Ademais das imaxes, tamén a prensa e os documentos históricos fálannos de San Sadurniño no decurso do tempo: Podes velos en orde cronolóxico aquí , ou consultar algúns datos estatísticos
Monte de San Pedro, Baiona, 1910
Por iniciativa do enxeñeiro pontevedrés Laureano Salgado Rodríguez, en 1910 iniciouse o proxecto para erixir una gran imaxe da Virxe -de 15 metros de altura- no cumio do monte de San Roque en Baiona, a 90 metros sobre o nivel do mar. Tratábase de recrear simbolicamente o acontecemento da “Arribada” da Pinta, e ao tempo, servir como luz-guía para os mariñeiros que retornaban ao peirao de Baiona. O deseño do monumento ía firmado polo grande arquitecto porriñés Antonio Palacios.
Entre os políticos e aristócratas mobilizados para acadar apoio oficial, a Duquesa da Conquista intermediu na Casa Real para que a Raíña Victoria Eugenia presidira o acto de colocación da primeira pedra. Isto suporía unha potente acción promocional do proxecto. Mais ao cabo, a mesma Raíña delegará na Marquesa da San Sadurniño a representación real no acto.
O evento tivo lugar o 18 de setembro de 1910 e as crónicas daquel tempo reflicten o acontecido aquel día (ver documento anexo). Natividad Quindós, que acaba de ceder o seu pazo de Baltar aos claretianos hai uns días, viaxará co seu marido a Vigo o sábado 17, onde pernocta. O domingo as 10 da mañá xa estaban en Baiona para presidir -en nome do Rei Alfonso XIII- todos os actos oficiais da colocación da primeira pedra. Pola tarde asistirán a estrea da zarzuela galega “La Virgen de la Roca” e o día rematará cunha recepción oficial no Pazo de Monterreal de Baiona. O monumento aínda tardará 20 anos en rematarse, sendo inaugurado o 14 de setembro de 1930.
Podes ler en documentos adxuntos o acontecido nese día e o contexto histórico do proxecto. Na imaxe, fotografía realizada por Constantino Sarabia que reflicte os actos do día. (Vida gallega 20/10/1010)