Receitas e xantares singulares das terras de San Sadurniño: mesóns, bares e tabernas. Os pratos tradicionais do concello son a chanfaina, o bacallau, o o raxo, a carrilleira e o churrasco. E de postre o requeixo ou pastelón.
Igrexafeita, 1994
En 1994 a Asociación veciñal "Adiante Igrexafeita" decidiu organizar unha Festa arredor da Chanfaina, un prato gastronómico da parroquia a base de porco ou ovella. A chanfaina é unha receita tradicional dos territorios de antigos señoríos, cando as partes "nobres " do animal entregábanselle aos Señores, mentres as vísceras e as partes mais pobres quedábanse na cociña dos labregos, coas que preparaban a denominada chanfaina, de grande tradición nas parroquias de Bardaos e Igrexafeita. Facíase despois da matanza e consistía en meter nun estómago de porco fariña de millo, sangue, touciño, riles, lingua, corazón e fígado; todo elo adobado con especies diversas como allo, ourego, pemento picante e sal. Cocíase logo nun forno de leña. De feito, aos habitantes de Igrexafeita coñécense por "foleiros" ou "folechos", porque utilizan estómagos de porco (foles) para elaborar o seu embutido. No ano 2014 o cineasta Marcos Nine realizou un vídeo onde se pode apreciar o proceso de realización deste prato tradicional.
A primeira edición da "Feira de exaltación da Chanfaina" foi un rotundo éxito con máis de 500 racións vendidas. Foi o domingo, 6 de marzo de 1994 e déronse premios ás mellores chanfainas, a de Margarita Paz, Maruja Vega e Benigno Galdo. A denominación de "feira" era un guiño ás desaparecidas feiras mensuais do 18.
Nos anos sucesivos a Feira non deixou de medrar coa incorporación de exposicións, músicas e actividades de todo tipo. En 1995 a chanfaina mellor presentada foi a de Consuelo Picos e mellor elaborada a de Ana Soto.
Na terceira edición fóronse engadindo máis actividades, como exposicións de artesanías e manualidades, grupos de música e despacháronse 300 racións de chanfaina.
Tamén foi un éxito a edición de 1997, cunha exposición de cerámica de Buño.
Na quinta edición de 1998, o Presidente da Asociación Veciñal José Romero Ledo amosábase moi satisfeito da evolución da feira e daba conta dos quince fornos de casa que se utilizaban para cocer as chanfainas.
Na sexta edición de 1999 distribuíronse 500 racións e organizáronse varias actividades tradicionais,ademais dunha exposición de Ana Lamas e Crisanto Póveda, espectáculo de Cándido Pazó, rematando cunha festa popular amenizada por "Costa Norte".
A edición do 2000 contou co pregón do escritor Xavier Alcalá, unha exposición de Eloy Taboada e a festa rachada amenizada por Lamas La Piña.
Na oitava edición do 2001 o pregón correu a cargo do afamado actor Luis Zahera; Berros do Castro puxo a animación da festa e a verbena foi animada pola orquesta Lazos.
No ano 2002 o pregón foi por conta do actor Carlos Blanco e consumíronse 90 chanfainas, resultando gañadora a preparada por Uxío García Lamas.
Na edición de 2003 a feira resultou ser unha das máis completas. Pregón da actriz Mela Casal, louvando o sabor da delicatessen local. Houbo música todo o día e ata o Mago Teto realizou un espectáculo de maxia.
Na edición do 2005 o pregón correu a cargo da historiadora Esperanza Piñeiro.
A 13º edición da Festa da Chanfaina celebrouse en Marzo do 2006 e tivo como pregoeiro ao escritor Agustín Iturbe e a orquesta Lamas. Na edición do 2007 animou a degustación das 150 chanfainas o grupo local "Berros do Castro".
Co paso do tempo nos últimos anos, a festa foi perdendo o carácter público para convertérense nunha celebración de veciños e veciñas que segue a facerse na Asociación veciñal "Adiante Igrexafeita" durante o mes de marzo.
Temas: asociacións actuais, eventos, feiras, festas e romarías, gastronomías, Igrexafeita, lecer, receitas