Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018 Chanfaina Lab seleccionada no banco de boas prácticas da xestión cultural Chanfaina Lab, XI Premio José Sellier

extramuros

Olladas das xentes que visitaron San Sadurniño e deixaron testemuñas en forma de textos, imaxes, pinturas ou filmes: visitantes senlleiros,

"Rexistros. Xeografía de San Sadurniño"

San Sadurniño, 2018

5ª Chanfaina Lab (2). Estrea: venres 22 de febreiro do 2019.
Dirección, cámara e montaxe: Adrián Canoura
Colaboración: Consuelo Picos
Música: Adrián Canoura
Sinopse:"Unhas árbores, uns animais, luces, cores, espazos...Unha navegación sensorial polas aldeas de San Sadurniño, onde ver é reter-percibir, onde o ollo non está contaminado e goza a través da aventura da percepción. Parafraseando a Stan Brakhage, "Cantas cores hai nun campo de herba para o bebé, que gatea ignorante do "verde"?. Cantos arcosdavella pode crear a luz para o ollo non educado?. Canto conscente das variacións nas ondas de calor por estar ese ollo?"
Duración: 14' 30''
Gravada en San Sadurniño do 31 de agosto ao 2 de setembro do 2018 dentro do programa da 5ª Chanfainalab.
A peza voltará a verse cando remate o seu periplo por festivais: Playdoc 2019, S8, Filmadrid (de momento) .


A formación audiovisual de Adrián Canoura (Burela, 1991) comezou na Fundación TIC de Lugo, seguiu cun curso de cámara e realización na Escola de Ficción de Voz Audiovisual e o Máster LAV, (Laboratorio de Práctica e Creación Audiovisual Contemporánea), aprendendo de cineastas como Javier Rebollo, Natalia Marín ou Andrés Duque.
O seu traballo abrangue varias prácticas artísticas, como creador visual no dúo de electrónica Nistra, realizador de videoclips con Baiuca, ou cineasta experimental de pezas como “Salitre nas veas”, “Caerán lóstregos do ceo” e “O porco e o seu espírito”.
As súas creacións destacaron en numerosas mostras e festivais como Curtocircuito, Play-Doc, Cans, Vila do Conde, Festival du Nouveau Cinéma-Montreal, Festival Filmadrid (Premiada como mellor filme de vangarda) ou Escolma de cine galego en Sarria entre outros. Canoura é fillo e neto de mariñeiros."Fago películas punkis e baséome na antropoloxía popular galega, debullando no mundo dos mitos e das tradición. Gústame retratar mundos que desaparecen”.

Adrián non tiña unha idea preconcibida do que ía gravar na Chanfainalab: “A verdade é que non fun con ningunha idea precociñada, eu son máis de abrir a neveira e aproveitar todo o que hai. Un pouco con esa idea fun para San Sadurniño, atoparme co que me chamase a atención e me abraiara. Iso si, tiña en mente facer algo relacionado coa miña anterior peli, en concreto chamábame a atención o mundo dos espantallos, que trato de fotografar sempre que atopo un. E deuse a marabillosa coincidencia que a veciña de Igrexafeita Consuelo Picos, fai uns espantallos estupendos e ben elaborados. Entón desde que atopei ese fío, fun construíndo a navegación por todas as aldeas, rexistrando cousas que me gustaban ou que me facían parar e ollar un bo rato. Sumando a que fixo moi bos días, foron uns días estupendos para descubrir a xeografía de San Sadurniño e así o intentei trasladar na obra, tratando de plasmalo cun ollar diferente, sensorial e abstracto.”

"Rexistros. Xeografía de San Sadurniño" é moi coherente co estilo visual, os referentes e traxectoria artística de Adrián Canoura. Unha peza que se enxerga directamente en clásicos do cinema experimental, ao xeito dos diarios filmados de Jonas Mekas. Principiamos con imaxes da paisaxe de San Sadurniño, mais vémolas como luces, cores e texturas que lembran o impresionismo abstracto de Stan Brakhage. Logo comezamos a percibir pouco a pouco as formas vivas da natureza que agroman como lembranzas borrosas e imprecisas, ao xeito das fotografías de Vari Caramés -artista ao que Adrián admira-. O relato, ao fin, condúcenos á recuperación dun artefacto da cultura rural e a memoria popular, o espantallo: "Gosto dos creadores que traballan con elementos do común pero cunha mirada moi particular, moi de navegar a través das imaxes, de deixarse levar sen procurar unha narración nin unha trama en concreto, como se admiraramos un cadro ou unha poesía. E ese camiño é o que creo que pode atopar o espectador, ante todo que non busque un sentido narrativo clásico, senón que desfrute e acepte esas abstraccións como un desenvolvemento máis profundo que as palabras". Así pois, o noso consello para comprender mellor a peza de Adrián é deixarse levar como si estivésemos diante dun poema escrito coa luz, ata suspender o pensamento racional. En realidade a viaxe que nos propón o cineasta lugués é metafísica , unha ollada á nosa paisaxe, mais que non semella real porque nos transporta a un lugar abstracto que só é unha ilusión, un lugar que só existe no ollo e a mente do creador, como o espazo no que viven os soños e as lembranzas.
Fotografías de Cesar Galdo e Gabriel Tizón

  • "Rexistros. Xeografía de San Sadurniño"

  • Adrián Canoura na chanfainalab

  • As cores de Sansa segundo Adrián Canoura

  • Cabalo de Adrián Canoura

  • Consuelo e o espantallo de Igrexafeita

  • Preparando o espantallo

  • Adrián, Consuelo e o espantallo

  • Protagonista de "Rexistros. Xeografía de San Sadurniño"

  • No set de rodaxe

  • Sansa nos ollos de Adrián Canoura

  • o espantallo de Igrexafeita

  • Adrián Canoura na procura da "xeografía" de Sansa

  • Consuelo e o espantallo

  • Adrián e a súa cámara

  • Adrián Canoura no tempo de relax

  • Adrián Canoura presentando "Rexistros. Xeografía de San Sadurniño"

load

Comentarios

Máis imaxes

Temas: animais, Horta de Consuelo, Igrexafeita, naturezas, vídeos, visitantes, Chanfaina'Lab

Autor/a: Adrián Canoura

Vídeos:
Entrevista a Adrián Canoura
Caerán lóstregos do ceo
Baiuca - Camiños
Salitre nas veas

Compartir en: