Iniciativas e servizos promovidos polo Concello ou as asociacións culturais e veciñais de San Sadurniño.
Ferreira, 2024
8ª Chanfaina Lab (21). Estrea: venres 10 de maio do 2024
Guión e Dirección: Miguel A. Romero
Axudante de dirección: Ana Riveiro
Música: "2020" de Paulo Pascual
Sinopse: "O Cal é un espazo natural no que Álvaro Barros , biólogo de profesión, realiza unha tarefa de recuperación e concienciación ambiental dun medio natural abandonado. A través dun percorrido por este lugar, coñeceremos a súa singularidade".
Duración: 6:47’’
Gravado na parroquia de Ferreira dentro do programa da 8ª Chanfainalab
Miguel A. Romero (Madrid, 1971)
Estudou realización audiovisual na Escola de Imaxe e Son de Vigo e dirección de cine e guión na EGACI. Na actualidade cursa o grado de Antropoloxía social e cultural na UNED. Traballou na produtora Faro dende 2006 ata o seu peche no 2019, onde realizou multitude de programas de televisión. Nesta etapa realizou a serie documental “As Raíces da Galicia Industrial” e dirixiu o documental ”José Gil, fotógrafo e pioneiro do cine”. Dende 2020 traballa en diferentes produtoras realizando programas para TVG.
Miguel e Ana achegáronse a San Sadurniño sen unha idea previa do que ían gravar. Como en tantas ocasións, o azar chanfaineiro fixo a súa maxia e así deron cunha veta na que Miguel está especialmente interesado: a antropoloxía social e o compromiso coa natureza. "A idea da miña peza nace pola conversa con diferentes persoas de San Sadurniño. Foi así como coñecín a historia de Álvaro Barros, e o proxecto que está desenvolvendo nun lugar chamado “O Cal” da parroquia de Ferreira, que procura recuperar os vellos usos do monte galego, nun entorno, no que as plantacións de eucaliptos conforman a paisaxe. A miña sensibilidade con este tipo de iniciativas, fixo que decidira facer unha peza audiovisual construíndo unha narrativa arredor deste proxecto, así como do seu significado. No ámbito da antropoloxía, son un admirador do traballo da etnógrafa e antropóloga inglesa Sarah Pink e o seu método de investigación etnográfica de “vídeo percorrido” e “vídeo reconstrución”, que consiste en gravar en vídeo o percorrido que realizamos co protagonista, e coñecer en primeira persoa as peculiaridades do tema que investigamos. A singularidade da miña peza é que engado un factor propio da etnografía máis experimental, que consiste en darlle ao protagonista un dispositivo co que poida gravar ese percorrido, e así, e a través da súa mirada, coñecer mellor ese espazo singular. Por outra banda, tamén foron fontes de inspiración as andainas que os etnógrafos Tim Ingold e Jo Lee Vergunst, realizaron no seu libro “Formas de camiñar, unha etnografía das practicas de camiñar”, no que a través do movemento, entendemos mellor as peculiaridades da paisaxe e da vida social. A banda sonora é a dos paxaros que viven no Cal, a das follas dos castiñeiros movéndose polo vento, a do pequeno regato cheo de vida, pero tamén engadimos unha música de theremin, que dalgún xeito, parece un elemento natural máis dese lugar, e contribúe a crear un espazo onírico, no que os sonos, neste caso os de Álvaro, fixéronse realidade."
"O Cal" é un sólido artefacto documental cunha estrutura narrativa axustada a duración da peza dividida en tres bloques e un epílogo. Así, das doce etapas do proxecto só percorremos os tres espazos máis significativos, para acabar nos límites do seu contorno, rodeado de xigantescas extensións de ameazadores eucaliptos. "O balance final deste traballo é moi satisfactorio, xa que supuxo unha aprendizaxe na exploración dun método de investigación etnográfica no que, a través dunha andaina, coñecín aspectos relacionados coa paisaxe, a economía, e a política de San Sadurniño, pero tamén, a nivel persoal foi moi enriquecedor, xa que Álvaro e o seu proxecto, son un exemplo de respecto polo medio ambiente e o entorno natural e paisaxístico. Polos límites de duración da peza, quedaron moitas cousas por contar, pero penso que a curta da unha idea do significado do proxecto. Pretendo que o espectador síntase concernido dalgún xeito, xa que este proxecto mostra que hai outra maneira de vivir e xestionar o rural, lonxe do mero discurso mercantil do territorio, con todas as implicacións, culturais, políticas ou sociais. O discurso da peza, pretende concienciar máis que denunciar a destrución dos nosos montes". “O Cal” atrapa por enteiro o interese do público, tanto pola súa suxestiva e orixinalísima posta en escena, como polo universo agochado que, intuímos, habita nesa especie de arca de Noé que Álvaro Barros está a construír na patria da infancia. Desfrútena.
Fotografias César Galdo
Temas: videocartografías, naturezas, conflitos, Ferreira, patrimonios, paseos, visitantes, vídeos, Chanfaina'Lab
Autor/a: Miguel A Romero