Ademais das imaxes, tamén a prensa e os documentos históricos fálannos de San Sadurniño no decurso do tempo: Podes velos en orde cronolóxico aquí , ou consultar algúns datos estatísticos
Pazo da marquesa, San Sadurniño, 1702
XI Señor e 2º Marqués de San Sadurniño (1702- 1730).
Pedro Francisco Álvarez de Reynoso y Andrade, fillo vinculeiro de Pedro Álvarez de Reynoso, parece que non frecuentaba moito San Sadurniño, xa que vivía en Ourense, polo que os asuntos do marquesado foron xestionados eficazmente pola súa nai, Francisca Ventura de Andrade ata a súa morte no pazo familiar en 1717. De feito, Francisca Ventura foi a derradeira gran Señora que habitou permanentemente o Pazo de San Sadurniño, honrando así aos seus devanceiros. Os seus sucesores virán a San Sadurniño esporádicamente ou en período vacacional. O Administrador dos Marqueses xestionaba os seus intereses e cobraba as rendas, mentres os señores vivirán en Ourense, Baltar, Ferrol e Madrid.
A Marquesa Francisca Ventura foi a impulsora da construción da fermosa e simbólica Capela de Belén en 1707. Durante estes anos, Francisca Ventura mantivo diversos preitos có Convento do Rosario, entre eles pola polémica permanencia de 8 frades en lugar dos 12 que esixía o acordo de cesión aos dominicos asinado en 1570. Tamén preitaba polas rendas do convento atribuidas á Cerdido. A Marquesa negouse a darlle toda a leña que figuraba no acordo (só 40 carros). A falecer a Marquesa, o 31 de decembro de 1717, o seu fillo Pedro tampouco querrá facerse cargo do aceite, cera e leña para os frades; outra fonte de litixos cós dominicos virán polo dereito ao soterramento dos criados preto do Altar Maior do Convento, ou de Xoana de Lamas. unha devota que deixara os seus bens ao Convento (1717), en contra da vontade da Marquesa. Os preitos continuarán durante gran parte do XVIII cós colonos e mosteiro, e tamén con outros membros da nobreza. O tema case sempre era o mesmo, o control e cobro das rendas e dereitos medievais.
Mais á morte da súa irmá Mariana, falecida en 1712 e do seu cuñado Antonio Micael Mosquera que toleara en 1705, parte dos seus bens pasan a formar parte do marquesado de San Sadurniño. De feito, arredor de 1716 andan facendo algúns amaños no pazo.
Ao morrer Pedro Francisco solteiro e sen descendencia en 1730 en Soutomaior (Ourense), onde vivía, o título pasará –segundo o protocolo do morgado- ao seu sobriño José Jacinto Quindós, fillo da súa irmá Rosa Álvarez de Reynoso e Álvaro Quindós Bolaño. Tamén recibirá sepultura na Capela do Convento do Rosario xunto aos seus devanceiros..