Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018 Chanfaina Lab seleccionada no banco de boas prácticas da xestión cultural Chanfaina Lab, XI Premio José Sellier

xentes

Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.

O ano dos catro alcaldes

Agra de abaixo, San Sadurniño, 1854

Alcaldes de San Sadurniño en 1854: Justo Álvarez Sierra;José María Castrillón López; Fermín Formoso López e José Salas Lago.
A mediados de 1854 unha revolución de signo progresista puxo fin á autoritaria década moderada de Narváez, nomeadamente despois da grave crisis de subsistencia de 1853, "o ano da fame". Foi un ano especial tamén en San Sadurniño, onde se sucederon catro alcaldes distintos.

JUSTO ALVAREZ SIERRA. (Xaneiro 1854).
O seu segundo mandato, iniciado en 1850 remataba a fin de ano, mais foi substituído polo gobernador civil con toda normalidade a comezos de febreiro de 1854 por

JOSE MARÍA CASTRILLÓN LÓPEZ(Febreiro-xullo 1854)
O 4 de febreiro de 1854 tomaba posesión o veciño de Lamas José María Castrillón López, nado en 1819, substituíndo a Álvarez Sierra. José María Castrillón era un pequeno propietario que nacera arredor de 1820 sendo fillo de José Castrillón Fernandez, un concelleiro habitual das primeiras corporacións (1838 e 1841) e de Cipriana López (Neda).
José María Castrillón estaba casado con Ramona Rodríguez Lamela e deixou dous fillos: Manuel (1855-1927) e Antonio Castrillón Rodríguez (1854-1937) que tamén foi concelleiro en 1936 e 1937.
Xa fora alcalde pedáneo por Lamas e desta volta foi momeado a dedo polo Gobernador de Coruña entre cen veciños posibeis; levaba practicamente os mesmos concelleiros que o anterior alcalde, homes conservadores e leais ao Partido Moderado: Antonio Piñón, 1º tt alcalde (Igrexafeita); Ramón Casal, 2º tt alcalde (Ferreira); Francisco Rodríguez; Antonio Fontao (SS); Pedro Fernández (SS); Manuel González (Lamas)e José Salas Lago, síndico (SS). Pedáneos: Andrés Mera (Ferreira); José Rico, (Bardaos); Antonio García (Naraío); Antonio Castro (Ferreira-Pontellas); José Moure Fernández (Igrexafeita) e Pedro Couce (Monte).
O programa de goberno tamén será continuista. O asunto dos impostos e repartimentos segue a ser o tema clave da actividade municipal, así cómo afrontar os retrasos no pago das débedas que reclaman dende a Deputación de Coruña. Nada novo que non viramos xa na historia dos alcaldes nestes últimos dez anos, a pesares da miseria e fame das familias labregas durante o ano anterior. Organízase a Xunta local de Beneficencia para atender aos que están en "estado de máxima indigencia".
Mais á comezos do verán estoura a revolución progresista de 1854. Chegan novas da sublevación en toda España e o pleno decide adherirse ao “Manifesto de Manzanares”. O 25 de xullo un oficio enviado dende Ferrol pide a adhesión aos principios proclamados pola Revolución de 1854, criticando a corrupción da monarquía, os inxustos impostos de consumos, a miseria e o desgoberno do país ao servizo dunha camarilla de poderosos.O alcalde e a Corporación non teñen outra saída que proclamar a súa aceptación do ideario progresista, ordenando que se lean nos adros das igrexas á saída das misas e se entreguen exemplares do Manifesto aos alcaldes pedáneos. Mais unha Orde ministerial de 31 de xullo obriga a "repoñer" aos alcaldes e concelleiros que foran elixidos nas eleccións municipais de 1843 e cubrir as vacantes con novas eleccións populares o 9 de agosto. Pedro Vigo e José Goti xa faleceran e Juan Beceiro ausentárase do municipio. José María Castrillón deixa de ser alcalde, mais debía ter boas aptitudes para a xestión económica, pois continuará vencellado ao concello nos bienios 65-66, 67-68 e como depositario de fondos municipais e concelleiro no 68-69, 69-72 e 72-73. De feito na súa partida de defunción o 11 de marzo de 1900 anótase: "de profesión perito agrimensor"
O novo alcalde será:

FERMÍN FORMOSO LÓPEZ. (Agosto de 1854).
Nacera en Somozas en 1810 sendo fillo de Juan Formoso e Viviana López. Escribán e notario do concello. Tiña experiencia municipal como concelleiro en 1848 e 1850. Semella que a súa función é a organización da transición á nova situación política, pois foi alcalde vinte días. Toma posesión o 10 de agosto e "restaura" aos concelleiros electos democráticamente en 1843: Jose Salas (San Sadurniño), Gregorio Pita,1º tt alcalde, (SS); Ramón Dopico, síndico; Vicente Sisto (SS); Pelayo Grandal (Ferreira); Andrés García (Naraío); José Cibreiro (Monte); Salvador Rodríguez e Pascual Durán (Naraío). Asemade elimínanse os pedáneos e decláranse suprimidos todos os concellos rurais das parroquias.
Unha vez reposta a vontade popular co novo alcalde Juan Salas, Fermín Formoso retorna ao seu traballo como escribán e notario. Ao ano seguinte publicará un ensaio sobre a necesaria reorganización da actividade notarial: "Proyecto de ley de arreglo de escribanos" . Viúvo de Ramona Fernández, so lle quedou unha filla, Ana Formoso Fernández, casada có propietario Manuel Fernández Casal. Falece en San Sadurniño o 3 de novembro de 1881 por un catarro bronquial crónico aos 71 anos de idade.

