Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.
Agra de abaixo, San Sadurniño, 1856
Alcalde de San Sadurniño (1846-1848); (1850-1854); (1856-1860), (1863-1864); (1868-1869.
Pasada a euforia democrática do Bienio progresista, en 1856 retornan ao poder os moderados mediante un golpe de estado que acougue o reformismo progresista . De novo a xerarquía eclesiástica e os sectores mais conservadores recuperan o control do estado e tamén dos Concellos. Obviamente o home que mellor representará en San Sadurniño o espírito deste Segundo período moderado do reinado de Isabel II, será o administrador do Marqués, o cedeirés Justo Álvarez Sierra de 49 anos, o alcalde de San Sadurniño mais influínte do século XIX.
"Don Justo", vai exercer o seu terceiro mandato e non será o último, pois practicamente andará polo Concello ata o derrocamento da súa amada Isabel II en 1868. O 6 de decembro de 1856 -nomeado polo gobernador civil- xa é de novo novo alcalde, substituíndo a José Salas, do mesmo xeito que os concelleiros, moitos deles sen experiencia municipal: Santiago Lois,1º tte alcalde, ciruxán (SS) substituído en 1857; Hilario Fernández López, 2º tte alcalde (SS); Lorenzo Canosa (Bardaos); Juan Castro (Ferreira); Juan Durán Rodríguez (Ferreira) ; Andrés Mera (Ferreira); Antonio Mera (Naraío); Manuel Couce Díaz (SS); José Moure Fernández (Igrexafeita); José Yáñez (Ferreira); Pedro Canosa, sindico (Monte); Gregorio Rey Rodríguez (Lamas); José Gregorio Beceiro (Monte); Juan Soto, síndico (Igrexafeita); Juan López (Igrexafeita) e Nicolás Fernández. Tomas Piñón de Lamas é o xuíz de paz. O Depositario de fondos é Francisco Bastida Alvariño (1821-1905), fillo do primeiro alcalde do Concello: “como persona de probidad y conocido arraigo” substituíndo a Ramón Dopico. En 1860 noméase un novo secretario municipal que substitúe a Manuel Azcona, quen leva como secretario municipal dende o comezo dos tempos. No seu lugar ven Justo María López, un home con moita experiencia e paisano do alcalde sobre o cal exercerá gran influenza. Mais o novo secretario apenas traballará durante sete anos, pois falecerá en 1867. Neste ano de novidades establécense tamén os novos selos no Concello.
O "home do Marqués" en San Sadurniño aplicará rigorosamente a lexislación moderada do seu patrón o Marqués –xa militante cualificado do Partido moderado- en San Sadurniño. Moitas das actas dos plenos municipais o confirman: “Se leyeron las circulares de los boletines y se ordenó el puntual cumplimiento en el distrito”. Ou “ esta corporación obedeciendo siempre a los mandatos superiores, en cumplimiento de las soberanas disposiciones..."
Álvarez Sierra nomea comisións nas sete parroquias para tentar solucionar o sempiterno problema dos repartimentos e o déficit municipal e cadrar o orzamento municipal-. Implanta recargos municipais extraordinarios para axustar a contabilidade do concello que pode chegar ata o 20 % no territorial ou industrial. Persegue aos morosos do municipio "para hacerles entrar en la senda del respeto al deber que la ley obliga”. Establece subastas para privatizar os servizos municipais de recadación e repartimentos ou a carteiría municipal que xestione a correspondencia oficial tres días por semana. Créanse xuntas parroquiais agrícolas para mellorar o rendemento do campo. Para mediar nos conflitos entre agricultores e gandeiros decreta un regulamento de policía rural. Establece un plan para mellorar os camiños do municipio con listaxes de "celadores de caminos" e prohibe taxativamente que se ande "pordioseando" no distrito..
Coa promulgación da Lei Moyano de educación en 1857, chega a hora definitiva de resolver o problema do ensino no municipio. O goberno moderado “adapta” o proxecto progresista de ensino público e gratuíto de 1855 e "obriga" a abrir escolas dignas para nenos e nenas de 6 a 9 anos en todos os municipios de España. Por vez primeira, Don Justo –que sempre cumpre escrupulosamente as directrices do goberno- terá que tomar decisións para mellorar a penosa situación educativa do distrito. Hai mais de 200 nenos e nenas sen atender debidamente e as escolas e vivendas de mestres non reúnen as mínimas condicións que esixe a Lei. En abril de 1860 elabórase un proxecto arquitectónico completo con planos e especificacións técnicas “para que se construyan escuelas en el espacio que hay entre el cementerio y el campo de la feria por cualquiera de sus lados”. O alcalde e o secretario calculan que o orzamento ascendería a 118 086 reais. O concello pode aportar 13.000 por venda dunhas casas, mais solicita ao goberno a cantidade de 105.000 reais. O carrexo de materiais de cantería iría por conta dos veciños. Mais, como de todos é sabido, o proxecto non chegou a executarse, porque a Lei Moyano delega nos Concellos o financiamento e posta en marcha das escolas públicas. Teremos que agardar a 1863 para topar unha solución definitiva do problema educativo no Convento do Rosario.
O diá 1 de xaneiro de 1861, o gobernador civil procedeu ao relevo nomal na alcaldía co nomeamento de Hilario Fernández como novo alcalde de San Sadurniño. Mais "Don Justo" aínda seguirá sendo o depositario dos fondos municipais durante dous anos ata que inicie o seu cuarto mandato como alcalde. (1863-1864).