Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018 Chanfaina Lab seleccionada no banco de boas prácticas da xestión cultural Chanfaina Lab, XI Premio José Sellier

mirada propia

Creacións audiovisuais, literarias ou artísticas realizadas por autores naturais ou residentes en San Sadurniño: creador@s, escultura, Revista Pumariño, músicos, pintura, poesía, teatro

"Solposto"

Naraío, Igrexafeita e Ferreira, 2025

9ª Chanfaina Lab (13). Estrea: venres 18 de abril do 2025
Guión, dirección e montaxe: Iago Lourido
Duración: 6' 33"
Dirección de arte e estilismo: Xiana García
Fotofixa: Paula González
Axudantes: Laura Prieto e Pablo Martínez
Protagonizado por Carmen Bouza e Miguel Sanjurjo.
Persoaxes secundarios: Kevin Lorenzo, Juan Roca, Daniel Sueiras.
Coa colaboración de: Geray Arnosa, Ángela Arnosa, Daniel e Julián Sueiras, Catalina Rodríguez e Juan Herrero.
Música e efectos de son: Pro Pixabay e Youtube.
Sinopse: “Solposto é un lugar ben curioso. Acompañamos a Miguel e Maruxa no seu día a día como residentes da localidade.”
Gravado en Pielas (Naraío), Igrexafeita e Ferreira, dentro do programa da 9ª Chanfainalab.



Iago Lourido (Ferrol-Naraío, 2004). Despois de vivir en Ferrol durante tres anos, a súa familia trasladouse a unha casa en Naraío, lugar do que realmente síntese veciño e pensa seguir chamando “casa” toda a súa vida. Ao rematar a ESO en San Sadurniño, decantouse por un Bacharelato de Artes, seguido por un Ciclo Superior en Fotografía na EASD "Mestre Mateo" de Compostela. A súa paixón polo audiovisual desenvolveuse a través dos anos, formándose na fotografía e o vídeo con apenas 12 anos e participando en novas experiencias como a Chanfainalab. Daquel tempo son as primeiras pezas coma "The Sansa stomp" (2019) e "Cando ruxe o formigueiro 2.0" (2020) e a moi meritoria "Velos na Tebra"(2023), seleccionada no Festival S8 de Coruña. Na actualidade está a iniciar a profesionalización no sector, desenvolvendo proxectos en fotografía como fotoxornalista e como director de proxectos propios en video, formando parte puntual do equipo da produtora LaBellavista, coa que colaborou durante o ano 2024.

Para a Chanfainalab é un orgullo que aquel grupo de cativos que crearon as súas primeiras pezas durante a ESO continúen participando, agora dende unha mirada estilizada, e amosando unha madurez creativa impresionante, como é o caso de Iago Lourido. Nesta edición integrouse no equipo de cociña da Chanfainalab e participou no desenvolvemento de varias pezas como "Mírame" de Kevin Lorenzo, "Maldito espírito" de Carlos Martinez-Peñalver ou "Notas para unha intervención" de Cora Peña: "A idea xurdiu precisamente noutra rodaxe, unha compañeira que tivera relación fai tempo con San Sadurniño, contoume a historia de que, cando ela tivera que visitar as diferentes localidades do concello, descubrira en Solposto unha parella de anciáns que vivían xuntos sen ser realmente parella, só polo mero feito de non vivir en soidade. Isto, sumado á maxia que evoca o nome Solposto, fíxome imaxinar as diferentes situacións que poderían acontecer do día a día aos dous únicos habitantes de Solposto. Inicialmente a peza ía a ser algo máis documental e cotián, pero aos poucos foise convertendo nunha mestura de historias surrealistas, influenciada por filmes coma “Kinds of Kindness” de Yorgos Lanthimos, e esa división nunha especie de capítulos que comezaban con diferentes títulos coloridos, ou o videoclip “Tailor Swif” de ASAP Rocky, que tamén é un conglomerado de elementos estético/surrealistas. A peza tivo unha complexa preprodución, moitas horas localizando, unha intensa procura do material de arte (xa que cada historia tiña elementos especiais) e unha organización milimetrada, sobre todo para facilitar aos protagonistas unha rodaxe acaída, cousa que foi difícil pola chuvia, os horarios, a luz, etc. Finalmente todo saíu tal cal estaba deseñado agás a eliminación dunha secuencia guionizada por mor da desaparición da localización (un milleiral que cortaron)”.

"Solposto" é unha peza orixinal e sorprendente. César Galdo escrebe que "sen pretendelo e, segundo asegura, sen ter referencias previas, Iago fixo un audiovisual que arrecende no formal a David Lynch ou, máis próximo a nós, ao Dhogs de Andrés Goteira. Un deseño de produción coidado até o último detalle, unha fotografía -a súa especialidade- meditada e milimetrada, un tratamento da cor e da luz que non se deixou á casualidade e unha montaxe á que non lle sobra nin lle falta ningún fotograma, son os ingredientes para unha peza abraiante da que cadaquén pode tirar as súas propias conclusións".
“A verdade è que fiquei moi contento, a peza quedou igual a coma a imaxinaba, algunhas partes mellor e outras peor, pero todas compensándose para dar lugar á obra que tiña en mente. O meu principal obxectivo con "Solposto" era crear un momento divertido, ameno e intrigante para o espectador, que fose algo lixeiro de ver pero que á vez, lle dera ganas de seguir vendo, coma pequenos capítulos dos que quixeras darte unha enchenta. Tendo a ser moi crítico co meu traballo, e obviamente vexo pegas no proceso de rodaxe e o resultado final, pero sendo obxectivo, cos escasos medios dos que dispuña, penso que tanto eu coma o equipo o fixemos o mellor que puidemos, dando lugar a esta obra, que realmente faime sentir orgulloso, de ela, e de ser o seu director”.
A peza é un singular artefacto de estilo que pon na retina das persoas espectadoras a fascinación que producen as creacións singulares construídas mediante un traballo visual exquisito. Hai que suspender o pensamento racional e viaxar cara o universo propio deste novísimo director por dereito propio. Para a organización da Chanfainalab volve a ser motivo de orgullo e unha honra o compromiso activo de mozos tan prometedores como Iago.
Fotografías de César Galdo.

  • "Solposto"

  • Iago no Castelo de Naraío

  • Iago (esquerda) na excursion por Naraío

  • Iago na foto oficial da 9ª Chanfainalab

  • Iago Lourido na Eira de cineastas

  • Iago cos chanfaineiros da Eira de cineastas.

  • Iago Lourido "resolvendo" na cociña da Chanfainalab

  • Imaxe de rodaxe de "Solposto" (1)

  • Imaxe de rodaxe de "Solposto" (2)

  • Imaxe de rodaxe de "Solposto" (3)

  • Imaxe de rodaxe de "Solposto" (4)

  • Iago en acción

  • Recibindo a Lola Chanfaineira de Fran Nogueira

  • Iago presentando "Solposto"

  • Anxo, Xoel, Iago, Fran e Bieito.

  • Iago entre o público da 9ª Chanfainalab

  • Iago cos cineastas da 9ª Chanfainalab

  • Iago Lourido, chanfaineiro

load

Comentarios

Máis imaxes

Temas: cinema, creador@s, animais, Igrexafeita, lecer, vídeos, Chanfaina'Lab

Autor/a: Iago Lourido

Compartir en: