Ademais das imaxes, tamén a prensa e os documentos históricos fálannos de San Sadurniño no decurso do tempo: Podes velos en orde cronolóxico aquí , ou consultar algúns datos estatísticos
Mugares, Toén, Ourense, 1896
José Mariano Quindós y Tejada, "VI Marqués de San Sadurniño" representa un deses todopoderosos caciques do XIX que marcan o tempo e a vida nun territorio, onde todo debía gravitar arredor da súa señorial vontade.
"Marqués" dende o mesmo día do seu nacemento en 1822 no Ferrol, mais foi educado nos principios do liberalismo conservador das clases propietarias na España do XIX. José Mariano Quindós intenta “poñer” os bens patrimoniais do marquesado en arrendo, evitando as rendas forales do antigo réxime, que de seguro consideraba problemáticos e de incerto futuro. O marqués -un dos escasos latifundistas galegos- era de armas tomar, estaba disposto a exercer TODOS os seus dereitos como propietario e cobrar as rendas vitalicias do Marquesado de San Sadurniño como fixeran os seus devanceiros, xeración tras xeración.
Un dos seus numerosos preitos con caseiros e aforados tivo lugar na parroquia de Mugares, Toén (Ourense), ao reclamarlle xudicialmente aos labregos ourensáns que entregaran 20 cuartas (328 litros) de viño branco cada ano e os atrasos de 29 anos, ou no seu defecto 14.833 reais, unha cantidade imposible de seren abonada por uns pobres labregos galegos de fins de século.
En 1896 tentou executa-lo embargo dos labregos, mais estes rebotáronse, provocando graves sucesos que conmoveron a opinión pública galega da época. Algúns morreron e mais dun centenar de veciños detidos. Ao final do proceso, a inexorable xustiza dos propietarios trunfou e a aldea de de Mugares sumerxiuse no abandono, a miseria e a emigración. Todo por 328 litros de viño anuais dun dos aristócratas mais ricos e poderosos da Galicia do XIX.
Coñece a historia completa no documento “Os sucesos de Mugares de 1896". Na ilustración, sinatura do "VI Marqués de San Saduniño" e "VIII Vizconde de la Frontera" en 1862.