Negocios, comercios ou empresas que desenvolven ou desenvolveron a súa actividade no Concello de San Sadurniño: bares e tabernas, datos estatísticos, empresas agrogandeiras, empresas da madeira, empresas de servizos, empresas enerxéticas, emprendedor@s, mineiría
Naraío, 1930
Manuel Orosa Teijeiro, nacera arredor de 1897 en Roxal (Neda); comezou traballando como axudante no Salto da Fervenza (central hidroeléctrica creada en torno ao 1901 e que subministraba enerxía a Ferrol). No ano 1916, emigrou a Cuba para probar fortuna como moitos galegos de Ferrolterra. Alí colocouse nunha compañía americana encargada do tendido da rede telefónica, o que motivou o seu traslado a EE.UU, entrando en contacto directo cos centros industriais do país. De novo en Cuba, traballou un tempo na central “Delicias de la Habana”e de cando en vez, Manuel Orosa -xa un experto na electricidade-, viña a pasar algúns días coa súa familia en Neda.
Neses anos iniciábase a construcción do ferrocarril da costa Ferrol-Xixón. Os enxeñeiros da obra precisaban enerxía eléctrica para as obras. Por iso, Manuel Orosa tentou instalar unha pequena planta no municipio de San Sadurniño. Porén, a rotunda oposición do Duque de la Conquista, que se negaba a que un tendido eléctrico cruzase as súas terras, paralizou a proxecto, ademais de que segundo dicía “a luz non era precisa para os labregos”. Claro está que os Marqueses xa tiñan electricidade propia no seu Pazo dende 1919.
Ao fin, tras catorce anos fóra da súa terra, retornou convencido das vantaxes da electrificación e tentou construír unha industria da que todos puideran beneficiarse. Para elo contou coa inversión de Faustino Loureiro Couce, un rico industrial de San Sadurniño. Aproveitando o potencial hidroeléctrico do río Castro, preto do Castelo de Naraío, crearon "Electra del Narahío". O proxecto autorizouse en xaneiro de 1930 e as obras iniciáronse en setembro do mesmo ano, finalizando en xuño de 1932. Para construír o encoro, anegáronse uns dous mil metros de terra ribeirán e creouse unha ponte a 285 metros da presa para que os labregos puideran transitar cos seus carros e animais.Da central saía unha única rede de media tensión a 6.000 voltios que chegaba até a parroquia de Pedroso (Narón). Os centros de transformación ubicábanse en Naraío, Bouzarredonda, San Sadurniño e Pedroso. Arredor de 1932 o delegado da empresa en San Sadurniño era Faustino Loureiro Couce. O Concello, presidido por Vicente Castro Naveiras, instalou a luz eléctrica no verán de 1932. A acometida, materiais e man de obra costaron 100 pesetas.
O incremento da demanda de enerxía eléctrica obrigou a encargar unha turbina de maior potencia a Alemaña. O pedido nunca chegou debido á guerra. Recurriuse a outra fábrica en Sabadell, mais a turbina tivo que ser revisada en Bazán ante os defectos de fabricación que presentaba. Despois de moitos retrasos, o 14 de agosto de 1945 o “maquis” atentou con dinamita as obras de ampliación da tubería, deixando inútiles as instalacións.
A reconstrución foi moi lenta e non se regularizará ata o 8 de setembro do 1958 cando comece a funcionar un novo equipo procedente de Alemaña. No bienio 1958-59 constrúese a liña de Ferreira e Santa María do Monte. Catro anos antes, tocáralle a liña mineira de Felgosas en Moeche e a de Cerdido. As liñas fóronse adaptando ás novas demandas de enerxía. Manuel Orosa faleceu no ano 1969, aos 72 anos de idade, ficando ao fronte da empresa o seu fillo Manuel Orosa Casal.
Anos despois, a Sociedade transformouse nunha sociedade anónima. No ano 1996, a compañía escindiuse en dúas entidades distintas coa finalidade de adaptarse á Lei 40/1994 de Ordenación do Sistema Eléctrico Nacional. Electra del Narahío, S.A. desligouse da rama de produción de enerxía eléctrica, cedendo os activos da rama á nova entidade, Hidroeléctrica Río Castro, S.L..Despois do pasamento de Manuel Orosa Casal no 2005, os seus fillos Manuel Ángel e Mª Mercedes Orosa Saavedra dirixen como administradores solidarios ambas empresas que subministran electricidade a 3.200 abonados. Mª Mercedes Orosa, neta do fundador da Electra evoca ao seu avó.:
Na chanfainalab do 2018, Carmen Bouza, Carmen Couce, Consuelo Picos, e Cruz Piñón. realizaron "Electra", un video que da conta da historia da empresa.
Na ilustración o canle da presa en Naraío.
Temas: castelo de Naraio, emigración, emprendedor@s, máquinas, Naraío, ríos, San Sadurniño (Concello), tecnoloxía, conflitos, vídeos
Autor/a: María Mercedes Orosa
Vídeos:
Central do Río Castro
"Electra"