Ademais das imaxes, tamén a prensa e os documentos históricos fálannos de San Sadurniño no decurso do tempo: Podes velos en orde cronolóxico aquí , ou consultar algúns datos estatísticos
Madrid, 1848
En outubro de 1849 a Raiña Isabel II cumpría 19 anos. Con tal motivo a Raíña Madre María Cristina deu un baile ao que asistiu a "crème de la crème" da aristocracia española. Entre os invitados estaba José Mariano Quindós, Marques de San Sadurniño, quen tivo honra en bailar coa Raíña , por ser un dos "que a Reina acostumbra a distinguir con sus bailes"; nesta ocasión foi o segundo rigodón tras do príncipe Jorge de Prusia. Este tipo de novas era habitual na prensa madrileña e acreditaba que o pequeno aristócrata ferrolán de 27 anos era unha presenza habitual na Corte de Isabel II. A nova repítese noutras crónicas palatinas como por exemplo dous anos despois na festa de aniversario da infanta Luisa Fernanda no Palacio Real onde "el lujo, la riqueza y las esplendideces resplandecían por todas partes", cando tivo a honra de ser un dos tres homes cos que bailou a Raíña de España.
Mais a súa presenza non se limitaba a ser acompañante habitual na Corte da Raíña Isabel, senón que tamén destacaba polo seu virtuosismo co piano acreditado en numerosas veladas da Corte real en 1848 e 1849.Algunhas das súas intepretacións reflectidas na prensa foron: "Polonesa y variaciones" de Herz, "Gran vals" de Dolher ou "Fantasia para piano" de Duvernoy.
O ascenso meteórico de José Mariano Quindós comezara cando ao remate da Universidade de Compostela en 1843, con 21 anos, foi a Madrid nomeado por Isabel II “Gentilhombre de Cámara”. Axiña destacará na Corte polas súas maneiras e o seu oficio co piano, mais sobre todo pola lealdade á Coroa e ao partido conservador de Narváez. Nas súas filas será elixido Deputado por Ferrol en 1851 con 29 anos polos 150 electores censitarios do distrito.
Supoñemos que foi nesas veladas aristocráticas onde coñecerá a unha Grande de España, Fernanda Villarroel y Goicolea (1827-1873), Vizcondesa de la Frontera e filla dos Duques da Conquista, coa que casará o 31 de maio de 1851 , nunha fastuosa cerimonia "una de las bodas más notables que se han viso en la corte" sendo padriños da voda os Reis de España