9ª Chanfaina Lab (8). Estrea: venres 28 de marzo do 2025
Guión e dirección: Kevin Lorenzo
Duración: 6' 30"
Cámara e montaxe: Ángela Arnosa
Música: D.W. Nicols
Reparto: Cristina Piñeiro, Iago Lourido, Carmen Bouza, Cruz Piñón, Carmen Couce e Alejandro Castro.
Sinopse: "Nara nunca creu no amor a primeira vista, pero todo cambia nun instante cando ve pasar a Marco, un rapaz despreocupado e tranquilo. Nun segundo, queda atrapada pola súa presenza, fascinada polo seu sorriso e a harmonía coa que parece encaixar na paisaxe. Mentres el segue o seu camiño, Nara decide se achegarse e loitar coa súa timidez e o seu impulso por falarlle ou deixalo marchar."
Gravado nas parroquias de San Sadurniño e Naraío, dentro do programa da 9ª Chanfainalab
Kevin Lorenzo, (Xixón, 1991), desenvolveu a súa formación en diversas escolas de arte dramático en Galicia, compaxinando con cursos de interpretación diante da cámara impartidos por profesionais como John Strasberg, Carlos Villarino, Ana Gracia ou Jorge Coira. Obtivo mencións como actor destacado en certames de teatro e participou tamén en series de televisión como “O sabor das margaridas”, “Serramoura” ou “Lobos e cordeiros” como Alberto. Tamén tomou clases de radio e deseño de produto, facetas que aínda desenvolve a día de hoxe. Participou como actor en varias pezas da Chanfainalab con enorme xenerosidade e bonhomía, pero debutou como director no 2023 coa comedia "Navia" e no 2024 con "O pano de seda".
Kevin Lorenzo é un membro activo do equipo de cociña da Chanfainalab. Nesta edición desenvolveu varias accións formativas, como un curso de interpretación en agosto do 2024 para a veciñanza de Sansa e xestionando con eficacia -xunto con Ángela Arnosa- a área de casting e localizacións en numerosas pezas producidas durante a Chanfainalab. Mais tamén aproveitou calquera oportunidade para participar xenerosamente nas obras doutros cineastas participantes como o actor de "Punto de ignición" de Ángela Arnosa, "No tempo dos escapados" de Teño unha horta, "Solposto" de Iago Lourido ou "Maldito espírito" de Carlos Martínez-Peñalver entre outras: "Nesta ocasion, a idea xurdiu da vontade de capturar a beleza e a tranquilidade do rural, ao mesmo tempo que se abordaba unha historia chea de frescura e naturalidade onde florecen os sentimentos románticos entre dúas persoas que se atopan mentres dan un paseo pola natureza. As pequenas rivalidades locais crean momentos cómicos dentro dun ton lixeiro e de xiros inesperados".
"Mírame" é outro novo chanzo da procura e indagación nas posibilidades da linguaxe audiovisual na comedia, xénero ben querido por Kevin e no que se desenvolve con eficacia e soltura: "Mírame é unha comedia romántica que sucede no rural coa única pretensión de entreter e que o espectador pase un bo anaco. O resultado foi moi satisfactorio, xa que se logrou combinar humor e emoción, facendo que o público se ría e tamén se emocionase coas partes románticas. A química entre os actores foi clave para dar vida aos personaxes, deixando unha bonita mensaxe sobre o amor. Estou contento de como saíu todo. Aínda que se partiu dun guión finalizado, non se pechou a porta ás improvisacións que xurdiron durante a rodaxe, que aportaron un bo toque á peza final. O resultado mereceu o esforzo, ao obter unha curta con ritmo, dinámica e fácil de ver. Espero que vos deixe un bo sabor de boca". Agardamos que disfrutedes coa frescura da peza, como aconteceu na Gala da estrea; outra comedia resultona co cadro de actores e actrices locais que acompañan habitualmente as curtametraxes de Kevin.
Fotografías de César Galdo.
"Mírame"
Kevin no curso de interpretación da Chanfainalab (agosto do 2024)
Kevin impartindo o curso de interpretación con intérpretes locais.
Kevin na "Eira de cineastas" da 9ª Chanfainalab
Kevin Lorenzo na Foto oficial da 9ª Chanfainalab
Kevin no cumio do castelo de Naraío
Kevin e Cruz Piñón
Kevin e Ángela Arnosa
Kevin gravando "Mírame"
Kevin recollendo a Lola chanfaineira da 9ª edición