O devalar no tempo do traballo: os labores agrarios e gandeiros, artesáns, as feiras, comerciantes e taberneiros: animais , bares e tabernas, emigración, feiras , gandería , labregos e labregas, oficios artesanais, tecidos, o traballo nas hortas datos estatísticos
San Sadurniño, 2024
8ª Chanfaina Lab (20). Estrea: venres, 3 de maio do 2024
Dirección e montaxe: Manolo Gómez
Son: Cristina González Bustos.
Colaboración: Asociación DeMaiorCrea-Producions-2024
Reparto: Pilar Pouso, Carmen Couce, Lucia Pita, Alfonso Tellado , Antonio Comba, Dolores Roca, Mercedes Roca
Imaxes: Traballos en acrílico e infografías de Manolo Gómez
Música: “Fado de Titania “ BSO do filme “Soño de unha Noite de San Xoan” composta por Artur Guimaraes. Solista Anabela Marcos.
Sinopse: "Ikigai: A felicidade de estar sempre ocupado. Un motivo para levantarse pola mañá”
Duración: 8:28’’
Gravado na Casa de Cultura de San Sadurniño dentro do programa da 8ª Chanfainalab
Manolo Gómez (Coruña, 1954) é un dos profesionais máis relevantes da historia do audiovisual galego. Creador do estudio de animación Dygra Films en 1987, desenvolveu proxectos pioneiros no ámbito das novas tecnoloxías, a innovación tecnolóxica e os videoxogos, ata producir e codirixir con Ángel de la Cruz a primeira película europea en 3D “O bosque animado” (2001), estreada en 70 países e gañador de dous Goyas e máis de 20 premios internacionais, seguida por "O soño dunha noite de San Xoán” (Ángel de la Cruz/Manolo Gómez, 2005), gañador dun Goya; “Espírito do bosque” (David Rubín/Juan Carlos Pena, 2008) e “Holly night!” (Juan Galiñanes, 2014). Manolo Gómez defínese a si mesmo como “pastor de imaxes, animador de futuros alternativos e un pouco cineasta”.
Manolo Gómez achegouse a San Sadurniño seguindo o fío da teima que ocupa agora o seu devalar: a vida tras da xubilación, promovendo numerosas actividades dende a dinámica asociación que preside "De Maior Crea". De Maior Crea é un proxecto innovador -como todos os que argalla Manolo e codirixe con Domingo Díaz- e que ten como obxectivo desenvolver a creatividade e fomentar a realización de contidos propios por parte de persoas maiores de 55 anos. Despois dun tempiño de procura, topou aos "seus" protagonistas xubilados: "O meu obxectivo era facer unha curtametraxe sobre os xubilados de San Sadurniño e reflectir o seu día a día. Tardamos un pouco en localizar a un grupiño xeitoso. O punto de partida era facer algo diferente, que me dese incentivos para crear narracións con imaxes reais (pinto e fago películas de animación). A idea inicial era moi sinxela: convocar un grupo de xubilados e coñecer como pasaban o tempo. A partir de aí xurdiron varias opcións como o centro de recuperación de froiteiras autóctonas, un documental sobre Abel Vega -de albanel a cineasta ou sobre Alfonso Tellado, extraballador de Bazán. Finalmente, gravei secuencias de todas as opcións, aínda que as alternativas requirirían moito máis de cinco minutos, o que non as facía viábeis. De xeito que comecei amosando o meu propio punto de vista para completar a identidade, xa como persoa maior. Mesturei logo esas imaxes propias coas vivencias do grupo de xubilados e o seu propósito para esa nova etapa da súa vida".
"O Ikigai en Sansa" pivota sobre o "Ikigai", un concepto xaponés que describe a felicidade, aquelo que fai que a vida pague a pena de ser vivida. Todas as persoas teñen o seu ikigai. Pero hai que buscar esa fonte do valor da vida propia en calquera etapa e na medida que veñan os anos, manterse sempre ocupado, sen importar a idade ou condición: "Interésame subliñar que a vida despois da xubilación pode ser un período longo, no que é necesario manterse activo tanto física como mentalmente, se quere vivilo con calidade de vida. O concepto básico sería o de envellecemento creativo, porque fomenta a autoestima persoal, favorecendo a igualdade e a diversidade ao tempo que combate o edadismo. En definitiva, convirte en protagonistas ás persoas participantes, que descobren facetas de sí mesmos que non coñecían". Dende a organización da Chanfainalab sentímonos orgullosos de partillar e acoller mensaxes que tamén vivimos no noso devalar cotián: dándolle voz a quen normalmente non a ten e promovendo a calidade de vida das persoas maiores a través da creación audiovisual. Así que, longa vida á Asociación De Maior Crea
Fotografías de César Galdo
Temas: conflitos, creador@s, Horta de Lucita, lecer, San Sadurniño (parroquia), Horta de Carmiña, vídeos, Chanfaina'Lab, cinema
Autor/a: Manolo Gómez
Vídeos:
Canle "De maior crea"
Entrevista a Manolo Gómez
Así se fixo "Sono dunha noite de San Xoán"
Manolo Gómez, pintor