Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018 Chanfaina Lab seleccionada no banco de boas prácticas da xestión cultural Chanfaina Lab, XI Premio José Sellier

mirada propia

Creacións audiovisuais, literarias ou artísticas realizadas por autores naturais ou residentes en San Sadurniño: creador@s, escultura, Revista Pumariño, músicos, pintura, poesía, teatro

"Punto de ignición"

Santa Mariña do Monte e Naraío, 2025

9ª Chanfaina Lab (2). Estrea: venres 7 de marzo do 2025
Duración:4’ 46’’
Guión, cámara, dirección e montaxe: Ángela Arnosa
Reparto: Kevin Lorenzo
Sinopse: "A difusa liña entre a realidade e a paranoia. As sospeitas poñen ao límite ao protagonista xerando unha obsesión sen control que o leva a alcanzar o propio punto de ignición."
Gravado nas parroquias de Santa Mariña do Monte e Naraío dentro do programa da 9ª Chanfainalab



Ángela Arnosa (Naraío, 1996) é graduada en Química e estudante de doutoramento en Ciencia de Materiais. O seu entusiasmo coa ciencia e a comunicación levárona a desenvolver unha inclinación pola divulgación científica, que xa lle valeu algún que outro premio. Ángela foi desde sempre unha activa espectadora de obras do audiovisual galego. Hai uns anos deu un paso para poñerse diante da cámara con pequenos papeis en curtas e series web, así como en filmes producidos no marco da Chanfaina como "Sibila" de Carla Andrade ou "Breixo" de Kevin Lorenzo e Javier Seoane. Todas esas inquedanzas culturais e artísticas foron o detonante de que Ángela se puxera do outro lado da cámara e debutar, ao fin, como cineasta con voz propia. Así, nas pasadas edicións presentou as súas primeiras curtas, “Síntese” (2018), “Un ninguén máis” (2019), “Porte exprés” (2023) e "Erosión" (2024).

Angela desenvólvese no audiovisual coa mesma metodoloxía que abrocha da súa curiosidade científica, experimentando sempre cousas novas e aproveitando calquera oportunidade para participar xenerosamente nas pezas doutros cineastas participantes. Nesta 9ª edición xestionou con eficacia -xunto con Kevin Lorenzo- a área de casting e localizacións, integrándose no equipo de cociña da Chanfainalab. Asemade participou en labores técnicas noutras curtas como "No tempo dos escapados" do colectivo Teño unha horta, "A gatiñeira de San Sadurniño" de Fernando Cortizo; "Mírame" de Kevin Lorenzo, "Solposto" de Iago Lourido ou "Maldito espírito" de Carlos Martínez-Peñalver: "A chispa inicial para a elaboración de “Punto de Ignición” xurdiu a partir dun elemento corrente pero suxestivo: un plástico protector usado para cubrir mobles ao pintar. En moitas ocasións desenvolvo as ideas a partir dun obxecto ou elemento que me suxire algo interesante, como a marquesiña en “Porte exprés”” ou as sombras en “Síntese”. Neste caso, a textura e movemento do plástico evocoume dunha escena onde a percepción do protagonista se distorsiona, mergullándoo nun estado de paranoia. A partir dese punto, construín a idea dun personaxe atrapado entre a realidade e a súa propia mente. Por outra parte, a translucidez do plástico provocoume a reflexión sobre a interacción coa luz, derivando no xogo coas luces na escena do coche. O outro coche que se achega de fronte, ilumina ao protagonista e indica o seu transporte a un espazo de percepción alterada. Logo engadín o previo fallo da radio do seu coche, sobre o que non se chega a saber se é un problema técnico do propio aparato ou un reflexo do seu estado mental, creando unha atmosfera de incerteza. Para dar cohesión á narrativa e situar ao espectador, incorporei a escena da mensaxe no móbil, que serve como ancoraxe á súa realidade ao interactuar co seu irmán. O proceso de creación foi como tirar dun fío, no que unha idea levou a outra de xeito moi fluído."

"Punto de ignición" é outro novo chanzo da procura e indagación nas posibilidades da linguaxe audiovisual realizadas pola cineasta de Naraío. Nesta ocasión enfrontándose con solvencia aos códigos e a narrativa do cinema de suspense: "Sei que esta peza afástase das creadas en edicións anteriores, pero coa que continuo a explorar temáticas e formatos distintos aproveitando a oportunidade que brinda a Chanfainalab. Creo que a curta final conseguiu articular de maneira satisfactoria todos os conceptos e propostas que xurdiron durante o seu proceso de creación. Agardo que “Punto de ignición” resulte de interese para o espectador e que por momentos o faga dubidar se está a ver a realidade na que vive o protagonista ou a realidade da mente do protagonista". A creadora Ángela Arnosa volve a sorprendernos co seu selo único e orixinal que só pode agromar da mirada inqueda dunha científica e poeta ao tempo.
Fotografías: César Galdo

  • "Punto de ignición"

  • Angela no Castelo de Naraío

  • Ángela Arnosa na foto oficial da 9ª Chanfainalab

  • Ángela presentándose na "Eira de cineastas"

  • Ángela e Antonio Fraga na 9ª Chanfainalab

  • Ángela e Kevin Lorenzo na 9ª Chanfainalab

  • Ángela recollendo a súa Lola Chanfainaineira na Gala 2025

  • Ángela Arnosa cos participantes da 9º Chanfainalab

  • Angela Arnosa entre o público da Gala da 9 ª Chanfainalab

  • Ángela no photocall da chanfainalab

  • Ángela na 9º Chanfainalab

  • Cartel de "Punto de ignición"

load

Comentarios

Máis imaxes

Temas: coches, conflitos, creador@s, Naraío, vídeos, Chanfaina'Lab

Autor/a: Ángela Arnosa

Compartir en: