San Sadurniño é un paraíso natural. Os miradoiros naturais da Serra de Forgoselo , brava área natural protexida pola Rede Natura 2000; A pena do Rei Mouro, un dos meirandes conglomerados de seixo de Galicia; O Coto Agudo cun absoluto control visual de toda a contorna; o Pico San Vicente, onde se mesturan lenda e historia; os paseos fluviais do Río Xuvia e o río Aceiteiro con máis de 4 km ás beiras do río; O río Castro que destaca polo seu valor natural, ecolóxico e paisaxístico considerado como Lugar de Interese Comunitario; As paisaxes megalíticas, as áreas recreativas das sete parroquias, as máis das 100 fontes do Concello, o arboreto ou a horta de conservación de froitas autóctonas conforman un Concello cun extraordinario patrimonio natural e paisaxístico.
Cornide, 1875
Os primeiros eucaliptos chegaron a San Sadurniño da man de Mariano Quindós, o VI Marqués arredor de 1870. Daquela eran árbores exóticas e ornamentais que non faltaban nos xardíns dos pazos galegos, sendo moi valoradas polas súas propiedades medicinais.
Mariano Quindós plantou tres exemplares no seu Pazo, mais foron tronzados á chegada das monxas na década de 1950. O vello marqués agasallou outros cinco eucaliptos a Tomás Rico Martínez (1839-1899) -alcalde de 1885 a 1894-, que os plantou en Cornide, moi preto da presa de Mera. O seu fillo, Manolo Rico Vigo tronzou catro deles en 1936 para axudar economicamente a un irmán que vivía en Cuba. O seu neto, Manolo Rico López coidou do único eucalipto sobrevivente e, aos seus 92 anos, evoca o nacemento deste exemplar centenario, cun perímetro na base de 4 metros e 10 centímetros.
Temas: naturezas, patrimonios, Pazo da Marquesa, San Sadurniño (parroquia)
Autor/a: Manolo Rico López