Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.
A Lobeira, San Sadurniño, 2017
4ª Chanfaina Lab (3). Estrea venres 23 de febreiro do 2018.
Director: Fran Bermúdez
Sinopse: "Retrato de Luís da Lobeira a través de tres momentos da súa vida"
Colaborador: Luís Vergara Rodríguez
Duración: 10' 31''
Gravada na Lobeira, parroquia de Santa Mariña do Monte, dentro do programa da 4ª Chanfainalab
Nado en Ferrol en 1978, Francisco Bermúdez é músico esporádico, debuxante afeccionado de cómics, compositor, gravador e montador de vídeo vocacional. Fascinado por viaxar, ingresou na Armada onde chegou a cumprir o seu sono, pois –tras 2.000 días de mar- visitou 40 países e 86 cidades. Casou e foise a vivir ao lugar de A Lobeira, na parroquia de Santa Mariña do Monte. Alí comezou a escrita dun blog persoal de referencia na parroquia de Monte: “Vivo na Lobeira”. Dende fai un tempo, Fran decidiu gravar en vídeo experiencias cotiáns, ideas e sensacións. Boa proba da súa teima cinéfila foron as súas pezas realizadas nas anteriores Chanfainalab "Quixera" e "Sentimentos". No 2016 foi trasladado á cidade holandesa de Brunssum onde traballa no Mando Aliado das Forzas Conxuntas da OTAN; aínda que moi cedo comezou a manifestárselle a grave enfermidade da morriña, polo que tamén rexenta e atende a “Embaixada da Lobeira nos Países Baixos”. Na súa videobitácora A Lobeira Today podemos seguir de preto a súa incesante actividade.
Nesta ocasión, o espírito inquedo e prochanfaineiro deste "lobeirés venidero" levouno ata a paisaxe humana da súa aldea, escollendo un dos seus 15 veciños, Luís Vergara, (A Lobeira,1936), viúvo de Delfina Pita Muíños, sen parte dunha perna por un accidente na canteira da Mourela de Neda, cun fillo morto hai dous anos e que andivo emigrado en Suiza como albanel ou en París nunha cadea de montaxe da Citroen. Fran non pode agochar a súa admiración por "Luís da Lobeira”: "Luís recórdame o que me está a pasar a min mesmo como emigrante. Foi un home capaz de vivir e traballar na Suiza e Francia sen falar o idioma e que ademais tivo unha vida moi dura e difícil. De primeiras, sairíame unha historia moi triste. Mais apeteceume contar unha historia alegre, amosando outros aspectos do personaxe. Por iso, da longa gravación que lle fixen na cociña da casa, onde me contou toda a súa vida, seleccionei tres anécdotas divertidas e ledas"
Dende Brunssum enviounos este videosaúdo co gallo da estrea da Chanfainalab:
En"O inxerto, a bicicleta e o helicóptero" Fran focaliza o relato nun home que está afeito a ver todos os días e que xa forma parte da paisaxe da Lobeira. O filme vai na procura do protagonista e o seu entorno, mais tamén da experiencia interior do propio cineasta. Partimos de escenas rutinarias e cotiáns que se repiten día tras día -como a chegada do pan e o almorzo- para achegármonos ata tres historias que a bonhomía de Fran considera reveladoras: o home que o sabe todo sobre os enxertos mais nunca enxertou, unha aventura coas bicicletas e a visita dun helicóptero ás terras da Lobeira. O obxectivo amable de Fran procura que a veciñanza da Lobeira mire con agarimo e curiosidade ao seu veciño: "Non conto a historia de emigración e vida dura de Luís, senón algo así como "riámonos con Luís e non nos riamos de Luís ". Coñecer a parte máis descoñecida deste veciño da Lobeira e poñelo en valor". A chanfainalab e a veciñanza da Lobeira seguen a agardar máis filmes de Fran Bermúdez nas vindeiras edicións desta experiencia colectiva que procura implicar a veciños e veciñas de San Sadurniño na creación audiovisual e crear comunidade.
Fotografías de Cesar Galdo e Gabriel Tizón.
Temas: creador@s, emigración, Santa Mariña do Monte, vídeos, xente, Chanfaina'Lab
Autor/a: Fran Bermúdez
Vídeos:
"Quixera"
"Sentimentos"