Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.
Casal, San Sadurniño, 1937
Alcalde de San Sadurniño 1937-1940.
Segundo León Yáñez Fernández naceu en Penacastrelo, parroquia de Lamas, o 28 de xullo de 1883, fillo de Antonio Yáñez Castrillón e Pastora Fernández Canosa. En 1898, con quince anos, marchou ao Matogrosso no Brasil, onde tiña parentes emigrados, traballando nunha panadería. Retornou anos despois, mais no entanto fora chamado a filas e declarado prófugo polo Concello en abril de 1908. De xeito que volveu a emigrar para que non o pillaran e foise para Uruguay, onde acadou certa fortuna. Retornou a San Sadurniño "con cartos para casar, facer casa e poñer unha ferretería no Casal, coa costume de matear tódolos días polas mañás e polas tardes arredor das seis". Casou no ano 1917 con Ana Maria Fernández Pita -irmá do alcalde José Fernández Pita- coa que tivo a Fernando, Ermitas e Ana María -muller do mestre e tamén futuro alcalde Francisco Dorado- e Tito . En 1920 naceu a "ferretería de abaixo" ou "do señor Segundo", converténdose deseguida nun dos maiores contribuíntes do concello. Axiña entra nas corporacións municipais da época de Primo de Rivera, cos alcaldes Faustino Loureiro Couce (1930) e Manuel Dopico Díaz (1931).
Coa sublevación militar de xullo de 1936 contra a República, foi nomeado concelleiro pola autoridade militar por ser un dos "maiores contribuintes por rústica do concello". Asemesmo figuraba entre os milicianos baixo o mando da Garda Civil para "garantizar el orden de la Nueva España" no concello de San Sadurniño.
O 19 de xullo de 1937, aos 54 anos, toma posesión como novo alcalde tras da renuncia de Pelayo Casal Novo “por motivos de salud y edad avanzada”.
Preside o seu primeiro pleno o 19-8-1937. Os concelleiros do municipio nesas datas son: Domingo García López, o seu irmán Manuel Yáñez Fernández, Evaristo Gil Fontáns, Antonio Alvariño Alvariño, José Vivero Soto, José Soto Piñón, Ángel Luaces Castro, Manuel Sisto Sedes, Pedro Álvarez Romero, Manuel Castro Lamas e Antonio Castrillón Rodríguez -falecido o 18-11-1937- substituído por Víctor Rico Vigo.
Unha das primeiras medidas no novo alcalde e devolverlle as chaves do cemiterio municipal ao cura párroco. A lei de secularización dos cemiterios da República quitáralle o control dos recintos funerarios á Igrexa. Agora en "la nueva España" a igrexa recupera un privilexio secular "con la satisfacción gratísima de todo el vecindario de San Sadurniño" (LVG 18-8-1937).
Pouco se pode facer daquela no concello, nunha economía en plena guerra civil. O orzamento municipal para o ano 1938 foi de 48.359 ptas; a precaria economía daqueles anos dificiles, leva a unha práctica parálise municipal e a imposibilidade de realizar inversións. O concello terá que participar nas campañas recaudatorias a prol do "esfuerzo bélico por la patria y Franco", mediante colectas de toda índole, como o aguinaldo do combatente, reclutamento forzoso e os papeleos administrativos dos case corenta veciños de San Sadurniño que morren en combate, nomeadamente en 1938. En xullo de 1938 cambiase o selo municipal.
Xa rematada a Guerra civil, o orzamento de 1940 é de 58 273 ptas. Entre as iniciativas do seu escaso tempo como alcalde, sinalamos a instalación dunha báscula no campo da feira de Santa Mariña -en xuño de 1938 adxudícase á casa Fron de Zaragoza- ou o arranxo puntual de vías de comunicación coma a ponte de Lamas en Ramil "que ofrece perigo para os viandantes". Un informe da alcaldía reflicte o estado do concello en xullo de 1938.
Da xefatura das JONS chegan en outubro de 1937 directivas para poñer nomes de prazas e rúas adicadas a Francisco Franco, Calvo Sotelo e Jose Antonio Primo de Rivera; mais dende o concello piden demorar esa decisión para mais adiante, “porque non hay nombres de calles en San Sadurniño,aun considerando que los mencionados son acreedores a tal distinción”. Aínda así, coincidindo co final da Guerra Civil, no pleno do 1 de xuño de 1939 a corporación decide "nombrar alcalde honorario de San Saturnino al Excmo Sr Francisco Franco, Jefe Supremo del estado y Generalísimo de los ejércitos, con grandes dotes de estrategia universalmente reconocidos se hace acreedor de la gratitud de los espíritus que siempre en lo más profundo de su alma tienen el sentimiento sublime del amor a la patria"..
Segundo Yáñez presenta a súa dimisión o día 1 de febreiro de 1940, "por padecer enfermedad", sendo substituído polo tamén comerciante local Faustino López Loureiro. Seguirá ao fronte da ferretería ata o seu falecemento o 13 de marzo de 1976 no Casal aos 93 anos. O establemento pechará no ano 2000, tras oitenta anos de funcionamento ininterrompido.
Fotografía: Segundo Yáñez Fernández. Arquivo da súa neta, a historiadora Margarita Sánchez
Temas: Alcaldes de San Sadurniño, emigración, Lamas, San Sadurniño (Concello), San Sadurniño (parroquia), xente, guerra