser a válvula de escape dos mozos, algúns con pequenas estadías, outros có asentamento definitivo alén do mar. Aqueles foron anos de malas colleitas e a terra non pode soster as familias labregas numerosas . Dende o goberno municipal séguese a constatar a dificultade para pagar os tributos ao estado “ante la imposibilidad de hacer efectivos que se hallan en poder de los contribuyentes quienes se encuentran agobiadísimos por los muchos impuestos”. As malas comunicacións internas ou externas e a dispersión entre os numerosos núcleos de poboación do concello dificultan extraordinariamente a recadación. O secretario pretende organizar ao contribuíntes segundo os seus ingresos para que contribúan os que mais teñan. A corporación é conscente da súa débeda e Tomás Rico semella empeñado en buscar unha solución. Para elo adxudica responsabilidades recadatorias a algúns comerciantes locais como Andrés López Pouso, Luís Loureiro Pita, Manuel Cabada (Monte), ou Antonio López (Ferreira).
Sen embargo non semella que acadara o obxectivo. O atraso agrario, as epidemias o fraude e o caciquismo semellan trunfar en San Sadurniño . En outubro de 1887 solicítanse oficialmente permisos para “dar batidas contra las alimañas” que devastan as colleitas e o gando. A peste tamén afecta a poboación; o Concello esixe o blanqueo interior das vivendas e “que se metan los cadáveres en cajas cerradas” (16-8.1885). Asemade recibirá varias multas e notificacións oficiais por non cumprir coas directrices sanitarias (25-5-1886); non atender aos gastos das escolas e ter aos mestres Alberto Blanco Oleiros e Carmen Cabeza Cociña sen cobrar. Ao fin, en 1890 o Concello non terá outra solución que pedir unha moratoria que " reestruture a débeda" para que o gobernador civil non interveña a xestión municipal.
Mais de feito, en 1891 a situación municipal sigue a estar "agobiadísima" por non poder pagarlle as cuotas oficiais acordadas á Deputación e solicítanse novos aprazamentos e moratorias do pago. Xos xornais publícanse os apremios gubernamentais. A comezos de 1894 a débeda municipal xa ascendía a 27.640 pesetas e o Goberno Civil reclámallo por vía directa. Hai varias denuncias por corrupción dos depositarios, catro concelleiros dimiten dos seus cargos e o ambiente de San Sadurniño comeza a caldearse con campañas de desprestixio, segundo se describe na "Carta aos veciños de San Saturnino" en 1897.
O 7 de xullo de 1894 o Gobernador Civil nomea novos concelleiros a Juan García Varela, Manuel Piñón Sardina, José Couce Díaz, Andrés Casal Anidos, Antonio Martínez Beceiro, Domingo Fernández Fernández. Infórmase da “imposibilidade física de que Tomas Rico continúe en el cargo por prescrición facultativa”. Juán García Varela –irmán do xuíz municipal Antonio García Varela- faise cargo interinamente da corporación municipal ata que sexa nomeado Antonio López Rodríguez en agosto de 1894. O secretario dende había 17 anos López Torrens tamén presenta a súa dimisión no mesmo pleno no que se marcha Tomás Rico.
A corporación seguinte, presidida por Antonio López esixirá a Tomás Rico e a súa equipa de goberno o pago das débedas mediante a confección dunha listaxe de responsábeis da débeda municipal: “El ayuntamiento, vista la negligencia y abandono que se observan por la falta de cumplimiento de sus deberes, desde luego declaran responsables de las expresadas cantidades al alcalde y concejales de los últimos cinco anos”. Porén, o proceso non debeu ser legal, porque dous anos despois, en novembro de 1896, concedéuselle outra moratoria de oito anos
Como historia curiosa acontecida nos tempos de Tomás Rico sinalamos a visita do xove poeta José María Gabriel y Galán cara finais de xuño de 1889, invitado por un dos seus compañeiros de estudos na Escola de Magisterio de Madrid, Casto Blanco Cabezas e fillo dos mestres de San Sadurniño. Durante o mes que Gabriel y Galán pasou no concello, espertou á creatividade poética. Un dos seus primeiros poemas foi "Fuente Vaquera"
Tomás Rico falece de anemia o 8 de abril de 1899 aos 60 anos de idade no Casal.

  • Tomás Rico Martínez, alcalde

  • Orzamento 1885

  • Listaxe de responsabeis da débeda municipal segundo o goberno de Antonio López (1894)

  • Casa de Tomás Rico no Casal

  • Apremio a Tomás Rico. Voz de Galicia 11.11.1895

load

Documentos:

Carta abierta a los vecinos del distrito de San Saturnino. Antonio López, marzo 1897

Comentarios

Máis imaxes

Temas: Alcaldes de San Sadurniño, San Sadurniño (Concello), San Sadurniño (parroquia), xente

Compartir en: