San Sadurniño, 1957
En "Fálame de san Sadurniño" fomos dando conta da tradición teatral de San Sadurniño en diferentes momentos do século XX. Un dos máis relevantes aconteceu coa chegada do novo mestre de San Sadurniño en 1943, Ignacio Moreno Bausán, procedente dunha escola leonesa. De seguido o inquedo D. Ignacio comezou a organizar actividades culturais de diversa índole, nomeadamente coa creación dun grupo teatral formado pola xuventude de San Sadurniño. Conseguiu motivar a gran parte da mocidade daquela como o futuro alcalde Angel Gavín, Pedrido, Senén, Manolo París, María Victoria, etc. O grupo porá en escena numerosas obras durante as décadas dos corenta e cincuenta e terá continuidade - a través de Antonio Parra- ata o fin do franquismo. Ignacio será ademais -xunto con Gervasio López- un dos impulsores do cinema Avenida, o espazo onde se representaban as obras cun gran éxito popular.
Ángeles Rodríguez García, máis coñecida como "a nena de García" evoca aqueles intensos días de "puro teatro", antes de emigrar a Venezuela co seu pai Andrés Rodríguez Hermida. Na galería fotográfica pódense ver numerosas imaxes das representacións teatrais, nomeadamente da obra "O mago do balón", "Guillermo hotel" de Antonio Lara, "Tono", (que se adaptará ao cine co título de "Habitación para tres") e "Cousas de papá e mamá". Ángeles participa na curtametraxe "Nena:Dina" de Andrés Goteira (2018)
Na foto de portada, "a nena de García" e Angel Gavín.
Temas: lecer, muller, Pazo da Marquesa, San Sadurniño (Concello), San Sadurniño (parroquia), teatro, xente
Autor/a: Ángeles Rodríguez García