2ª Chanfaina'Lab (15). Estrea venres, 11 de xuño do 2016
Directora e cámara: Giselle Llanio
Montaxe: Susana Sotelo e Miguel Balseiro
Posprodución de son: Iago G. Moro
Coa participación de Laura Caorsi Luaces, Craig Patterson, Francisco Luaces, Manuel Luaces, Dolores Castelo, Santiago Soto, Pablo, Rubén Arribas .
Sinopse: "Laura, bisneta de Teodoro, un antigo veciño da parroquia de Ferreira, chega á San Sadurniño para completar a procura que iniciara o seu avó fai moitos anos: A casa das súas raíces, onde vivía Teodoro antes de emigrar a Montevideo. Nesta viaxe, Laura coñecerá a varios familiares, a Craig un inglés que fala galego e Pablo, un paisano da contorna e amigo da familia. Todos acompañarán a Laura ata o seu destino".
Duración: 15’ 14’’
Gravada nos días 5 e 6 de setembro do 2015 en San Sadurniño, Bardaos e Ferreira dentro do programa da Chanfainalab.
Premio CREA á "mellor curtametraxe documental" 2017 da Asociación de directores e realizadores de Galicia.
A cineasta de orixe cubano Giselle Llanio formouse no Instituto Superior del Arte de Cuba. Comezou traballando como realizadora e directora na Televisión Cubana durante seis anos, ata que no 1998 trasládase a Galicia, onde desenvolve unha prolífica traxectoria como directora e realizadora de numerosas series e programas de gran éxito popular para TV como “Pequeno Hotel”(2001), “Super martes” (2003), “Libro de Familia” (2004-2013) ou “Pazo de familia” (2014-2015). En outubro do 2016 estreará a miniserie "Dalia, a modista" . Mais Giselle tamén realiza proxectos máis persoais ao marxe da industria audiovisual como “Cartoons” (2006) entre outras pezas onde amosa a súa exquisita sensibilidade como cineasta.
Giselle veu á Chanfaina un tanto saturada polo seu traballo profesional: “Cheguei a San Sadurniño coa intención de seguir a Craig Patterson, -un inglés comprometido coa cultura galega- e gravalo por diferentes localizacións do Concello, mais o primeiro día topei coa historia da xornalista uruguaia Laura Caorsi e dinme conta que os tres eramos emigrantes. A historia de Laura tamén era a procura das súas raíces en Ferreira. Así que decidín integralo todo sobre a marcha sen saber moi ben qué estaba a facer... Só na montaxe dinme conta qué historia tiña nas mans. Eu veño de traballar nun entorno profesional, onde todo está planificado e pechado, cun equipo de traballo a miña disposición e cheguei á Chanfaina cunha simple cámara réflex, sen axuda algunha, con innumerábeis problemas técnicos e cunha historia que tiña que darlle forma en directo. Para min foi unha aventura fermosa e emocionante que me fixo reencontrarme coa miña vocación de cineasta, a de poñer luz na verdade que está diante dos meus ollos. Alí o único que contaba eras ti e a túa historia, se dispara o proceso creativo, deixas de estar en automático e as ideas flúen. Moi diferente da rutina profesional na que traballas sempre do mesmo xeito para unha empresa. Na Chanfainalab, a realidade e a inmediatez imperan e o proceso de construción do filme converteuse nunha aventura creativa da que me sinto moi satisfeita”.
“Instantes dun retorno” é dalgún xeito unha especie de roadmovie emocional dunha uruguaia, un inglés e unha cubana por San Sadurniño, vinculados ocasionalmente na procura da verdade e a identidade. Son seres humanos que chegaron a Galicia dende lonxe e aquí toparon acobillo ou sentido ao que buscaban. Unha historia que emocionará a calquera espectador, porque o filme desborda autenticidade, mais sobre todo sentimentos a flor de pel. Historias circulares de idas, voltas e reviravoltas a través do espazo e o tempo, ademais de diversas miradas cruzadas dos/as protagonistas. A propósito do filme, Sandra, unha amiga de Laura escribe nunha carta: " En el corto se transmite energía positiva, alegría, felicidad, emoción, esperanza... es un trabajo que rescata al que se fue y lo trae a caminar con nosotros. Y también inmortaliza al que se va como el papá de Giselle. Es cierto que uno nunca muere si quienes siguen vivos lo recuerdan, lo nombran. Con esa búsqueda y ese encuentro, han cobrado vida muchos Luaces que ya han partido , aunque no han muerto porque viven en la memoria de quienes los amaron y los siguen amando... Esta es la historia de casi todos nosotros, los emigrantes". Aquí podedes ler o magnífico e sentido relato de Laura Caorsi sobre o proceso de gravación de “Instantes dun retorno”.
“Instantes dun retorno”
Giselle LLanio
Sandra Sánchez e Giselle en san Sadurniño
Giselle e Craig na Chanfaina lab
Gravando "Instantes dun retorno"
Susana Sotelo e Giselle na Chanfaina lab
Gravando en Ferreira
Gravando a locución de "Instantes dun rtorno"
Na estrea da Chanfaina Lab
Fotocall de Laura Caorsi e a súa familia galega
Fotocall de Giselle, Susana Sotelo e Sandra Sanchez na 2º Chanfaina lab
Craig Patterson, Giselle Llanio e Ana Pontón no xantar da Chanfaina
Encantoume a historia. A rapaza uriguaia na búsqueda das raices, o inglés namorado de Galicia, a paisaxe verde de San Sadurniño... todo precioso, emoción a tope.