Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018 Chanfaina Lab seleccionada no banco de boas prácticas da xestión cultural Chanfaina Lab, XI Premio José Sellier

tecnoloxías

Aos poucos, as tecnoloxías do mundo contemporáneo foron enxergándose no universo agrario de San Sadurniño. cine, coches, electricidade, máquinas, internet, tren

"(Des)conexión"

Bardaos, 2025

9ª Chanfaina Lab (16). Estrea: venres 25 de abril do 2025
Dirección, guión, cámara e montaxe: Bieito Beceiro
Idea orixinal: Ana Balsa e Bieito Beceiro.
Reparto: Bea Ferreira e Fina Fernández.
Música: adaptacións de varias cancións de Kevin MacLeod (https://incompetech.com), Licenza Creative Commons: Atribución 4.0
Son: adaptacións de varios efectos de son de klankbeeld, LG e PeteBarry (licenza CC-BY 4.0), e de sjturia (licenza CC-BY 3.0), dispoñibles en Freesound (https://freesound.org).
Duración: 9' 03''
Sinopse: "Unha adolescente descobre as consecuencias de abusar das tecnoloxías no seu día a día"
Gravado en Bardaos e Santa Mariña do Monte dentro do programa da 9ª Chanfainalab




Bieito Beceiro (San Sadurniño, 1998) é un mozo da parroquia de Bardaos. Recentemente realizou unha estadía de investigación no Lawrence Berkeley National Laboratory para o seu doutoramento en informática na Universidade de A Coruña. Se ben é certo que para o seu desenvolvemento profesional escolleu o ámbito da informática, dende novo tamén amosou interese polo audiovisual coa realización de varios vídeos sobre a historia local para a materia de Historia durante os seus estudos de bacharelato. Por exemplo, a recreación da "Toma de posesión de Bernardino de Andrade". Ademais dos vídeos “para clase”, o cineasta local tamén realizou pezas como "Pregón do San Pipote", “A vista de cabalo do demo” e "Reparacións interdimensionais" . Estas dúas últimas para as 5ª e 6ª edicións do Chanfaina Lab, respectivamente. Na 5ª edición tamén acreditou as súas dotes de actor en "Breixo" de Javier Seoane. Por último, na sétima ChanfainaLab, ademais da realización de "As vacas desaparecidas", Bieito colabora como co-director e actor da magnífica peza “Interxeneracional” de Xavier Vilaverde. A súa última curta foi "O caldo de Marina" (2023).

Como en anteriores edicións podemos ollar a xenerosidade de Bieito botando un cabo no que faga falla nos traballos doutros cineastas da Chanfainalab. Desta volta, despois de darlle unha longa pensada, apostou por amosar a súa preocupación pola dependencia dos seres humanos ás tecnoloxías de comunicación: "Un día decateime de que, en calquera espazo no que haxa xente, sempre hai algunha persoa absorta no seu teléfono. E isto é independente da situación. Dá igual que sexa nunha sala de espera, nun restaurante, nun colexio, nunha festa ou incluso nun cine. Sempre podes atopar a alguén que “marchou ao plano virtual”, por moi abraiante que sexa o que estea sucedendo diante. A idea da peza naceu de querer criticar esas situacións. Démoslle voltas a posibles argumentos e, ao final, o que máis nos convenceu foi contar a historia dunha adolescente que se vai facendo máis e máis dependente do móbil e as consecuencias que iso ocasiona. Para retratar o proceso da adicción intentei darlle máis protagonismo ao teléfono co transcorrer dos meses. Ao avanzar a curta, a protagonista utiliza o teléfono máis tempo e, xogando coas distancias focais da lente, o teléfono vaise facendo máis grande no encadre. Tamén intentei retratar a “separación” entre a protagonista e a avoa, aumentando a distancia entre as cadeiras nas que se sentan, pero creo que isto non se percibe na curta final. Algo que me gustaría ter tratado na peza é explicar que é o que causa a adicción ao teléfono. De primeiras, parece que a culpa é dos usuarios, pero moitas aplicacións que usamos a diario utilizan patróns escuros co único obxectivo de crear dependencia. Tamén me gustaría tratar as consecuencias psicolóxicas que ten o abuso das redes sociais, pero coido que é un problema bastante complexo."

"(Des)conexión" é unha oportuna chamada de atención dun mozo cara ao utilización compulsiva das redes sociais por parte das persoas adolescentes, mais non só eles: "O meu obxectivo con esta curta era invitar ao espectador a reflexionar e identificarse coa protagonista, sobre o abuso das tecnoloxías, afectando aos estudos, ao traballo ou ás relación persoais. Cada vez temos unha maior dependencia de internet e das redes sociais, chegando mesmo a sentir os efectos da abstinencia se pasamos un anaco sen “conectarnos”. Comunmente, este problema atribúese aos adolescentes, pero xa podemos percibir que é como unha “epidemia” que afecta a persoas de todas as idades. Creo que a peza consegue transmitir isto, aínda que só parcialmente. Como a protagonista é unha adolescente, a curta reforza o tópico de que o problema só lle afecta aos máis novos e á sociedade en xeral. Aínda así, estou contento co resultado e, sobre todo, co proceso. Nesta edición, a diferenza das curtas anteriores, empecei a darlle voltas á idea uns meses antes de setembro, polo que lle puiden dedicar máis tempo á historia, ao guión e ao storyboard. A gravación tivemos que pospoñela ata o Nadal, mais conseguimos rematala en tres días grazas a que secuencias e planos xa estaban pensados".
E ise traballo previo nótase. O resultado final, ademais de invitármonos a reflexionar sobre un tema de candente actualidade, representa un chanzo significativo na evolución do cineasta de Bardaos, pola súa funcional posta en escea e solvencia narrativa cun acaído manexo do tempo e da elipse. Asemade sacoulle un gran partido as súas actrices noveis, Bea Ferreira e Fina Fernández.
Fotografías César Galdo e Bieito Beceiro.

  • "(Des)conexión"

  • Bieito Beceiro na Eira de cineastas da 9ª Chanfainalab

  • Bieito Beceiro entre o publico da Eira de Cineastas da 9 Chanfainalab

  • Bieito Beceiro cineasta da 9ª Chanfainalab

  • Fina Fernandez e Bea Ferreira en "(Des)conexión"

  • Fina Fernández en "(Des)conexión"

  • Bea Ferreira nun fotograma de "(Des)conexión"

  • Bea Ferreira

  • Imaxe de "(Des)conexión"

  • Bea Ferreiro en "(Des)conexión"

  • Anxo, Joel, Iago, Fran e Bieito

  • Bieito Beceiro presentando "(Des)conexión"

  • Bieito entre cineastas da 9ª Chanfainalab

  • Bieito entre o público da 9ª Chanfainalab

  • Cartaz de "(Des)conexión"

load

Comentarios

Máis imaxes

Última imaxe

Temas: Bardaos, conflitos, creador@s, nenos e nenas, Santa Mariña do Monte, tecnoloxía, vídeos

Autor/a: Bieito Beceiro

Compartir en: