Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018 Chanfaina Lab seleccionada no banco de boas prácticas da xestión cultural Chanfaina Lab, XI Premio José Sellier

xentes

Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.

José Fernández Pita, alcalde

O Casal, San Sadurniño, 1920

Alcalde de San Sadurniño 1920-1923.
Naceu no Casal o 2 de maio de 1876 sendo fillo de Vicente Fernández Casas e Francisca Pita Castrillón. Os seus irmáns eran Ricardo, Belarmino, Ana María (casada co futuro alcalde Segundo Yáñez) e Gerardo (1881-1956). Emigrou ao Brasil con 10 anos onde axiña forxouse unha fortuna. De feito en 1914 ambos irmáns sufragan o custe das festas de Santa Isabel. Casou con Andrea Picos Rodriguez, mais non tiveron fillos. Mercou a casa onde agora está o Bar Atrium e xestionaba a oficina de teléfonos.
O día 1 de abril de 1920 aos 44 anos, foi nomeado alcalde de San Sadurniño substituíndo a José Salgado Salgado. O poder municipal retorna á Parroquia de San Sadurniño dende Pelayo Casal aínda que os seus compañeiros de goberno serán vellos concelleiros experimentados nas anteriores corporacións, labregos propietarios e industriais das parroquias rurais: Manuel Soto Castro, 1º tte, (Igrexafeita-Torre); Pedro Álvarez Romero 2º tte, (Bardaos); Cipriano Casal Castro, síndico, (Naraío); Francisco Mera Hermida (Ferreira); José María Rodríguez González (Lamas), interventor; Manuel Couce Azcona; Manuel Dopico Díaz (San Sadurniño); Manuel Couce López (Lamas); Manuel Hermida Santalla (Ferreira); José Soto Piñón (Igrexafeita); Vicente Rodríguez Canosa (Bardaos); Manuel González Fernández (Vilanova-Lamas). En 1922 entran como consecuencia dunha remuda: José Piñón Goti, interventor (Ferreira); José Pérez Grandal; José María Sixto Sedes, (Bardaos); Manuel Yáñez Fernández, (Lamas), Francisco García Paz, (Naraío) e Antonio García Varela (Igrexafeita).

Un dos asuntos mais recorrentes nos tres anos de mandato de Fernández Pita será a Guerra de Marrocos. Son constantes as alusións a listaxes de quintos, prófugos e novos recrutas ou expedientes de nulidade. Moitos mozos aproveitarán para fuxir a América e evitar así a incorporación a filas. Mais algúns veciños de San Sadurniño non poderán librarse de participar nesta guerra cruel e inútil.
Ideoloxicamente a corporación é continuista coa militancia conservadora dos gobernos anteriores. En maio de 1921, o alcalde proporá unha moción municipal na que expresa a súa gratitude a Julio Wais "por todo lo que lleva hecho por nuestro pueblo y por el celo que pone en las obras de San Sadurniño". O alcalde e varios concelleiros asistirán a gran homenaxe -con diñeiro público- que se lle realizou en Pontedeume. Posiblemente o "compromiso" do deputado conservador con San Sadurniño se refira a que por fin comecen as obras do camiño á Cruz de Lamestra, proxecto que fora solicitado había 10 anos por José Naveiras Barro. Asemade a corporación de Fernández Pita protestará enérxicamente polo asasinato do presidente do Goberno Eduardo Dato en marzo de 1921.
Tamén esta corporación segue a manter boas relacións cos marqueses de San Sadurniño, participando activamente no verán de 1921 na inauguración da estatua do Sagrado Corazón. Lamentablemente o marqués está enfermo e morrerá en xullo de 1922. O alcalde e a Corporación en pleno participarán en todos os actos oficiais do seu enterro e funeral. Na sesión celebrada o 30 de xullo expresan as súas condolencias polo seu falecemento: "teniendo en consideración que tan ilustre procer es acreedor al imperecedero recuerdo de los habitantes de este término y de la comarca, por sus relevantes méritos personales y por el eficaz apoyo que siempre ha dispensado a todo lo que representaba progreso para este pueblo, esta Corporación acordó, por unanimidad, hacer constar en acta su sentimiento por la pérdida del referido Sr. Duque, y testimoniar el más sentido pésame a su ilustre viuda la Excma Sra. Duquesa de la Conquista, por el inmenso dolor que la aflige" . Meses antes tamén falecera un home prominente do concello,Luis Loureiro Pita , rico industrial coñecido popularmente como "o segundo marqués.
A chegada de Juan Rof Codina á Inspección Provincial de Hixiene Pecuaria de Coruña foi providencial. Deseñou un plan para racionalizar o traballo tanto na agricultura como na gandería da provincia. En 1921 crease unha praza (360 ptas) de inspector pecuario -veterinario municipal- en San Sadurniño que acada o gran profesional Antonio del Castillo. A súa presenza farase notar. Fálase de cooperativismo, da reorganización da cabana gandeira e en xeral da mellora das condicións do traballo no campo. Establécense novos arbitrios industriais sobre carnes e bebidas, racionalízanse as feiras. Comeza a funcionar o matadoiro municipal, o que ocasionará unha multa a Luís Loureiro "por sacrificar reses vacunas" nun matadoiro que a alcaldía considera "clandestino”. Porén, algúns veciños criticarán a decisión da alcaldía de celebrar unha corrida de touros nas festas de Santa Isabel de 1922
Como detalles anecdóticos sinalaremos que en novembro de 1922 case arde a Casa Consistorial e un misterioso roubo no Pazo dos Marqueses en maio de 1922.
No verán de 1923 apenas se desenvolve actividade municipal despachándose só asuntos de trámite . A normalidade veuse bruscamente alterada co golpe de estado do xeneral Miguel Primo de Rivera. O 3 de outubro de 1923 o Garda Civil Manuel García Seoane, "responsable del puesto de San Saturnino por enfermedad del comandante" nomea a Manuel García Fernández como novo alcalde.
Mais José Fernández Pita intégrase no novo partido da Dictadura, Unión Patriótica, do que chegará a ser Vicepresidente. Asemade é o fiscal do xulgado de paz neste período. Ao comezar a sublevación militar en 1936 participa activamente namilicia local ás ordes de "Falange española", sendo nomeado xuiz suplente en maio de 1938.
Morre na súa casa o 31 de marzo de 1969 aos 85 anos.

  • José Fernández Pita, alcalde

  • Incendio casa Consistorial "Correo de Galicia" 3-11-1922

  • Roubo no pazo en maio de 1922

  • Casa de Fernández Pita. Oleo de Martín Orjales de la Vega

  • Sinaturas corporación municipal de José Fernández Pita

  • Patrocinio das festas de Santa Isabel 1914. 11.06.1914. El Noroeste

  • 9.4.1920 Orzán

load

Comentarios

Máis imaxes

Temas: Alcaldes de San Sadurniño, emigración, San Sadurniño (Concello), San Sadurniño (parroquia), guerra

Compartir en: