Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.
San Sadurniño, 2015
2ª Chanfaina'Lab (10). Estrea venres, 22 de abril do 2016
Directoras: Ary López e Sabela Íñiguez
Coa participación de Edith Pando (San Sadurniño), Agustina Motas (Santa Mariña), Luis Miguel Izquierdo (Lamas), José Manuel García e Gloria Pérez (Lamas).
Sinopse: "E ti de quen ves sendo? céntrase na ollada de veciños e veciñas de San Sadurniño que chegaron ata aquí dende outros lugares do mundo. Unha peza sinxela onde Edith, Agustina, Luismi, José Manuel e Gloria desvelan de quén veñen sendo.".
Duración: 8'13”
Gravada nos días 5 e 6 de setembro do 2015 en varias parroquias de San Sadurniño dentro do programa da Chanfainalab
As creadoras deste filme son dúas cineastas naturais e veciñas de San Sadurniño. Ary López traballa como xornalista e comunicadora, con traxectoria profesional en varios medios de comunicación e que xa participara na Chanfainalab 2014 coa peza Epílogo. A segunda cineasta é a tamén licenciada en Ciencias da Comunicación e experta en redes sociais Sabela Íñiguez, quen ademais é a actual Concelleira de Cultura do Concello de San Sadurniño e responsable da Chanfaina Lab.
Nesta peza as cineastas locais exploran San Sadurniño na procura dun punto de vista orixinal: " As dúas somos naturais deste Concello e vivimos cunha certa tradición de ser un tanto pechados cos de fora. Tiñamos curiosidade por cómo ven e qué opinan de San Sadurniño aquelas persoas que, non sendo naturais do concello, viven connosco por elección propia. Parecíanos que a súa mirada sería diferente e tamén interesante. Como punto de partida escollemos esa expresión tan nosa coa que tratamos a quen non coñecemos: E logo ti de quén ves sendo?. Tentamos desmitificar a curiosidade inicial para amosar que son xente como nós, que mesmo teñen historias parecidas e que comparten a vida con nós a todos os niveis. O noso tratamento documental tiña que ser sinxelo, sen meternos en lugares complicados, nos que puideramos ter algún tipo de traba."
Entre a riqueza de miradas e diversidade de puntos de vista que podemos apreciar nas diferentes pezas da Chanfainalab, este filme só podería ser gravado por cineastas locais, xogando co punto de vista do "outro" sobre o pequeno universo de San Sadurniño. Nas pezas da Chanfainalab amósanse opinións dos naturais e tamén de visitantes esporádicos, mais "E ti de quén ves sendo?" aporta o punto de vista de quen decidiu vivir entre nós e formar parte da nosa comunidade. Así pois, é unha reivindicación da tolerancia e o coñecemento mutuo, unha chamada á convivencia e a compartir a vida da comunidade sen importar o lugar de procedencia. Unha mensaxe oportuna e necesaria ante a intolerancia cara o "outro" de triste actualidade nestes tempos.
Temas: creador@s, Chanfaina'Lab, emigración, vídeos, xente, outros lugares, Santa Mariña do Monte, Lamas
Autor/a: Sabela Íñiguez
Vídeos:
"Epílogo" de Ary López