6ª Chanfaina'Lab (1). Estrea venres, 21 de febreiro do 2020
Dirección, fotografía, edición: Fran X. Rodríguez
Actores: Martiño Vázquez, Sergio Pena
Son, deseño cartaz: Martiño Vázquez.
Colaboradores: Secundino García, J. S. Raimundi, David Mon, Cristina Amigo, Martín Gamarra.
Rodado con Digital Bolex
Música: Puccini e Penderecki.
Sinopse: "O LIMIAR é o umbral, a delgada liña que une (e separa) as distintas etapas da vida. Martiño vive condenado nese umbral agardando que alguén o libere."
Duración: 3' 06”
Filmada en Igrexafeita durante a fin de semana do 6 ao 8 de setembro do 2019 dentro do programa da 6ª Chanfainalab.
Fran X. Rodríguez (Rianxo, 1980) é un director experimentado e realizador solvente nos eidos do cine documental, ficción ou experimental, así coma na publicidade. Inicia a súa andaina na ficción coa curtametraxe "O Cerco", gañando en 2008 o Premio á mellor montaxe no “Festival de Cortometrajes de Zaragoza”. No 2009 compite no certame “Curtas na Rede” onde gaña o Premio á mellor obra experimental con "Meticulosidade". Neses anos introdúcese no cinema comercial e corporativo da man da axencia de publicidade Bap@Conde. En 2016, dirixe a curtametraxe “Ladrones de Tiempo”, converténdose na primeira peza na historia do Festival de Cans que logra tres galardóns: Premio á Mellor Curta, Premio do Público e Premio ao Mellor Guión. Finalista nos Premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual. A obra recibiu 12 premios nacionais e internacionais, percorrendo 50 festivais e proxectándose en mais de 20 países. No ano 2018, dirixe e produce "Neno Bonito", sendo finalista nos Premios Mestre Mateo 2019 e alzándose cos Premios do Público no Festival de Cans e no Primavera do Cine de Vigo dese mesmo ano. A fascinación polas secuencias de títulos de crédito forma parte do seu ADN audiovisual, levándoo a dirixir diversas cabeceiras entre as que cabe destacar a realizada para a serie “Hierro” (Movistar+). No ano 2019 cofunda xunto con Santiago Raimundi e David López Mon, a axencia audiovisual "Kaito estudios", onde actualmente exerce como realizador. O lector/a interesado/a pode comprobar a profesionalidade, polivalencia e brillantez do cineasta de Rianxo na súa canle de Vimeo.
Fran achegouse a San Sadurniño co seu amigo -e tamén cineasta- Martiño Vázquez. Ambos mergulláronse no territorio na procura dun fío condutor para desenvolver a súa idea ata que agromou por azar: "Cando recibín a invitación para acudir ao Chanfaina, máis aló do orgullo que supón que conten contigo para unha cita de referencia, sentín que era a oportunidade perfecta de evadirme da rutina do traballo diario para enfrontarme ao acto de experimentar nun ambiente onde a competividade e o control ficaban á marxe, deixando paso a unha total liberdade creativa. Nos días previos á cita coa Chanfaina, un cento de ideas pululaban pola miña cabeza, ideas todas elas que non acababan de cristalizar. De camiño a Sansa, Martiño Vázquez máis eu, acordamos deixarnos levar pola pasividade e agardar. Foi así cando nada máis aterrar en Sansa, soubemos que Secundino ía fender leña ó día seguinte. Era a escusa perfecta para artellar unha historia dentro dunha única localización, sendo consecuentes das dificultades que supoñía pero tamén das vantaxes á hora de planificar a realización da peza. Despois de estar toda a mañá gozando dun emprazamento envexable moi a favor da cinematografía e inventándonos planos imposibles, recollemos o material necesario para contar a historia dun adulto que fende leña… pero non era suficiente para que a idea que tiñamos na cabeza collera corpo e tivera sentido. Facíanos falta o contrapunto á idade adulta. Así foi como apareceu a figura de Anxo, un neno da vila cunha dotes interpretativas sorprendentes, que namorou á cámara dende a primeira toma. Foi o complemento ideal para redondear a historia. Mención merecida tamén a da súa nai Isabel e os veciños que se achegaron para figurar e formar parte do elenco."
En "Limiar" están presentes algunhas das teimas de Fran como cineasta: "O tempo, ese espazo común do que sempre me gusta falar, un tema recorrente que, xunto coa familia, asenta a base dos meus traballos máis persoais". Un espazo-tempo fragmentado a través desa montaxe resolutiva e trepidante, arte da que Fran é un autentico mestre virtuoso como ten amosado en todas as pezas da súa traxectoria profesional: "Queriamos recoller ese intre no que todo cambia. Cando de súpeto muda o ciclo vital e pasas de neno a mozo, de mozo a adulto e de adulto a vello. Deso fala "Limiar": Un leñador que fende na leña en modo autómata e rutinario. O adulto atrapado na madurez, condicionado pola responsabilidade de traballar e nada máis que traballar; cortando unha tras outra, agardando o momento de liberarse e cruzar o limiar para saltar á seguinte etapa e así seguir o curso da vida. Comedia e drama sempre da man, intentando a equidistancia tonal entre os xéneros; e tendo como principais referentes o cinema de Tarkovski e Lanthimos e todo elo aderezado coa música de Puccini e Penderecki." Así pois, gocemos desta rotunda, vizosa e pequena gran peza, onde -a través da exquisita fotografía e montaxe vertixinosa- agroma non só o legado dun leñador, senón tamén o dun creador de imaxes na procura de si mesmo.
Fotografías de Cesar Galdo.
"Limiar"
Fran X. Rodríguez na 6º chanfaina lab
Martiño Vázquez na 6º Chanfainalab
Fotografía oficial da 6º chanfainalab
Fran e Martiño na rodaxe de Limiar
Escenario de Limiar
Martiño dándolle duro
Martiño e Fran na rodaxe de Limiar
Plano detalle de Limiar
Fran seguindo o movemento constante de Martiño
Fran e a súa Digital Bolex
Martiño dandoo todo
Fran e Martiño no xantar da Chanfaina
Fran e Martiño
Secundino entre Fran e Martiño
Na premiere mundial de "Limiar"
Fran na estrea mundial de "Limiar" (Martiño detrás)