Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.
Outeiro, San Sadurniño, 1930
Alcalde de San Sadurniño 1930-1931
Faustino Loureiro nace en Outeiro en 1882, nunha das casas mais ricas de San Sadurniño, pois é o fillo maior do case terratenente Luis Loureiro Pita, propietario de varios establecementos comerciais e moitas fincas urbanas a comezos do século XX. Ademais era o "alma mater" da Asociación Agraria "La Moralizadora". Por outra banda, a súa nai era Josefa Couce López, irmá do adiñeirado emigrante en Cuba, Antonio Couce López, quen morreu sen descendencia.
Á morte do seu pai en 1921, Faustino Loureiro converteuse nun dos homes mais ricos do concello xunto coas súas irmás Honorina, María Elvira e Vitorina; como tal figuran nas listaxes de maiores contribuintes por urbana ou industrial a finais da década de 1920. Casou con Dominga Seco e terá un único fillo, Luis Loureiro Seco, que estudou medicina en Santiago. En xuño de 1929 é nomeado xuiz municipal substituindo ao seu cuñado Manuel López Sixto.
O 16 de abril de 1930, Faustino Loureiro, xa un rico propietario da tenda de tecidos de Outeiro, é nomeado alcalde aos 48 anos. Será practicamente a derradeira corporación municipal da monarquía de Alfonso XIII. No seu equipo de goberno figura un bó feixe de ex-alcaldes e concelleiros ”de toda la vida” de San Sadurniño, cáseque todos comerciantes ou propietarios de talante conservador e monárquico: Manuel Hermida Santalla, 1º tenente, (Ferreira); Pedro Álvarez Romero, 2º tenente, (Bardaos); Segundo Yáñez Fernandez, (Casal) ; Vicente Rodríguez Canosa (Bardaos); Manuel Dopico Díaz (Albeiro-SS); Manuel Couce López, (Lamas); Manuel González Fernández (Vilanova-Lamas); Vicente Hermida López (Igrexafeita); Emiliano Calvo Couce (San Sadurniño); e Pelayo Casal, que será substituído polo incombustible José Salgado Salgado (Igrexafeita). Tamén Faustino é un home de "orden", veciño e aliado local da marquesa
Foi proclamado alcalde na sesión de 26 de febreiro de 1930, mais o seu primeiro pleno será o 16 de abril do mesmo ano. Son meses complicados polos aires de renovación que está a vivir a sociedade española e o auxe crecente do sentir republicano que se converterá en clamor nas eleccións municipais de 1931. Faustino Loureiro será o alcalde que represente ao Concello na derradeira viaxe real ao Pazo da Marquesa: Alfonso de Borbón y Battenberg, Príncipe de Asturias, visita San Sadurniño o 24 de setembro de 1930. Dias antes (11-9) participara na inauguracion da Casa das monxas e escola dominical e da primeira estación telefónica de San Sadurniño.
Aproveitará o seu fugaz paso pola alcaldía para nomear secretario municipal interino ao seu sobriño político, Edelmiro Pita Couce - fillo de José María Pita Corral, secretario durante vinte anos- . Concederá o servizo de carteiría municipal ao tamén sobriño Senén López Loureiro e o posto de recadador municipal a Maximino López Loureiro -outro sobriño-
Pouco mais xestionou, ademais dunha subvención de 1.000 ptas para cada unha das dúas escolas que están a construír os emigrantes de Ferreira. Tamén inicia o expediente de disolución da Mancomunidade con Valdoviño, posta en marcha nos tempos de Primo de Rivera polo alcalde -e tamén cuñado-, Avelino López Sisto, mais será disolta oficialmente polo alcalde republicán Vicente Castro Naveiras o 22 de agosto de 1931.
En xaneiro de 1930 autorízase a construción da central de Electra de Naraío; en setembro de 1930 comezan as obras. Faustino é o socio inversor principal da empresa que proxecta traer a luz eléctrica ao concello. Quizais fora ese o motivo polo que deberá renunciar ao cargo repentinamente, tras oito meses escasos de mandato, sendo substituído por Manuel Dopico Díaz o 27 de xaneiro de 1931. Faltaban dous meses para as eleccións municipais que deron paso a II República.
Durante os anos da República, Faustino atenderá o comercio de tecidos de Outeiro, mais sobre todo a implantación da luz eléctrica en Sansa. Electra de Naraío será a empresa que instale a electricidade nas dependencias municipais en 1932. No ano 1936, Faustino Loureiro formará parte dos milicianos "nacionais" que apoian aos sublevados, mentres que o seu fillo afiliouse á "Falange Española". Mais morrerá o 21 de febreiro de 1938 aos 56 anos na súa casa de Outeiro. Meses despois, tamén falece o seu sobriño Edelmiro Pita Couce. Outro dos seus sobriños Faustino López Loureiro conseguerá o bastón da alcaldía en 1940 .
Na foto, Faustino Loureiro Couce no xardín da súa casa en Outeiro.
Temas: Alcaldes de San Sadurniño, San Sadurniño (Concello), tecnoloxía, tecidos