Monumentos, igrexas, edificios, patrimonio inmaterial e pezas singulares -grandes e pequenas- de San Sadurniño: castelo de Naraio, castros, convento do Rosario, creador@s, cronoloxía histórica, cruceiros, fontes, igrexas parroquiais, pequenas capelas, lendas, megalitismo , muíños, pazo da marquesa, visitantes senlleiros,
Outeiro, San Sadurniño, 1882
Dende que José Mariano Quindós y Tejada, VI Marqués de San Sadurniño emigrara á Corte madrileña da nova Raíña Isabel II en 1843, o Pazo dos seus devanceiros fora esmorecendo paseniñamente. O Marqués apenas visitaba o vello caserón dos Andrade agás en contadas ocasións. Daquela, a viaxe dende Madrid era toda unha aventura e supoñía varios días polos tortuosos e incómodos camiños reais do século XVIII. José Mariano Quindós era un político moi activo e con moitas responsabilidades na Casa Real para veranear nun lugar tan remoto e illado como San Sadurniño a mediados do século XIX.
Mais a posta en funcionamento da liña de ferrocarril Madrid- Coruña o 1 de setembro de 1883 comunicará de xeito efectivo a Galicia coa meseta. Polo que Ferrol e San Sadurniño estaban agora máis accesibeis. Podíase viaxar comodamente en tren dende a capital ata o vello pazo dos seus devanceiros a través de Coruña -nomeadamente no vapor Hércules que o achegaba a Ferrol- ou mediante coche de cabalos dende a estación de Betanzos. Ademáis o Marqués era un político comprometido co ferrocarril e un dos principais promotores do proxectoBetanzos- Ferrol e do tren da Costa ata Xixón (actual FEVE).
Probablemente esta substancial mellora das comunicacións fora a razón principal que motivou ao vello Marqués a tomar a decisión de reformar completamente o Pazo en xaneiro de 1882. A primeira nova da reforma do caserón correspondeu á construción da galería acristalada -de 300 metros cadrados- do patio. Daquela o supervisor e administrador era Manuel Adán, párroco do Val e alcalde o adiñeirado propietario Manuel Couce. As obras continúan o ano seguinte; o propio Marqués ven a inspeccionalas en setembro de 1883. A enfermidade e morte do seu fillo Fernando en 1884 ralentizou a restauración do edificio. Mais coa voda da súa filla en 1886, o Marqués retornou a impulsar as obras que se sucederán no 1887 e 1888. Feitas as reformas, o Marqués e a súa filla Natividad Quindós frecuentarán o remudado pazo de San Sadurniño todos os veráns dende mediados de xullo a setembro ata a morte do Marqués en 1900. O aspecto definitivo do Pazo virá da man da súa filla Natividad Quindós en 1902.
Temas: patrimonios, Pazo da Marquesa
Autor/a: Manuel González Álvarez
Vídeos:
A reforma do 2011