Monumentos, igrexas, edificios, patrimonio inmaterial e pezas singulares -grandes e pequenas- de San Sadurniño: castelo de Naraio, castros, convento do Rosario, creador@s, cronoloxía histórica, cruceiros, fontes, igrexas parroquiais, pequenas capelas, lendas, megalitismo , muíños, pazo da marquesa, visitantes senlleiros,
San Sadurniño, 1920
O día 13 de xullo de 1920, chegaban os Marqueses para pasar o verán no seu Pazo de San Sadurniño. Como era habitual foron recibidos trunfalmente polos persoeiros do municipio: O secretario municipal José María Pita Corral, o alcalde Fernández Pita, o capellán Fernando Prieto, o empresario Matías Fernández Murias, o notario Sr Jack Ocampo, o comerciante Pelayo Casal, o médico Fentanes, o farmacéutico González de Lema e o telegrafista Gómez Crespo, ademais dos mestres nacionais e todos os colonos dos Duques.
Os Duques veñen cun proxecto moi querido para Natividad Quindós: a inauguración dunha réplica -“en pequeniño”- do monumento ao “Sagrado Corazón de Jesús“ do impoñente Cerro de los Ángeles inaugurado polo Rei Alfonso XIII o 30 de maio de 1919 e que comezara a construirse en 1916. A Marquesa xa agasallara á igrexa parroquial de San sadurniño cunha imaxe en 1905. Mais neste caso a estatua e a réplica foron esculpidas por un escultor de sona, Aniceto Marinas, a quen a Duquesa coñecía por ser o autor do monumento conmemorativo -tamén promovido por ela en 1908- das vítimas do atentado na voda de Alfonso XIII (1906). Por outra banda, a Marquesa de San Sadurniño tivera un protagonismo moi especial na construción da gran estatua do Cerro de los Ángeles, pois era a Presidenta da ultraconservadora “Unión de Damas Españolas”, unha das asociacións promotoras do monumento.
Tras do eco mediático do evento, o culto ao Sagrado Corazón espallouse por moitas parroquias e asociacións relixiosas, dentro dun programa de desactivación da inestabilidade social e o malestar das clases populares ao remate da 1º Guerra Mundial que desembocara na folga xeral revolucionaria de 1917.
O escultor Aniceto Marinas agasallou a Marquesa cunha réplica en bronce, autentificada e firmada que os marqueses decidiron colocar ás beiras da presa da marquesa. A inauguración terá lugar o día 2 de agosto de 1920 cunha programación especial: haberá misas de campaña nos xardíns dende as 8 e media da mañá e almorzos gratuitos para os asistentes. O propio Duque da Conquista leerá o mesmo pregón de Alfonso XIII no Cerro dos Ángeles. Veu moita xente das aldeas e parroquias de San Sadurniño, nomeadamente caseiros e colonos da Duquesa e autoridades municipais co alcalde Fernández Pita. Probablemente actuara a coral ferrolana "Toxos e Froles". Orixinalmente o monumento estaba ás beiras do río Xuvia; nos anos 50 as monxas trasladárono aos xardíns do Pazo, mais tras a instalación da casa consistorial no pazo en 2014, a estatua reubicouse no seu destino definitivo no claustro do Convento de Santo Domingo.
Sen embargo o Duque da Conquista xa non andaba ben de saúde aquel ano e uns días despois da inauguración ráchase a tradición do veraneo na “vila da tranquilidade”. O matrimonio vaise a tomar os baños ao hotel-balneario de A Toxa o 10 de agosto, de xeito que non haberá moitos visitantes este ano.
Na foto, estatua do Sagrado Corazón nos xardíns do Pazo.
Temas: Pazo da Marquesa, patrimonios, San Sadurniño (parroquia), Escultura
Autor/a: Manuel González Álvarez