Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.
San Sadurniño, 1975
O crego Ramón Díaz Raña estivo destinado en San Sadurniño dende xaneiro de 1971 ata 1990. Pedíralle ó Bispo unha parroquia tranquila e pequena para escribir a tese de doutoramento. Mais dende o principio púxose ao carón das necesidades dos veciñas e veciños e axiña quedou patente que non era un "cura calquera". Todas as persoas que o coñeceron ficaron deslumbrados pola súa cultura, magnetismo e xenerosidade. Naqueles anos escuros e tristes de finais do franquismo, "Ramón era coma un faro que iluminaba a todos". Rexina Cinza e Xosé López Gudín fálannos do que significou Ramón no San Sadurniño de 1975.
..
Aquí podes ler a súa biografía. Sen embargo houbo xente que non vía con bós ollos o compromiso social deste párroco cos seus feligreses. Se alguén quere coñecer o acontecido en San Sadurniño no derradeiro ano da vida de Francisco Franco, non pode deixar de ler este texto imprescindible, onde se describe o ambiente do pobo entre marzo e agosto de 1975, cunha manifestación popular de apoio, que remataría cun aparatoso rexistro policial da reitoral do convento do Rosario o 13 de agosto de 1975. O impactante relato, escrito por Ramón, comeza así:
-“Mira, Raña: Puidera ser que “María” vaia esconderse á túa casa”. Estas palabras graváronse tan ben no meu “ordenador” portátil -o único que usabamos daquela- que non hai forma de borralas.
O trece de agosto do 75 estabamos varios cregos nunha xuntanza preto da praia de Vilarrube na casa que tiña alí a Parroquia de San Pedro (Ferrol). Éramos uns dez curas, aproximadamente. Programabamos a saída de "Boa Nova". Cando rematamos, preto da media tarde, aparecen Vicente Couce, Manuel Bello Trigo e Cuco. Vicente fíxome sinal como que quería dicirme algo e apartámonos un pouco do grupo. Cóntame que esconderan a “María” (Elvira Souto Presedo, compañeira de Moncho Reboiras), pero que ela decidira saír camuflada de Ferrol. Un dos posibles sitios onde podía esconderse era San Sadurniño".
Continuar lendo a historia "Rexistro policial na reitoral".....
Mais Don Ramón continuaría desenvolvendo proxectos para os veciños e veciñas de San Sadurniño coa revista "Pumariño", no impulso a Saraibas, ou no Certame de Canción infantil Cantareliña entre outros moitos. Na ilustración, adro do Convento do Rosario na homenaxe a Ramón Díaz Raña en abril de 1975.
Temas: conflitos, Convento do Rosario, San Sadurniño (Concello), San Sadurniño (parroquia), Santa Mariña do Monte, xente
Autor/a: Ramón Díaz Raña
Vídeos:
San Sadurniño 1989. Minuto 10