Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.
Outeiro, San Sadurniño, 1940
Alcalde de San Sadurniño 1940-1941
Faustino López Loureiro naceu en San Sadurniño o 27 de febreiro de 1901 no berce dunha “familia con posibles” porque o seu seu pai,Manuel López Sisto chegará a ser xuíz municipal e administrador das propiedades da Marquesa de San Sadurniño. O seu tíoAvelino López Sisto foi alcalde en 1924 e a familia paterna militaba na Unión Patriótica -único partido político legal baixo Primo de Rivera-, que agrupaba aos “propietarios” e grupos sociais conservadores da sociedade española arredor de 1925.
Pola outra banda, a nai de Faustino López era Vitorina Loureiro Couce, filla do comerciante Luís Loureiro Pita, un dos homes mais ricos do concello, propietario de catro establecementos comerciais a comezos do século XX; outro dos seus tíos maternos, Faustino Loureiro Couce, foi alcalde en 1930. Á morte deste en 1938, Faustino quedouse co negocio de tecidos. Na súa mocidade emigrou temporalmente a Cuba seguindo a tradición migratoria por parte da familia paterna.
Ao comezar a sublevación militar en 1936 afiliouse a Falange española de San Sadurniño.
Será nomeado alcalde o 1 de febreiro de 1940 aos 39 anos, substituíndo ao tamén comerciante local Segundo Yáñez Fernández. Preside o primeiro pleno o 15 de marzo de 1940. Acompáñano como concelleiros: Ángel Luaces Castro, (tenente de alcalde),Manuel Yáñez Fernández, Antonio Alvariño Alvariño, José Vivero Soto, José Soto Piñón, Manuel Sixto Sedes, Pedro Álvarez Romero, Manuel Castro Lamas e Víctor Rico García.
1940 é un ano crítico, recén rematada a Guerra Civil e coa Segunda Guerra mundial arrasando Europa. Son tempos de incerteza, represión, fame e miseria.
Como alcalde, Faustino xestionará a vida municipal pouco mais de ano e medio, aínda que con prolongadas ausencias -solicitou varios permisos por asuntos propios- sendo substituído polo tenente de alcalde Ángel Luaces. Ao parecer, o negocio de tecidos ocúpalle demasiado tempo e non pode atender debidamente os asuntos da alcaldía. O orzamento municipal é moi cativo: 58.273 pesetas que non cubren as necesidades dun concello de 6.333 veciños e veciñas; poucas inversións poden facerse naqueles anos, pois o esforzo económico do réxime franquista está orientado á causa da “reconstrucción nacional” nun país devastado pola Guerra Civil. Aínda así, a corporación presidida por Faustino acometerá algunhas obras urxentes para comunicar lugares aillados do concello: unha ponte en Ferreira para unir Pontigos, Soutocalvo e Pontellas (40) e outra en Riolimpo entre Bracamonde e Vilarbó (41). Tamén comeza a construírse un lavadoiro público a rentes do campo da feira de San Sadurniño no mesmo ano. A corporación terá que xestionar a "depuración" de funcionarios municipais, mais concluirá que todos “son leales al glorioso Movimiento Nacional del Generalísimo Franco”. Será Faustino López quen asine a Causa General en San Sadurniño no que se acredita a inexistencia de danos materiais ou persoais durante os anos da República e a Guerra Civil
En xuño de 1941 a Garda Civil de San Sadurniño envía unha enérxica carta de protesta ao Concello “por carecer de seguridad e higiene conveniente y las lamentables condiciones de su casa cuartel”. Instan aos propietarios do edificio para que efectúen obras e arranxen as deficiencias ou ameazan con elevar a queixa ante as autoridades nacionais da Garda Civil en Madrid. Os propietarios da casa cuartel son familiares do alcalde: Senén López Loureiro (irmán); Honorina Loureiro Couce (tía), e Perfecto Calvo Fernández (tío político). Faustino pide unha baixa de dous meses "por asuntos propios"
Ao fin, o 9 de decembro de 1941, o gobernador civil toma a decisión de cesar a Faustino e nomear a un novo alcalde que non fose natural de San Sadurniño, Emilio Moradeyra Serén.
Faustino López Loureiro retornará ao negocio familiar onde traballará o resto da súa vida. Casou arredor de 1936 con Purificación García Muíño coa que ten catro fillas: Purificación, Pilar, María Luisa e Rosa María. Finou en Outeiro o 19 de marzo de 1984 aos 83 anos de idade. Na fotografía Faustino López Loureiro en 1946
Temas: Alcaldes de San Sadurniño, emigración, San Sadurniño (Concello), San Sadurniño (parroquia), tecidos, xente