9ª Chanfaina Lab (11). Estrea: venres 11 de abril do 2025
Guión, edición e dirección: Fran da Lobeira
Voz en off: Lucía da Lobeira
Gravación: Lucía da Lobeira e Fran da Lobeira.
Efectos de son: freesound.org,
Música: "Dúo para frauta en mi menor" de Johan Sebastian Bach interpretada polas frautistas locais: Érika González Pérez e Noreia Hermida Pérez
Efectos de audio:Plugging In Guitar by yfjesse e Journey To The Interweb by Aemyn. License: Creative Commons
Duración: 3' 31''
Sinopse: "Lina sentíase soa e de súpeto apareceu Pepa. Dende entón andan todo o día de brinqueta"
Gravado no lugar da Lobeira, na parroquia de Santa Mariña do Monte, dentro do programa da 9ª Chanfainalab
Fran da Lobeira é un tipo ecléctico, polifacético, hiperactivo e xeneroso, e membro do equipo de cociña da Chanfainalab que, o mesmo leva as redes sociais, que colabora con calquera cineasta que o solicite, como fixo nesta edición con "A gatiñeira de San Sadurniño" de Fernando Cortizo entre outras moitas. Fran é unha especie de home orquestra absolutamente imprescindíbel para todo o colectivo de cineastas chanfaineiros, de xeito que grava a curta cando pode: "A idea inicial era facer un vídeo para concienciar á xente de que hai moitas alternativas rendibles antes que plantar eucalipto, mais a vida, iso que pasa entre cita e cita do calendario, unha nova ocupación no traballo e temas da asociación que presido, leváronme a facer unha peza aproveitando unha chea de vídeos que tiñamos gravados, Lucía mais eu, das miñas cadelas Lina, á que xa coñecestes en Trae! e a súa “irmá” Pepa, que veu para a Lobeira despois da pandemia e fixo o pasado 7 de novembro de 2024 catro anos"
"The Brinqueta" é un percorrido dinámico pola ledicia de vivir dunha cadela que é amada e vive feliz coa súa familia humana e canina. Fran engádelle ese toque lobeirés, cun punto acelerado e retranqueiro que bebe nas narrativas youtubeiras e caracteriza boa parte das súas curtas. "A peza final podo dicir que dende "Quixera" é a máis persoal que teño feito. Tento amosar a vida leda das miñas cadelas. Como son capaces de brincar ata a extenuación sen parar nin un momento. É unha pequena homenaxe en vida, e que vivan moitos anos máis, á axuda que me brindaron a principios do 2023, cando pasaba un dos peores momentos da miña vida a nivel anímico e emocional. Os seus xogos e as súas carreiras foron quen de levar a miña cabeza por derroteiros moito máis amigábeis dos que viña seguindo. Coido que se entrevé o cariño que lles chega a coller un ás mascotas, que co tempo, convértense en parte da “manada” humana, ou como lle dicimos nós, da familia". En definitiva, unha proba máis do talento e o amor polos membros caninos da súa familia deste "creador de contidos" xa imprescindible en cada edición. Na cociña da Chanfainalab sentímonos orgullosos do seu traballo non só pola súa produción incesante, senón tamén polo seu compromiso enerxético en participar e crear comunidade, porque Fran pertence á saga dos bos e xenerosos.
Fotografías: César Galdo
"The Brinqueta"
Fran no Castelo de Naraío
Fran da Lobeira na foto oficial da 9ª Chanfainalab
Fran da Lobeira na "Eira de cineastas" da 9ª Chanfainalab
Fran coas cineastas da 9ª Chanfainalab na Eira de cineastas.