Ademais das imaxes, tamén a prensa e os documentos históricos fálannos de San Sadurniño no decurso do tempo: Podes velos en orde cronolóxico aquí , ou consultar algúns datos estatísticos
Pedroso, Narón, 1111
O 30 de xuño do 1111, Dona Munia Froilaz, irmá do gran señor de Galicia, Pedro Froilaz de Traba, fundou o mosteiro de San Salvador de Pedroso, coa dotación dun volume de propiedades familiares que pode cualificarse como verdadeiramente considerábel nas terras de Trasancos, algunhas delas pertencentes ás parroquias de San Xiao de Lamas, Bardaos e Santa Mariña do Monte.
O mosteiro foi edificado nun solar herdado do seu avó, o conde Vermudo Froilaz no Pedroso, nun lugar chamado Vineola (viña pequena), e que neses momentos estaba no poder de Munia como consecuencia da división da herdanza paterna entre todos os membros da súa selectiva parentela. Daquela, Munia ficara viúva e morréralle un fillo afogado no mar. Decide levantar o mosteiro na súa memoria. A propia Munia Froilaz será soterrada 34 anos despois, en 1145, no altar maior do mosteiro.
Asinan o documento fundacional do mosteiro do Pedroso os grandes propietarios das terras de Trasancos daquela: Pedro Froilaz, (Conde de Galicia), os seus irmáns Rodrigo Froilaz (Señor de Trasancos) e Gonzalo Froilaz (Bispo de Mondoñedo), así como os mais sobrandeiros señores de Galicia, entre eles Diego Xelmírez, bispo de Compostela.
Durante os anos seguintes o mosteiro dos Froilaz recibirá abondosas doazóns de homes e terras de San Sadurniño (1126); Santa Mariña e Bardaos (1128); Santa Mariña (1257); e Randulfe, Bardaos (1246), doazóns que o convertiron nun referente monástico do norte de Galicia, protexido, acoutado e reforzado por varios reis como Alfonso VII.
No século XIV comezou a súa decadencia , porén da loita dos seus abades contra os abusos dos Andrade e a súa participación nas revoltas irmandiñas, ata o seu peche no 1492 como mosteiro independente.
O mosteiro de San Salvador do Pedroso será un referente imprescindíbel na vida cotiá de San Sadurniño ata a súa venta en 1544 aos Señores de San Sadurniño. A finais do século XVIII xa non quedaban nin as pedras do fermoso mosteiro románico fundado por Munia Froilaz.
Descarga o documento fundacional deste mosteiro, necesario para entender a historia medieval de San Sadurniño, anotado e traducido ao galego por Andrés Pena Graña, a quen pertence tamén a hipotética reconstrución do Pedroso no século XII na fotografía de portada. Podes ver outras imaxes deste desaparecido mosteiro nas imaxes relacionadas.
Temas: Bardaos, Lamas, Pedroso, San Sadurniño (parroquia), Santa Mariña do Monte