9ª Chanfaina Lab (19). Estrea: venres 9 de maio do 2025
Guión e dirección: Fon Cortizo
Cámara: Olmo Couto e Fon Cortizo
Voz: Seraphine Grozek
Música: Fon Cortizo
Sinopse: “Unha muller busca á persoa que a coidou cando era nena”.
Duración: 3'
Gravado en Chao de Lamas, dentro do programa da 9ª Chanfainalab. Actualmente en rolda de festivais.
Fon Cortizo (Vigo, 1978) graduouse en comunicación audiovisual no 2001 e comezou a traballar en televisión como operador de cámara. Mais deseguida desenvolveu proxectos persoais propios. A súa primeira longametraxe de ficción, “9 Fugas” recibiu o premio á mellor película internacional no Festival de Xixón (FICX) no 2020. Nos últimos anos, escribiu e dirixiu curtametraxes e documentais como Contrafaces (2015), Aysha (2016), Americano (2017), Filomena (2017) e "Abellón" (2024) . Cos seus traballos percorreu festivais como Shanghái International Film Fest (SIFF), New Horizonts (Polonia), Molodist (Ucrania), Visions du Reel (Suiza) D’A, Zinebi, Play-Doc, FICXixón e Moscú. Actualmente, dirixe a residencia de desenvolvemento de proxectos cinematográficos, Conecta Lab, na illa de San Simón. É o actual Presidente de CREA (Asociación galega de profesionais da dirección e realización).
Fon Cortizo achegouse á Chanfainalab sen ningunha idea preconcibida, confiando no proceso de mergullarse no territorio até topar un fío condutor. Por motivos laborais non dispuxo de moito tempo para armar e realizar a súa curta; aínda así aproveitou o mellor que puido o día de gravación: " De feito, a peza naceu despois das imaxes. A inspiración foi o cemiterio do Chao de Lamas, onde filmei sen un obxectivo concreto. Despois a historia foi aparecendo ao combinar memoria, historias da emigración (en concreto a parisina), e un xeito de narrar que remite a cineastas como Agnes Vardá, Chantal Akerman o Jonas Mekas".
"Mon autre maman/A miña outra nai" é unha orixinalísima mirada sobre o contracampo da emigración, na que a viaxe na procura da memoria emocional da protagonista prodúcese dende un punto de vista insólito no "cinema da emigración": " A peza podería enmarcarse nun cinema epistolar que navega entre a correspondencia e o diario filmado. O obxectivo era sintetizar en moi poucos segundos unha historia de toda unha vida, unha viaxe de ida e volta en torno á emigración, que se mergulla nas emocións que brotan na infancia e que permanecen. Estou satisfeito con todas as resonancias que se crean en pouco máis de dous minutos". A pesares da súa brevidade, esta sinxela e marabillosa peza minimalista agroma cargada de significantes e destila o recendo de Agnes Vardá. Dende a Chanfainalab agradecemos o esforzo de Fon por rematala a pesar do pouco tempo dispoñible nos días da gravación.
Fotografías de César Galdo.
"Mon autre maman/A miña outra nai"
Fon Cortizo, cineasta da 9ª Chanfainalab
Fon na "Eira de cineastas"
Fon Cortizo entre o público da "Eira de cineastas"