Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018 Chanfaina Lab seleccionada no banco de boas prácticas da xestión cultural Chanfaina Lab, XI Premio José Sellier

xentes

Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.

Justo Álvarez Sierra, alcalde do 1868

Casal, San Sadurniño, 1868

Alcalde de San Sadurniño (1846-1848); (1850-1854); (1856-1860); (1863-1864); (1868-1869).
O día 20 de outubro de 1868 chega unha comunicación da Xunta Revolucionaria da cidade de Ferrol ao Concello presidido polo alcalde José Couce. A nota oficial declara "disuelta la corporación municipal de este pueblo". A Revolución Gloriosa iniciada en setembro dese mesmo ano botaba a Isabel II do país no que reinou durante 25 anos.
A Xunta Revolucionaria nomea un goberno provisorio conformado por seis notábeis do municipio ata as oportunas eleccións municipais por sugraxio universal. En San Sadurniño foi designado alcalde provisorio o indiano retornado Vicente López Fernández e como rexedores a Justo Álvarez Sierra, José María Castrillón López, José Couce Lago, Julián Martínez López e José Couce López.
Porén Vicente López non chegou a tomar posesión do cargo, sendo substituída a súa ausencia por Justo Álvarez Sierra. Resulta un paradoxo que o goberno revolucionario sexa encabezado polo político local mais veterano e vencellado aos monárquicos defensores de Isabel II: Dende a súa chegada en 1843 a San Sadurniño fora alcalde en catro ocasións durante aproximadamente 16 anos, mais noutras lexislaturas foi concelleiro ou depositario municipal. O cedeirés “Don Justo” era o “home do marqués” en San Sadurniño, polo tanto un declarado moderado e monárquico isabelino como o seu patrón, o Marqués de San Sadurniño, agora aparentemente retirado da política tras da revolución antiborbónica.
Así pois o Comité municipal da revolución do 68 toma posesión baixo dun novo xuramento adhesión “al glorioso movimiento nacional”: Juro fiel obediencia a la soberanía que reside en la nación, a las disposiciones del gobierno que representa y a las disposiciones que emanen en su dia de las cortes constituyentes”. Así foi cómo se instalou o Concello revolucionario.
Don Justo terá que aplicar a lexislación progresista que emana do goberno provisorio de Madrid como os dereitos de expresión, reunión e asociación, a liberdade de cultos, a eliminacón da censura ou a supresión o 1 de novembro de 1868 dos impopulares impostos de consumos que tanto deron que falar en anos anteriores e a súa substitución por “un impuesto que pagarán todas las personas sin excepción de sexo, clase ni fuero, mayores de 14 años con arreglo al ultimo censo de población”.
Mais como fora prometido polo goberno provisorio, o 18 de decembro celebráronse as primeiras eleccións municpais por sufraxio universal da historia de España, producíndose a remuda completa da corporación en xaneiro de 1869. Os concelleiros elixen a Justo Álvarez Sierra por maioría relativa para o seu quinto mandato como alcalde. O resto da corporación “revolucionaria” pertence nomeadamente a unha nova xeración de políticos locais: Vicente López Fernández , 1º tte alcalde (SS); Pedro Saavedra Fernández 2ºtte alcalde (SS); José Cibreiro Fernández (Monte); Juan Montero Alonso (SS); José Díaz Rodríguez; Domingo Seijas Pando; Vicente Castrillón Mesia (Lamas); Vicente González Rodríguez interventor (Lamas); Juan Yáñez López(Igrexafeita); Antonio Novo (Ferreira); José Valentín Beceiro (Lamas); Domingo Luaces Domínguez (Ferreira); José María Castrillón López (Lamas) síndico;
Pedáneos: Domingo Pillo Alonso (SS); Marcos López López (Lamas); Antonio López López (Monte); Andrés Díaz Aneiros (Bardaos); José Gato Villar (Ferreira); Francisco Paz Rodríguez (Naraío); Juan Hermida Garrido (Igrexafeita). O xuramento da toma de posesión tamén varia: “¿Juráis por Dios y vuestra conciencia guarda y hacer guardar las leyes que la nación se diere en uso de su soberanía desempeñar lealmente vuestro cargo?”
As xuntanzas do pleno serán os domingos ás 8 da mañá. O secretario segue a ser Jesús Ricoy Arias.
O esforzo inicial da nova corporación será a preparación do proceso de eleccións xerais a cortes constituíntes, os primeiros por sufraxio universal masculino. Unha auténtica novidade na Historia de España. O Concello decide instalar dous colexios electorais, o primeiro no baixo do Concello, onde votarán os veciños de Bardaos, Lamas, Monte e San Sadurniño. O segundo estará na casa de Pedro Díaz “na vereda da igrexa de Igrexafeita” e alí votará a veciñanza de Naraío, Ferreira e Igrexafeita.
Porén, Álvarez Sierra non debía sentirse cómodo na nova etapa política que cobizaba transformar completamente os ideais e xeito de entender a vida de Don Justo ao longo do tempo. Semellaban chegar novos tempos e aires democráticos, moi diferentes dos que sustentaron a súa traxectoria ata a irrupción da revolución do 68. O 18 febreiro, tras 50 días de exercicio legal como alcalde, presenta unha carta de renuncia por “mi edad mayor de sesenta años y que las enfermedades y achaques no le permitían el empleo de sus facultades intelectuales”. O bastón municipal pasou a mans de Vicente López Fernández.
Pouco tempo despois, o 20 de outubro de 1871 segundo testemuña Domingo López -que vive na casa do Hospital- morre de tise na residencia onde vive, no Pazo do Marqués de San Sadurniño aos 63 anos de idade.

Justo Álvarez Sierra, alcalde do 1868

Comentarios

Máis imaxes

Temas: Alcaldes de San Sadurniño, conflitos, San Sadurniño (Concello), xente

Fotógrafo/a: Foto Arjo

Compartir en: