Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.
San Sadurniño, 1874
Alcalde de San Sadurniño (1872-1873); (1874-1875)
O veciño de Naraío Nicolás Redondo Lago será nomeado por segunda vez alcalde de San Sadurniño o 24 de setembro de 1874, substituíndo a Domingo Pillo. Os concelleiros son practicamente os mesmos da etapa anterior que foran elixidos democraticamente en xullo de 1873: Domingo Pico Permuy, 1º tt alcalde; Antonio Beceiro Lamas, 2º tt alcalde; Andrés Sabín Rodríguez (Bardaos); Vicente Castro Castro, sindico (Ferreira); Antonio García Rodríguez (Igrexafeita); José Casal Fandiño; José Rey Fernández, Antonio Piñón; Luís Formoso Seco; José Cibreiro Fernández; Vicente González Rodriguez e Juan Soto.
Lamentablemente o secretario municipal Antonio Culebras anda enfermo e ten a Secretaría do Concello totalmente abandonada. Apenas deixou actas das xuntanzas deste ano e moitas delas sen sinatura algunha.En febreiro de 1875 marcha de San sadurniño e o pleno por unanimidade decide nomear a Antonio López Torrens como interino pola sua “sona de honrado”.
Unha nova orden da Ditadura de Serrano ordena restaurar en toda España os impopulares impostos de consumos e habilitase un procedemento para aplicalos en San Sadurniño. Un informe do síndico informa que no hay ingresos por consumos no bienio 1865 e 1866 e da existencia de numerosas irregularidades no cobro das recadacións.
Mais o golpe de estado do Xeneral Martinez Campos recupera o trono para Alfonso XII en xaneiro de 1875. O Marqués de San Sadurniño converterase nun home moi relevante na elite de notabeis da Restauración Borbónica ata a súa morte en 1900. O marqués será nomeado senador vitalicio e a súa filla axiña converterase na Camarera Maior da Raíña Maria Cristina. En setembro de 1875 o novo alcalde será Vicente González Rodríguez. Nicolás Redondo falece o 20 de xullo de 1897 en Naraío aos 70 anos de enfermidade senil.
Na imaxe, corporación municipal en setembro de 1874 coa sinatura no novo secretario interino Antonio López Torrens