JOSE SALAS LAGO. (Agosto 1854-1856)
Nacido na Portela en 1811 sendo fillo dos labregos Andrés e Vicenta, caseiros do Marqués. Tiña gran experiencia municipal pois fora tenente de acalde en 1841 e 1844 e síndico da corporación de José María Castrillón a primeiros de ano. Descoñecemos as razóns polas que Fermín Formoso traspásalle o bastón da alcaldía o 31 de agosto. Mais a corporación segue a ser a mesma: Gregorio Pita,1º tt alcalde (SS); Ramón Dopico, síndico; Vicente Sisto (SS); Pelayo Grandal (Ferreira); Andrés García, (Naraío, falece en 1854, substituído polo seu fillo Antonio); José Cibreiro (Monte); Salvador Rodríguez e Pascual Durán (Naraío). Todos xuran "soster a constitución política da monarquía española, cumprir e facer cumprir as leis e facer o mais convinte para a nación". A meirande parte deles eran labregos porque nos veráns: “Suspenden las sesiones de agosto porque los individuos de los que se compone este ayuntamiento son todos rústicos labradores". Entre os novos cargos aparecen vellos coñecidos como o novo depositario municipal, o anterior alcalde José Maria Castrillón “por su acreditada honradez y arraigo” , Álvarez Sierra como responsable dos camiños e Francisco Valcárcel leva o control dos gastos municipais.
Como ven sendo habitual, nin o problema económico do Concello de San Sadurniño nin a miseria das familias labregas tampouco van ser resoltos pola revolución progresista. A dédeda municipal non disminúe porque “lo diseminado del territorio de este distrito rural dificulta los pagos de impuestos de todo tipo que hay”. Unha Xunta Pericial establecerá o que debe pagar cada contribuínte en función das terras que posúa. Mais os números roxos da contabilidade municipal seguirán a medrar.
Durante os dous anos como alcalde, José Salas terá que aplicar os novos aires do liberalismo progresista a San Sadurniño. Por exemplo a creación da "Milicia Nacional" local; mais a altura de 1856 aínda non estaba organizada en San Sadurniño. A Milicia tiña como obriga “hacer rondas para conseguir la captura y arresto de los malhechores y rateros que transiten por cualquier punto del distrito, arrestado a todas las personas sospechosas sin documento de identificación”.
O laicismo progresista tamén agroma cando se lle lembra aos veciños que “la oblatas y ofrendas que cobran los curas son voluntarias y no obligatorias”. Do mesmo xeito, os ventos da desamortización de Madoz chegan ao distrito. O alcalde convoca a todos os párrocos para inventariar as terras "dispoñíbeis" das igrexas parroquiais. Mais os curas respostan que o propietario é o Obispado: “que no siendo dueños ni administradores de los bienes de los iglesiarios y fábricas, puesto que fueron usurpados en 1841 -aunque en 1845 fueran devueltos al clero- las iglesias y bienes no vendidos no han sido directamente a sus antiguos poseedores individualmente sino colectivamente a la administración diocesana a cuyo cargo han estado hasta entonces. No quedando a los párrocos y fabricas más intervención en ellas en parte del valor de sus productos y que por lo tanto se dirija a ella la Hacienda pública”.
En setembro de 1855 prodúcese unha epidemia de cólera que obriga ás autoridades locais a decretar que os cadáveres se trasladen directamente aos cemiterios e non aos templos. Tamén funcionará un botiquín en San Sadurniño para atender aos veciños pobres. Outro mazazo máis para os sufridos labregos de San Sadurniño despois da fame de 1853.

O golpe de estado de O´Donnell en xullo de 1856 porá fin ao Bienio progresista. O goberno da Segunda Década moderada reinstaura o antidemocrático sistema de elección gobernativa dos alcaldes. O elixido para a restauración da normalidade "moderada" en San Sadurniño -como non podería ser menos- volve a ser o todopoderoso administrador do Marqués, Justo Álvarez Sierra o 6 de decembro de 1856 no seu terceiro mandato .
José Salas aínda será concelleiro no bienio 63-64 e con José Piñón no bienio 1865-1867, falecendo na Portela dunha hepatite crónica o 16 de abril de 1872 aos 61 anos de idade.
Na ilustración, sinaturas do traspaso do bastón municipal de Fermín Formoso a José Salas o 31 de agosto de 1854.

  • O ano dos catro alcaldes

  • Traspaso de Alvarez Sierra a Castrillón

  • Libro de Fermín Formoso

  • Sinatura de Fermín Formoso

  • Traspaso de Fermin Formoso a Juan Salas

load

Comentarios

Máis imaxes

Temas: conflitos, San Sadurniño (Concello), Alcaldes de San Sadurniño, xente, Lamas

Compartir en: