Olladas das xentes que visitaron San Sadurniño e deixaron testemuñas en forma de textos, imaxes, pinturas ou filmes: visitantes senlleiros,
San Sadurniño, Naraío, 2016
3ª Chanfaina Lab (11). Estrea venres 28 de abril do 2017.
Director: Marcos Lourido
Sinopse: "Tempo morto intenta reflectir a miña visión naturalista de San Sadurniño, a sensación ao observar unha libélula no río, o son da auga mentres flúe, o arrecendo e o frescor ao camiñar entre as árbores; seres e lugares que pasan desapercibidos no día a día, mais que sempre nos chaman a atención cando imos de viaxe ou visitamos un novo lugar. Unha chamada á reflexión sobre o que nos rodea e deixamos de lado, polo simple feito de que estiveron sempre aí. "
Duración: 4' 48''
Gravada na parroquias de San Sadurniño e Naraío dentro do programa da 3ª Chanfainalab
Nado en Ferrol en 1994, Marcos Lourido estudou bacharelato no IES Concepción Arenal e logo Comunicación audiovisual na Facultade de Comunicación da Coruña. Gañou xa dous premios “Lidera” do Concello de Ferrol polas curtas "Pequeñas sombras humanas" e "El perro y el lobo" e foise de intercambio ata a Facultade de cine da Universidade de Viña del Mar (Chile), onde desenvolveu varios proxectos documentais polo país andino. Gústalle moito a fotografía. Actualmente estase adentrando no mundo dos videoxogos, onde intenta aplicar os seus coñecementos sobre a creación audiovisual.
Marcos aceptou o reto de participar na Chanfainalab e veu disposto a "mirar" a realidade natural de preto, con ollos de cineasta, aínda que non sabía moi ben por onde empezar: "Dende que puxen o primeiro pé en San Sadurniño, só tiña unha cousa clara: que non sabía o que ía facer; así que decidín explorar o territorio deixándome levar polo leito do río Xuvia e os camiños, atravesando os montes, ata chegar á central eléctrica de Naraío, onde ao descubrir a fervenza que está ao seu carón, deixei a cámara no chan e púxenme a escoitar o bosque durante horas. Ao volver a casa xa sabía o que quería facer: simplemente amosar o mesmo que eu vira e vivira."
En "Tempo morto" topámonos de novo co empoderamento da paisaxe e a natureza como sinais de identidade de San Sadurniño dende unha perspectiva do “cine observacional”, no que se fai fincapé na non intervención do director no filmado. Na peza asistimos a una viaxe de descuberta da paisaxe natural a través dos ollos abraiados deste novísimo cineasta ferrolán, que se limita a deixarse levar polo que observa e sinte. Ofrécenos a oportunidade única de ocupar o posto de observador ideal, desprazándose polo territorio para topar puntos de vista reveladores, un fragmento da propia vida ou a esencia dun espazo natural e humano: "Eu quero transmitir que monumentos como o Castelo de Naraío ou o Pazo da Marquesa quizais desaparezan co tempo, mais a auga, os insectos e as árbores do territorio, poden transmitir a súa esencia no devalar do tempo mellor que calquera outra intervención humana". Porque en realidade ese tamén é un dos obxectivos dun cineasta que procure a beleza e a verdade: reflectir o “tempo morto” ou “baleiro”, onde non acontece nada relevante ou de importancia narrativa, onde se filma, sobre todo, en presente. Os planos non aparecen organizados seguindo a lóxica da narrativa clásica ou dunha exposición convencional, senón que cada corte ou edición ten a función principal de manter a continuidade temporal e espacial da observación; os ritmos, as cores e mesmo os arumes da vida cotián agroman polos diferentes planos do filme como rexistros de momentos significativos para o cineasta, que pretende convertelos tamén en experiencias reveladoras para o/a espectador/a. Así pois, déixense levar pola aventura-viaxe persoal de Marcos Lourido polo noso territorio.
Fotografías de Cesar Galdo.
Marcos Lourido exercita a contemplación en “Tempo morto”
Temas: Chanfaina'Lab, cinema, naturezas, Naraío, ríos, visitantes, vídeos
Autor/a: Marcos Lourido
Vídeos:
"El Perro y El Lobo"
"Pequeñas sombras humanas"