Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018 Chanfaina Lab seleccionada no banco de boas prácticas da xestión cultural Chanfaina Lab, XI Premio José Sellier

xentes

Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.

Pelayo Casal Novo, alcalde 1912

Marques de Figueroa, San Sadurniño, 1912

Alcalde de San Sadurniño (1912-1913) e (1936-1937).
Naceu en 1867 en Ferreira, fillo dos labregos María Novo e Vicente Casal. Moi novo emigrou a Cuba, onde creará unha sombreirería moi popular na Habana.De feito aparece na lista de prófugos en 1887. Retornou cunha pequena fortuna e arredor de 1907 fai casa na Avda do Marqués de Figueroa. No seu baixo abre un comercio de tecidos que a xente chamará a tenda de “Don Pelayo”, mantendo rivalidade comercial có outro negocio competidor de Luís Loureiro Pita. Casou coa mestra de Igrexafeita (1889) Carmen Alende Álvarez e neta do todopoderoso home do XIX Justo Álvarez Sierra, coa que terá dous fillos: José Casal Alende e María Casal Alende. A súa prosperidade económica –é un dos maiores contribuíntes do concello- e o seu talante conservador serán motivos para ser elixido alcalde de 1912 a 1914.
Toma posesión aos 45 anos, o 1 de xaneiro de 1912 nunha corporación integrada por algúns concelleiros solidarios e comerciantes locais: José Naveira Barro, 1º tte alcalde (Igrexafeita-Remicieiro); Juan Fernández Calvo, 2º tte alcalde, (Monte); José Sueiras López, síndico; Bruno Bañobre Franco; Angel Naveiras Barro, interventor (Naraio-Freijo); Antonio Soto Couce; Manuel Soto Castro (Igrexafeita), renuncia por ausentarse en 1913; Angel Pouso Romero, renuncia en setembro de 1913 por enfermidade; José Cabada Fraga (Monte), Vicente Rodriguez Canosa (Bardaos); Simón Castro Casal; Benito Teijeiro Yáñez. O recadador municipal será Francisco Mera Hemida, quen cobra o 3% do que recade.

A corporación de Pelayo procurará calmar os ánimos exaltados nos últimos anos en San Sadurniño. O novo alcalde, "comerciante da carretera" e "hombre de orden", pretende que San Sadurniño retorne a ser a "vila da tranquilidade". Un dos seus primeiros obxectivos será restaurar a harmonía cos Duques da Conquista cos que asinará un convenio en setembro de 1912 polo que se privatiza para uso particular o vello camiño dos Feás, a cambio de que os Duques constrúan unha nova estrada que non atravese a Fraga da marquesa. Dise xeito os Duques poderán cercar o perímetro da inmensa fraga e vixiar doadamente que ninguén poida cazar ou levar leña. Mais a altura de 1916, a estrada prometida aínda non estaba construída e o convenio será anulado pola corporación republicana de 1931.
Outra das teimas de Pelayo Casal nestes dous anos foi a instalación permanente da oficina de Telégrafos, para o que solicitan a intermediación dos Duques da Conquista. O Concello comprométese a facilitar un edificio, que será un baixo de Estrella Carballo Fernández, arrendado por 250 pesetas ao ano. No pleno de 19-3-1913 tribútaselle aos Duques "imperecedera gratitud por su incansable y constante celo y apoyo en pro de los intereses de esta comarca". É de supoñer que o talante condescendente de Pelayo Casal tivera unha xusta compensación, visitando aos membros da familia real que se achegaron polo Pazo da marquesa no verán de 1913.
O segundo piar do concello deste primeiro terzo de século son as boas relacións que se manteñen de sempre co Partido Conservador a través do novo deputado do distrito, Julio Wais. O concello agasallará oportunamente a visita de Julio Wais en novembro de 1912 con bombas de palenque a conta do concello -15 pesetas- na primeira visita trunfal ao "seu" feudo de San Sadurniño co entusiasmo de Don Pelayo e a corporación municipal en pleno.

Como episodios curiosos deste período podemos sinalar a participación do concello na festa escolar do 26 de maio de 1912 na que unha comisión do concello recibiu aos escolares, ensinoulles as instalacións municipais e agasallounos con chocolate e galletas- cun gasto de 50 ptas-. Tamén será no ano 1913 cando se autorice unha vella arela de Igrexafeita: a celebración dunha feira mensual nun terreo arrendado por Antonio García Varela. E coas escasas 17.497 pesetas de orzamento municipal, aténdese como se pode o arranxo permanente das pontes de madeira (Cotillón, María García, Bardaos, Saavanda), os camiños veciñais e a reparación das deterioradas escolas do municipio. Outro detalle case exótico será a pequena achega económica do Concello para “el nuevo avión del intrépido aviador gallego José Piñeiro". Como datos tamén curiosos podemos anotar que en 1912 no existe ningunha sociedade de recreo, cultural ou veciñal, o xornal medio dun braceiro é de 1,5 ptas e o orzamento de 1913 non chegou ás 17.880 ptas.

No pleno de 1 de xaneiro de 1914 será substituído por José Yáñez Pena. Mais Pelayo aínda frecuentará a corporación municipais nos anos vindeiros, sempre tras do ronsel do Partido Conservador ou da Unión Patriótica, baixo a Ditadura de Primo de Rivera, co alcalde Faustino Loureiro Couce (1930-1931). En 1936 figuraba como maior contribuínte "por urbana" da parroquia de San Sadurniño e considerado home de ideas conservadoras, por iso, tras da sublevación militar de 1936, o sarxento da Garda civil Maximino Lobo Navascués noméao Alcalde de San Sadurniño en xullo de 1936.

  • Pelayo Casal Novo, alcalde 1912

  • Feira de Igrexafeita

load

Documentos:

Pelayo Casal e o camiño de Feás

Comentarios

Máis imaxes

Temas: San Sadurniño (Concello), Pazo da Marquesa, emigración, Alcaldes de San Sadurniño, xente

Compartir en: