Naraío e Bardaos, 2026
10ª Chanfaina Lab (20). Estrea: 29 de maio do 2026
Dirección: NaraíoMedia
Duración: 6'
Sinopse: Nunha granxa illada da Galicia rural, unha parella intenta manter a vida cotiá mentres loita contra unha dor que cada un expresa de xeito diferente. Entre rutinas, silencios e olladas contidas, o amor convértese nun acto de empatía: permanecer ao carón do outro mesmo cando a realidade se experimenta de xeitos opostos.
Equipo artístico: Brianda García , Antonio Fraga e Hugo Murias
Equipo técnico: Antonio Fraga/ fotografía e son: Brais Varela / Montaxe : Brianda García e Brais Varela
Gravado nas parroquias de San Sadurniño e Bardaos dentro do programa da 10ª Chanfainalab
Máis información sobre esta peza en: Chanfainalab
NARAÍOMEDIA é un colectivo creativo formado por Brais Varela (San Sadurniño, 1987), Antonio Fraga (San Sadurniño, 1989), Brianda García (Neda, 1992) e Ricardo Noval (Neda, 1987). Ningún deles garda relación ou se dedica profesionalmente ás artes audiovisuais, mais comparten esa afección dende hai uns anos. Naraío foi ata agora a parroquia elixida para a gravación de todas as súas pezas: Debutaron con gran éxito na Chanfaina lab do 2019 con "O Roubo da Droja II", no 2022 consagráronse no trepidante thriller de terror rural "The porquer". Co seu thriller psicolóxico "Pedro Chosco" (2024) e o drama "A voz que cala" (2025), foron depurando un estilo narrativo propio que xera expectación e interese ano a ano.
A idea principal trataba de conflitos familiares no rural e dunha presión forte que a familia protagonista tiña por seguir adiante co negocio dunha granxa familiar con graves problemas económicos. Cando fomos ver a localización da granxa antes da rodaxe, o guionista decidiu darlle un xiro á curta, transformándoa nunha historia máis profunda e dramática. Ao ver a situación do pozo no medio do prado, esa imaxe foi o que lle inspirou o cambio de guion. Quizais o máis difícil de gravar foi o son, debido ás circunstancias climáticas. Ademais, nas escenas de exterior, ao haber nubes e claros, custounos bastante atopar a mesma luz, aínda que finalmente para nós o resultado da fotografía foi satisfactorio.
Temas: Chanfaina'Lab, conflitos, creador@s, Naraío, nenos e nenas, vídeos
Autor/a: NaraíoMedia