Olladas das xentes que visitaron San Sadurniño e deixaron testemuñas en forma de textos, imaxes, pinturas ou filmes: visitantes senlleiros,
San Sadurniño, 1975
En "Fálame de San Sadurniño" hai abondosas probas do inmenso labor realizado por Ramón Díaz Raña, párroco de San Sadurniño entre 1971 e 1990. Nacido en Arante, Ribadeo (1938), estudou en Mondoñedo, Comillas e Roma, onde chegou a facer os cursos de Doutoramento en Teoloxía, ordenándose de crego en 1963. Foi primeiro secretario do bispo de Mondoñedo Jacinto Argaya, e despois da súa marcha nomeado párroco de San Sadurniño en xaneiro de 1971; de seguida a casa reitoral converteuse nun verdadeiro viveiro de proxectos sociais e culturais galeguistas. Alí naceu o grupo musical Saraibas ou o festival de canción infantil galega Cantareliña. Alí se artellaron as primeiras Romaxes de Crentes Galegos e alí se puxo a andar a revista "Encrucillada", a asociación "Irimía" ou o xornal local "Pumariño", ademais de publicar artigos, ensaios e historias en diferentes medios de comunicación. Mais, alén diso, o labor de Ramón abarcou outro tipo de iniciativas, máis caladas e de profundo alento social: obras comunitarias como os terreos da área recreativa de Currás, promoción das Asociacións veciñais, actividades culturais, axudas directas aos máis necesitados e profundo compromiso contra da inxustiza social nos turbulentos anos do tardofranquismo e a transición; iniciativas que deixaron pegada no tempo e lembranza eterna na xente que o coñeceu. "Ramón era coma un faro que iluminaba a todos", aínda din hoxe. Pódese afirmar sen dúbida algunha, que Díaz Raña foi o cura máis activo, xeneroso e entregado ao pobo da historia de San Sadurniño.
O lector interesado só ten que cliquear o seu nome para comprobar a súa xenerosidade e compromiso co pobo no que vivía, compromiso que aínda mantén no 2017, coas fermosas e documentadas historias que envía periódicamente a "Fálame de San Sadurniño" dende Cáceres.
Unha comprobación empírica dese agarimo popular foi cando,-nove meses antes da morte de Francisco Franco-, o 9 de marzo de 1975, case 2.000 persoas acudiron á Igrexa parroquial -que moitos non pisaran endexamais- para solicitar a permanencia do cura que ía ser trasladado a Viveiro. "El párroco es un sacerdote de excepción, además de ser sacerdote es un ejemplo de humanidad", decíase no xornal. Un par de anos antes tamén fora trasladado o párroco de Ferreira, Ricardo Casal Polo. Porén nesta ocasión as parroquias de San Sadurniño e Monte ían loitar arreo para que o cura Ramón non se fora. A comisión orgaizadora formada por Antonio Parra, Enrique Barros Sabín, Manuel Fernández, Amando Romero, Avelino Cinza, a Madre Gracia e outros moveron á veciñanza. Autobuses e coches particulares achegáronse ata Mondoñedo coa encomenda de convencer ao bispo Miguel-Anxo Araúxo para evitar o traslado. Asemade enviáronse telegramas aos principais cardenais e bispos de España como Tarancón, Guerra Campos ou o mesmo Jacinto Argaya. "La Voz de Galicia" fíxose eco do asunto coa escrita de Antonio Parra. Mais ao final, o esforzo tivo recompensa e o bispo Arauxo reconsiderou a súa decisión. En palabras do propio Ramón: "Expliqueilles repetidas veces, cando coñeceron da noticia, que eran eles os que tiñan que entenderse co bispo. Non tiña problema ningún en quedarme nin en irme. Estaba á disposición deles e do bispo. Que buscaran o acordo. A comisión fíxolle varias visitas. Lograron, case a forza, torcer os plans do bispo. A “xentiña” considerou o feito como unha vitoria. As autoridades escondéranse. Para festexar o trunfo en maio fixeron festa con comida campestre no Pazo da Marquesa agasallándome cun coche Dyan-6, unha máquina de escribir eléctrica e unha multicopista usada. O coche custou 152.448 pts., a máquina de escribir (con mesa e cadeira) 37.380, a multicopista 11.000 , a sardiñada e os foguetes 28.385. Recadáranse nas dúas parroquias (Sta. Mariña e San Sadurniño) un total de 243.198 pts."
Queda claro que nestes dous meses, Ramón Díaz Raña gañouse un dereito e tamén un privilexio: deixou de ser un visitante, un"cura foráneo" ou como din popularmente un "venidero", para ser definitivamente parte indisociable da historia de San Sadurniño.
Na fotografía, imaxe da manifestación popular o 9 de marzo de 1975. Tan só cinco meses despois, a policía realizará un sonado asalto e rexistro na casa reitoral de Ramón Díaz Raña.
Temas: conflitos, igrexas parroquiais, xente, visitantes, Ferreira
Autor/a: Manuel González Álvarez