Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018 Chanfaina Lab seleccionada no banco de boas prácticas da xestión cultural Chanfaina Lab, XI Premio José Sellier

xentes

Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.

O nacemento do Concello de San Sadurniño

Agra de abaixo, San Sadurniño, 1837

Miguel Bastida, primeiro alcalde de San Sadurniño (1837-1838)
Antón Vilar Ponte no seu discurso de ingreso na Real Academia Galega “O sentimento liberal na Galiza” en 1934, foi o primeiro en rememorar as escuras orixes do Concello de San Sadurniño:
“Cando se publicou na “Gaceta” de Madrid o decreto creando os municipios actuais, labregos de San Sadurniño, a maioría de eles entón analfabetos, andaban tolos porque non sabían como poderíanse constituír en concello novo, segundo ordenaba a lei. Chegou de aquela á comarca xa nomeada un vagabundo pasego e o decatarse da preocupación dos labregos díxolles que él, si querían,daríalle forma debida a o Axuntamento. Acataron todos a oferta, o pasego constituíu a entidade local e nomeado secretario da mesma. Logo estableceu unha taberna coa que fixo moitos cartos. ¿Non é este o símbolo máis craro da absurda exótica e antinatural organización municipalista do rural galego? Aquel pasego foi o primeiro arquetipo de caciquismo da nosa terra”.

A verdade é que as orixes do concello aparecen cubertas pola neboeira do tempo e a case inexistente documentación administrativa destes anos (1836-1840) no Arquivo Municipal. Mais podemos asegurar que o pasego ao que se refire Antón Vilar Ponte chamábase Manuel Azcona Cobo , nacido en 1809 en Vega de Pas (Cantabria), fillo de Santiago Azcona e Josefa Cobo e casado coa tamén "pasiega" Antonia Oria coa que terá sete fillos en San Sadurniño, onde montará unha popular taberna en Agra de Abaixo. Tiña polo tanto arredor de 27 anos cando apareceu polo campo da feira vendendo bó viño. Apenas coñecemos nada da súa vida anterior, aínda que posuía unha fermosa caligrafía que fica patente ao longo do seu extenso tempo como secretario do Concello (1843-1860), mais tamén alcalde (1839) e xuíz municipal practicamente ata a súa morte o 21 de febreiro de 1872 aos 63 anos.
Porén, antes de Manuel Azcona xa houbera varios intentos de poñer a andar a institución municipal protagonizados por pequenos propietarios labregos que sí sabían ler e escribir. O primeiro alcalde do que temos novas escritas é Miguel Bastida, quen foi alcalde sete meses, do 15 de outubro de 1837 ata o 28 de maio de 1838, no que foi substituído por Antonio Sisto. Fora investido alcalde por elección popular coa lexislación liberal que permitía o voto "a todo varón maior de 25 anos con casa aberta no concello".
Miguel Bastida casara en 1813 con Tomasa Alvariño Utón y Montenegro nacida en Moeche no 1794. Vivían en Outeiro e tiveron varios fillos, entre eles José, Pedro; Francisco (1821-1905) e Jacobo Bastida Alvariño, que tamén serán concelleiros en varias ocasións como en 1844

Os concelleiros desta primeira Corporación municipal da que temos nova son case todos pequenos propietarios labregos representando as sete parroquias de San Sadurniño: Luis Vicente Piñeyro, 1º tte acalde; Gregorio Pita (San Sadurniño); José Castrillón (Lamas); Cayetano Pérez (Monte e Bardaos); José Mouriz, síndico; Andrés Seijas; Vicente Yáñez (Igrexafeita); Antonio Canosa (Ferreira); Alejandro Meizoso (Naraío). A sede do concello estaba nunha casa alugada en Agra de Abaixo. O primeiro secretario municipal será José Ramón Brandariz.

As provincias e concellos actuais naceron en 1833 mediante unha circular de Javier de Burgos que instauraba unha nova división territorial do estado español ao "xeito liberal". En 1812, debido á proclamación da Constitución que supoñía a abolición do réxime señorial, creáranse os concellos de San Sadurniño e Naraío que foron suprimidos coa restauración señorial de Fernando VII en 1823. Na nova entidade local do Concello de San Sadurniño integrábanse as sete parroquias que aínda existen na actualidade.
Na altura de 1837, unha nova Constitución progresista democratizaba a sociedade española. A autonomía municipal e a elección de alcalde polos concelleiros electos en votación popular estaba garantida polo artigo 70: "Para el gobierno interior de los pueblos habrá Ayuntamientos, nombrados por los vecinos, a quienes la ley conceda este derecho". Porén, o tema candente daquela era a interminábel primeira Guerra civil carlista entre os absolutistas (partidarios de Don Carlos) e os liberais (partidarios da Raíña nena Isabel II).
Os recén creados Municipios terán que colaborar co goberno isabelino na loita contra dos absolutistas apoiados por parte da nobreza e a igrexa.
O ronsel da guerra está presente na primeira acta municipal -das tres conservadas de 1837- na que se pon en marcha a ordenanza para o servizo da Milicia Nacional local coas catro compañías que integraban os homes “leais” deste concello. Tamén aparece unha referenza ao orzamento municipal de 3.000 reais “para atender las necesidades del ayuntamiento” e ordénase mercar papel selado, elementos de escritorio e todo o que sexa preciso, así como "anotar os gastos por separado” . O Concello estase poñendo en marcha e axiña unha das funcións cardinais dos Concellos, a recadación dos impostos do estado, será o factor desestabilizador que lastre o desenvolvemento municipal durante todo o século XIX. O "cobrador municipal" e depositario de fondos municipais será o administrador dos Marqueses de San Sadurniño, o vello José Santamaría, quen ademais de administrar as rendas do Marqués, xestiona os diñeiros públicos do Concello. O "Depositario" terá ao seu servizo unha rede de pedáneos e cobradores polas parroquias co obxectivo de recadar os crecentes impostos do estado aos sufridos labregos. O seu beneficio será o 4% da recadación obtida.
Por certo, a comezos de 1838, a corporación presidida por Miguel Bastida apercibirá duramente ao taberneiro Manuel Azcona por vender "demasiado vino que resulta perjudicial para el público". Iso contradí a historia contada por Vilar Ponte, pois acredita a existencia da taberna de Manuel Azcona e o funcionamento da actividade municipal en San Sadurniño. Manuel Azcona comezará a exercer como secretario municipal cinco anos despois, en xaneiro de 1843, co alcalde Pedro Vigo.
Miguel Bastida será substituído en maio de 1838 por Antonio Sisto

  • O nacemento do Concello de San Sadurniño

  • Primeira casa do Concello de San Sadurniño

  • Sinaturas alcalde e concelleiros 1837

  • Francisco Bastida (1821-1905) fillo do primeiro alcalde de San Sadurniño

load

Documentos:

Actas dos tres plenos municipais de 1837

Comentarios

Máis imaxes

Temas: Alcaldes de San Sadurniño, San Sadurniño (Concello), xente

Compartir en: