San Sadurniño é un paraíso natural. Os miradoiros naturais da Serra de Forgoselo , brava área natural
protexida pola Rede Natura 2000; A pena do Rei Mouro, un dos meirandes conglomerados de seixo de Galicia; O Coto Agudo cun absoluto control visual de toda a contorna; o Pico San Vicente, onde se mesturan lenda e historia; os paseos fluviais do Río Xuvia e o río Aceiteiro con máis de 4 km ás beiras do río; O río Castro
que destaca polo seu valor natural, ecolóxico e paisaxístico considerado como Lugar de Interese Comunitario; As paisaxes megalíticas, as áreas recreativas das sete parroquias, as máis das 100 fontes do Concello, o arboreto ou a horta de conservación de froitas autóctonas conforman un Concello cun extraordinario patrimonio natural e paisaxístico.
9ª Chanfaina Lab (21). Estrea: venres 16 de maio do 2025
Guión e dirección: María Martelo del Río, Héctor Pousa Herbello,
Música: guitarra acústica, María Martelo del Río
Duración: 6' 07''
Sinopse: "Todo é artificial e natural ao mesmo tempo, son cualidades inseparables. A partires do tratamento da imaxe e mesmo do son, na curta queremos abordar duplicidades ambiguas, lindes difusas de conceptos aparentemente distintos pero que non existirían o un sen o outro. O obxectivo é poñer o foco nesa dicotomía natural-artificial, entendida non como oposición senon como partes dunha totalidade: dúas caras da mesma moeda."
Gravado na contorna da fervenza do río Castro e do paseo fluvial do río Xubia dentro do programa da 9ª Chanfainalab
María Martelo del Río (Ordes, 2003) está cursando o Grao de Belas Artes de Pontevedra. Se ben dende moi pequena desfruta pasando o rato entre pinceis, será na Facultade cando descobre as posibilidades que lle ofrecen outras disciplinas artísticas como a fotografía, o vídeo, o obxecto ou as distintas interseccións entre as mesmas, para comunicar ideas visualmente. Dende un enfoque multidisciplinar e próximo ao neobarroco, está a desenvolver unha obra ligada ao arte de arquivo e ao arte contextual onde memoria, identidade e territorio serán protagonistas. Participou en varias exposicións de pintura e proxectos colaborativos como “Arte em Trânsito” no Município de Monção, actualmente en desenvolvemento. A súa andaina audiovisual deu comezo no 2024, cando a peza “O niño da laverca” foi seleccionada no S8, Festival de cinema periférico en Coruña. Ao ano seguinte a mesma curta gañaría na categoría de Non Ficción do FacomFest 2025.
Héctor Pousa Herbello (Aldán, Cangas do Morrazo, 2003) é un estudante do Grao de Belas Artes de Uvigo en Pontevedra. Considérase un artista interdisciplinar destacando as disciplinas do audiovisual e o escultórico, onde a natureza e o procesual forma parte central da súa temática. Participou en festivais como o S8 Mostra Internacional de Cinema Periférico Edición 2024 ou en Novos Cinemas nun obradoiro dirixido por Álvaro Gago, ademais de ser comisario de “Un mar de sensaciones” exposición multidisciplinar no concello de Moaña.
Héctor e María achegáronse á Chanfainalab sen saber moi ben o fío polo que tirar nin o río no que mergullarse: "Chegamos a San Sadurniño bastante perdidos, pero coa inmersión na contorna e inspirados no pensamento do filósofo Bruno Latour, comezamos a reflexionar sobre como trasladar a configuración da paisaxe ao noso traballo. No visual, as lindes entre linguaxe fílmica e fotográfica esváense; no ámbito sonoro, cuestiónase a interrelación entre “igual” e “distinto” mediante a creación dun canon caracterizado pola superposición das notas que forman os tres estados dun mesmo acorde (igual nome, distinto son). Coa mestura de sons electrónicos (frecuencias puras), considerados artificiais, e notas “naturais” de guitarra, quixemos incidir na nosa percepción inicial".
"Lindes" é un exercicio plástico de potente suxestión conceptual sobre a paisaxe que nos envolve, onde se enxergan os lindes da expresión artística, entre figuración e abstracción, entre o branco/negro e as bandas de cor que transportan novos significados a nosa mirada. A banda sonora minimalista interpretada por María reforza ese punto psicodélico e hipnótico que habita na peza. "O resultado final, é unha curta experimental na cal, lonxe de tentar transmitir unha narrativa concreta ou lineal buscamos invitar á contemplación reflexiva do medio fuxindo da clásica oposición “natural versus artificial”. Todo é artificial e natural ao mesmo tempo, son cualidades inseparables. As consecuencias da actuación humana aféctannos directamente, pois a natureza non nos é allea, formamos parte dela. O mundo que nos rodea é consecuencia da intervención de distintas formas da vida e nós, os humanos, participamos activamente no seu deseño” Así pois, os novísimos artista visuais da facultade de Belas artes de Pontevedra invítannos a deixarnos levar, con novos ollos, pola paisaxe que nos rodea, como un todo integrado onde non existen fronteiras entre o natural e o artificial.
Fotografía Cesar Galdo
"Lindes"
Héctor Pousa Herbello cineasta da 9ª chanfainalab
María Martelo cineasta da 9ª chanfainalab
María e Héctor na foto oficial da 9ª Chanfainalab
María no castelo de Naraío
Héctor Pousa na "Eira de cineastas" da 9ª Chanfainalab
María Martelo na "Eira de cineastas" da 9ª Chanfainalab
Héctor e María na "Eira de cineastas"
María na fervenza do río Castro
Héctor Pousa na fervenza do río Castro
María e a natureza de Naraío
Hécto na procura dos lindes
Héctor concentrado, perfilando o plano
Hector e María recollen a sua "Lola" de mans de Carmen Couce
María Martelo presentando "Lindes"
Hector Pousa presentando "Lindes"
María Martelo, Eva, Héctor Pousa e Álvaro na gala da 9ª Chanfainalab