Monte, 2026
10ª Chanfaina Lab (18). Estrea: 22 de maio do 2026
Dirección: Fran da Lobeira
Duración 6' 53"
Sinopse: "Dous radioafecionados de San Sadurniño, Ramiro "Loibas" e Xosé Ramón "Pielas", quedan nunha taberna para se coñecer e intercambiar información importante sobre un descubrimento moi tolo que ven de facer Loibas. Que misterios agochará O Refuxio?"
Equipo artístico: Francisco X. Cela, Lara Veiga, Mónica López, Pilar de Vergara, Xoán Rodríguez Caridad, Camila López Couce
Equipo técnico: Guión - Fran da Lobeira e Francisco X Cela
Fotografía, Iluminación e operador cámara - Iago Lourido Calvo
Arte e Script - Irene Ávila Carreira
Son - Fran da Lobeira
Asistente de dirección - Lara Veiga e Lucía da Lobeira
Música: Orquesta Galilea - Pídechas o corpo
Gravado na parroquia de Monte e San Sadurniño dentro do programa da 10ª Chanfainalab
Máis información sobre esta peza en: Chanfainalab
FRAN DA LOBEIRA (Ferrol, 1978) é un tipo ecléctico, guitarrista e debuxante amador, gravador e montador de vídeo vocacional, youtubeiro e twitcheiro paixonal e militar de profesión... un auténtico home-orquestra. Fran da Lobeira militante activo do lugar da Lobeira (parroquia de Monte), é creador e produtor audiovisual nas súas canles en redes sociais, “community mánager” amateur, presidente da asociación Obradoiro Dixital Galego (asociación de creadoras de contido en galego e en liña) e cineasta afeccionado. Actualmente, ademais das súas canles poden verse os seus comezos no catálogo do Chanfaina lab e algún que outro vídeo nas canles de Youtubeiras ou do Consello da Cultura Galega. As súas pezas realizadas para o Chanfaina lab dan boa proba do seu talento e evolución ao longo do tempo: "Quixera" (2015), "Sentimentos" (2016) , "O enxerto, a bicicleta e o helicóptero" (2017), “Fíxose a luz” (2018) ,“Trae” (2019), “Eu, a escola” (2024) e "The Brinqueta" (2025) .
Hai uns anos, trala gala de estrea das pezas, Francisco X Cela que ese ano asistira como chanfaineiro, chamoume e dixo: "Débolle unha comedia a Manolo". Mandoume unha idea de non máis dunha cara de folio e comezamos a desenvolvela. Comezamos a documentar a peza con historias conspiranoicas, algunhas reais e outras completamente inventadas, e 5 versións de guión máis tarde, comezamos a preparar todo o atrezzo que necesitaba a peza, creamos planos dun suposto refuxio, documentos ficticios e mesmo unha revista conspiranoica con 12 páxinas chea de historias tolísimas que non saen en pantalla, e tamén comezamos a "fichar" persoal para elenco e o equipo de rodaxe, mesmo chegamos a lle propoñer á boa xente de NaraíoMedia facer unha coprodución, máis non puideron. Pasámolo xenial durante a mesma e coido que se nota no resultado final.
Temas: asociacións actuais, bares e tabernas, Chanfaina'Lab, conflitos, creador@s, guerra, máquinas, Santa Mariña do Monte, vídeos, visitantes
Autor/a: Fran da Lobeira