Iniciativas e servizos promovidos polo Concello ou as asociacións culturais e veciñais de San Sadurniño.
San Sadurniño, 2004
Tras da inauguración da Casa de cultura en 1999 e a contratación -con algún receo inicial- da técnica de Cultura Natalia Balseiro, co nome de San Sadurniño foi acadando un lugar de referencia no tocante á programación de actividades culturais en Galicia. A altura do ano 2004 o concello de Constantino Bedoya destina o 5% dos seus ingresos (96.000 euros) a tal fin: Programacións de teatro con compañías profesionais de primeira fila, "noites golfas", Semanas de teatro amateur, proxeccións cinematográficas, exposicións pictóricas ou fotográficas, etc.. converteron a San Sadurniño nun exemplo de programación cultural, como así o recolleron numerosos medios de comunicación daquel tempo. Quizais un punto de inflexión fora a estrea absoluta de "A gata con botas" a cargo dunha das compañías teatrais máis prestixiosas de Galicia, Sarabela teatro. Algunhas críticas da oposición centrábanse no carácter excesivamente centralizado das actividades na Casa de Cultura, e a escasa programación de eventos nas parroquias.